Presencia-Opinión / Europa
|
Portugal, cataclismo Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 20/12/2001) |
O cambio político aberto en Portugal cos resultados das eleccións municipais adquire a magnitude dun autentico cataclismo. É o inicio dun cambio total de escenario: o PSD non gañaba as eleccións municipais dende 1985 e as lexislativas dende 1991 (con Aníbal Cavaco Silva). Cunha derrota tan ampla (os socialistas quedan con 98 concellos fronte aos 144 da oposición socialdemócrata) e cargada de simbolismo (perda de Lisboa, Porto, Coimbra, Sintra, Cascais, Faro, etc.) semella impensable, aínda que aritmeticamente posible, a continuidade dun goberno do Partido Socialista sen Guterres. Haberá eleccións parlamentarias antecipadas. Como sinala Vital Moreira no Público, un segundo goberno PS só cabería imaxinalo establecendo un acordo con outro partido que lle proporcionara un mínimo de sustentabilidade. Pero ningún dos hipotéticos aliados está en condicións de asumir ese compromiso. Falemos do PCP ou do PP -reducido xa á practica marxinalidade-, ambos os dous saíron igual e severamente derrotados destes comicios. A vista dos resultados, mais parece que se produciu un voto de castigo xeralizado a unha xestión que un entusiasmo irrefrenable pola alternativa. As causas concretas son difíciles de explicar. Para algúns, a clave podería estar na deficiente xestión económica dos ultimos anos; para outros, nunha recente e impopular lei que penaliza severamente a conducción baixo o efecto de bebidas alcohólicas. Pero en Portugal numerosos analistas viñan detectando e denunciando unha situación que José Vítor Malheiros non dubida en calificar de “cinzentismo político”. Prado Coelho vai mais alá: “¿Cómo é que se nâo deram conta de que o país em que viviam se tinha desde há muito transformado num pântano político, sem alma nem rumo, sem paixâo nem convicçao, entregue à esperteza saloia de técnicos de imagem de gabinete, aos truques desastrosos dos Campelos, aos compromissos vergonhosos dos Sasportes da cultura, ás acrobacias para a sobrevivência dos Varas, e assim por diante?”. En suma, a ausencia da política. A crise abre a cuestión da fin do guterrismo e da sucesión. Na parrilla de saída, Jorge Coelho, ministro de infraestructuras e número dous do Partido. O PS debe reconstruir a súa identidade e a súa estratexia, pensar e debatir con iniciativas, mesmo refundarse din algúns para retomar o discurso da esquerda, moi debilitado por unha combinación letal de arrogancia e falta de paixón polas ideas. Se Paulo Portas, do Bloco de Esquerda, navega agora na desilusión, o PCP, arrastrado na derrota, non conseguiu recoller as perdas do PS. A falta de entendemento entre as dúas principais forzas da esquerda, con ese marcado discurso de alonxamento do PS para a dereita facilitado por unha praxe política progresivamente devaluada na súa identidade, é unha clave sobre a que ambas forzas deberían reflexionar. Quizais a CDU podería influir mais positivamente entrando na área do poder e propiciando un escoramento progresista da acción do goberno e dificultando a materialización do que Vital Moreira chama unha “despudorada política sem principios”. Carvalhas sofre unha importante derrota nas áreas de tradicional influencia comunista. Á baixa en porcentaxe e en número de alcaldías conseguidas sumase a merma do seu poder local en Cámaras de gran significado como Loures, Évora, Barreiro ou no distrito de Beja, o corazón vermello da reforma agraria. No outro polo, Durâo Barroso afronta agora o seu momento máis doce, alegremente ensombrecido polo esmagador trunfo do seu principal rival no seo do PSD, Pedro Santana Lopes, unha competencia fratricida que moitos auguran aínda como mortífera a medio prazo pero agora amortiguada por un éxito electoral tan amplo como inagardado. ¿Pode cantar victoria de confirmarse a hipótese dunhas eleccións antecipadas? Está por ver que o trunfo do domingo signifique unha victoria propia e non prestada pola derrota do PS. A situación de Portugal despois do 16D foi excelentemente resumida por Vítor Malheiros: “as eleiçoes podem parecer clarificadoras, mas arriscam-se a apenas agitar as áugas para as deixar na mesma calmaria podre”. |
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 18/12/2001
|