Presencia-OpiniónVolver ó índice / Estados Unidos
Da guerra
Por Fernando Pérez-Barreiro Nolla (Tempos Novos, outubro/2001)
 

Parece que as guerras, como os pobres do Evanxelio, van estar sempre connosco. Non había moito motivo para crer que non sería así. E agora xa se lle chama por ese nome ao que tal vez non sexa estrictamente unha guerra. De certo que non como se entendía outrora.

As opinións sobre cada guerra nascen no medio dunha situación de enfrentamento político, como é normal. E procúrase entón, antes de máis nada, defender a propia causa como se non tivese sido mudada pola entrada en escea da forza armada. A guerra conxela as posicións anteriores, pero tamén da a oportunidade de rectificalas. E, en todo caso, modificadas quedarán no correr do conflicto.

Un ataque espectacular deu motivo para que a primeira potencia militar e económica do mundo reaccionase, movida a su poboación por un auténtico sentimento de medo a perder o conseguido. Esas expresións de patriotismo que moitos europeos encontran cuase incomprensibeis, atrasadas e absurdas, son unha resposta diante da ameaza ao “American dream”, o ideal de raíz utópica, e non sempre aplicado aos demáis, que configurou ese país aínda novo feito por inmigrantes de diversos países, continentes e culturas. Mesmo por iso, e porque é a primeira vez que os Estados Unidos se ven ameazados tan de perto e tan dentro da casa, cabería esperar que a sensibilidade dos estadounidenses aumente non só para eles senón tamén para os demáis. Albíscanse xa algúns indicios diso.

Non podemos anular mortos con mortos, nunha contabilidade macabra e deshumanizada. Precisamente porque tanto valen as vidas dos afganís ou dos iraquís como as dos norteamericanos ou as dos europeos, non podemos utilizar a sua extinción como argumento comparativo para nada.

A procura dos motivos non tería por qué ser máis difícil que a de tantos outros conflictos. Desanima un pouco ver tantas das millores mentes críticas con que contamos limitándose a repetir unha letanía de agravios por desaforos dos poderosos. Como se non tivese pasado nada o 11 de setembro. Nada novo. E faría falta algo novo. Habería que aproveitar esta terrible situación que aínda non sabemos cánto pode piorar para replantexar a estratexia da crítica, de cantos sofren das moitas inxusticias que se poden atribuir ás desigualdades da distribución do poder no mundo.

A destrucción do que non nos gusta sen pensar moito no que o vai sustituir ten a súa lóxica. É a lóxica do nihilismo. Partir de cero vai nesa lóxica. Pero quen recoñeza que no correr da historia, e entre todas as súas miserias, ten habido luceciñas de razón e esperaranza, en todas as civilizacións, non tería por qué partir de cero. Ten en que apoiarse para criticar e reconstruir.

Habería que comezar por recoñecer que o mundo é un lugar inseguro e mal equilibrado. Xa o era antes do 11 de setembro, como tantas veces ouvimos. Sigue séndoo agora, coa reacción dos Estados Unidos, e seríao tamén se os Estados Unidos non tivesen reaccionado.

O que compre para o futuro é tentar ver qué motivos de preocupación ou de esperanza hai nesa situación agudizada en setembro. ¿Desde qué ponto de vista? Desde o do progreso dunha liña persistente de millora humana, con uns poucos valores entre os que tal vez sexa a libertade o máis importante.

Imos pasar unha revista breve, nesa perspectiva, a algunhas pezas deste rompecabezas no que tanto está en xogo.

A idea da guerra que lanzou o Presidente Bush non coincide nen coa guerra clásica nen siquera coa do Golfo. Tal vez non vaia haber máis guerras como aquelas. Non hai que botalas de menos, porque guerras son guerras, pero vaise perder todo un capital de humanización dos conflictos armados que exixía a identificación dos combatentes, a distinción entre población civil e forxas armadas, etc, como premisas da aplicación do chamado direito da guerra. Atención, pois, a ver cómo actúan as estructuras do sistema “humanitario” nestas circunstancias.

A marxinación das Nacións Unidas, que parecían chamadas a ser o primeiro foro de solución do conflicto, tratándose dunha “guerra”, é preocupante. É verdade que unha guerra sin un Estado agresor non encaixa moi ben no sistema da Carta. Pero precisamente por iso preocupa o eclipse do que, mal que ben, oferecía algúns camiños de solución. E non hai que esquecer que, sen guerra fría, non habería por que temer un veto no Consello de Seguranza. Vanse tendendo pontes cara a ONU, pero non se comezou por aí nen moito menos.

A forma que vaia tomando esa alianza de países contra o terrorismo será moi reveladora da natureza da comunidade internacional que se aveciña. ¿Será máis importante que a ONU? ¿Cómo se conxuga coa OTAN? ¿E coas comunidades económicas ou máis que económicas tais como a UE? ¿Cómo se decide e quén dirixe? As respostas a estas perguntas, sobre toda á última, poden parecer obvias, pero a historia ten sorpresas.

Parece irse vendo que o terrorismo se esfuma como primeiro obxetivo e algúns estados vanse configurando como enemigos. Perigoso, pero indicador de que a alianza pode ser un superinstrumento de defesa dos intereses dos Estados Unidos en cuestións que non teñen que ver directamente có terrorismo.

Os terroristas, a rigor, non precisan de estados que os amparen. Calquer estado pode ser atacado en calquer momento con ese pretexto. ¿Non se pode acusar ao Eire de acobillar o IRA? O terrorista sobrevive en todo caso ao estado que o “ampara”, e o ataque contra éste é bon motivo para criar e xustificar máis terroristas.

Se efectivamente a alianza vai servir para iso, cabe perguntar por qué a necesitaban os Estados Unidos. ¿Por qué non lles chegaba có seu poderío económico e coa OTAN?

¿Onde queda o incipiente exército europeo? ¿Seica intervirá nos países europeos que acobillen terroristas?

A entrada na alianza de países árabes ou islámicos –confesionais ou non– pode provocar tensións entre os gobernos e as poboación deses países. Vese xa ben claro no Pakistán, nestes primeiros tempos en que escrebo, e hai que estar atentos a como se desenvolverá noutros. A Arabia Saudí é un foco de atención. Pero non é o único país en que unha minoría gobernante autoritaria sinte alarma ante a crisis social. Ata agora podía ir a Arabia Saudí ir sorteando os problemas, pero este setembro, por obra talvez dalgúns dos seus descontentos refuxiados nun alleo Afganistán, queda entre a espada e a parede. Non teñen máis remedio que apoiar aos Estados Unidos, pero ao ir dirixida a guerra, senón contra o Islam contra estados islámicos e personalidades islámicas, aumentará a reacción prerrevolucionaria. Que, por volta, terá que ser reprimida pola alianza. Unha razón máis para que a guerra poda durar tempo e tempo. E ser máis e máis “asimétrica”, no sentido de ser Estados contra poblacións ou grupos. Non pode ser doutro xeito cando non existe contrapeso hexemónico.

Non son das menos inquietantes as perspectivas desa guerra fluida no eido da política interior de seguridade. Ou para decilo máis claro, na vida diaria das nosas sociedades. ¿Servira isto para realizar os soños dos “segurócratas” que xustifican canto facilite a tarefa da policia? É moi doado afacerse a esas cousas. ¿Non será nisto, como na política exterior, que a nova situación sirva para facer o que xa se pensaba facer? Pensemos cántas cousa foran xustificadas polo anticomunismo nos tempos da Guerra Fría e en cánto máis fácil e amplo é o terrorismo como xustificación.

O concepto mesmo do terrorismo é impreciso abondo. O terrorismo dos recentes ataques a Nova Iorque e Washington é ben diferente do que ten un obxetivo político ben definido e que, despois de todo, pódeselle conceder aos terroristas, ou incluso pódese negociar con eles. Os terroristas foron as parteiras da República de Irlanda e do Estado de Israel, por falar de dous exemplos de terrorismo satisfeito e ata glorificado. Pero os do 11 de setembro, como non se cansan de repetir os que procuran as “causas” do conflicto, serían expresión dun descontento radical do sistema en conxunto. ¿Satisfaríanse cunha mudanza da política estadounidense no Oriente Medio? Non esquezamos o inoperante que foi, nunha escala ben máis reducida, a actitude negociadora do Reino Unido para resolver o problema do terrorismo na Irlanda do Norte.

Se son imprecisos e amplos os obxetivos dos terroristas, non o son menos os dos Estados Unidos. Lembremos que o actual Secretario de Estado, Colin Powell, foi o voceiro máis destacado da limitación das intervencións das forzas armadas estadounidenses fora do país. Era a chamada Doutrina Weinberger da década de 1980, renovada agora, de non entrar en accións militares sen un obxetivo político preciso e que puidese ser atinxido nun tempo breve, e sempre cunha estratexia de retirada prevista. Contrata isto có dito pouco despois do atentado polo Presidente Bush de que a guerra “non parará deica ter descuberto, paralizado e derrotado a todos os grupos terroristas de alcance mundial”. ¿Segue Colin Powell pensando o que pensaba? ¿Haberá enfrentamento real entre falcóns e pombas? ¿Será por iso a demora da reacción inmediata e fulminante que algúns esperaban?

Algunhas rexións, como as da Asia Central, que tiñan un protagonismo latente nos conflitos polo dominio dos recursos naturais, van pasar a primeiro plano. Demorarán máis, ainda que aí están, esperando a ocasión, os interesados en intervir máis en certos países africanos. Sobre todo, nesta perspectiva, os da África Occidental.

O apoio de Rusia á alianza pode ser un paso decisivo para restaurar unha certa mormalidade naquele país. Parece como si o camiño da solución do desorde interior tivese que pasar en Rusia polo camiño do internacional. É evidente o interese de Rusia en xustificar a sua loita contra o “terrorismo”chechén. Pero haberá que ver que precios se pagan nesa alianza. Pois, xa no inmediato, é prácticamente impensábel sen apoio ruso a actividade militar da alianza desde os estados da vella Unión Soviética limítrofes con Afganistán. Estase perfilando Alemania como o mediador natural e preferente con Rusia e eses estados.

Outro apoio que haberá que ver por qué camiño vai é o da China, que, segurada xa a sua entrada na OMC, poderase permitir pedir certas compensacións pola sua axuda. No económico e no estratéxico. Non é doado que fique Taiwan fora da ecuación.

Sempre se dixo que a primeira vítima das guerras e a verdade. Ou, sen máis, a información. Non o parece, con tanta visualización inmediata de tódolos escearios, pero quen atenda sabe que non é así. Tal vez nos primeiros días non fose moi clara a censura militar, pero agora vaise impoñendo. Non só nas noticias senón incluso nos comentarios estratéxicos. Sempre se poido aproveitar a guerra para censurar o máis posible, pero nun conflicto coas características de imprecisión de actividades, escenarios e obxetivos con que se presenta esta de agora, pódese censurar todo ou cuase todo.

Entre a información que non se vai ter cóntase a da intelligence . É asunto do que habería moito que dccir. Abonde agora con sinalar que se vai vendo que a tecnoloxía non e quén para substituir o axente tradicinal, que era unha persoa, a “Humint” (human intelligence), que se dí no xargón do oficio. E neste tipo de guerra fai máis falta que nunca. O apoio do Pakistán, que ten un excelente servicio, e moi importante, por eso, si se vai atacar a Afaganistán, Por certo que unha das eivas do proxectado exército europeo é a sua deficiente intelligence . Parece raro, ademáis, que un aspirante a superestado como é a Unión Europea non teña un bon servicio dese xénero. Podería agora aproveitar o estadounidense, pero non esta éste no seu mellor. Asunto a considerar.

-------------

Aínda que teñamos dito que o mundo xa non era lugar seguro, a verdade é que o que pasou o 11 de setembro criou unha nova situación, para ben ou para mal, dentro desa inseguridade. Se iso era un dos fins da operación, conseguiuse, có custo que xa sabemos.E como toda nova situación, trai consigo riscos e oportunidades. A actitude de descontento, crítica, progresiva ou como se lle quera chamar, ten aí a grande oportunidade de revisar a sua estratexia, cousa que non chegou a facer no curto intermedio entre o final da guerra fría e o comezo da guerra nova.

O vector que cabería propor para comezar esa revisión é o de fixar uns valores mínimos. E uns criterios para ir xulgando sen moito parti pris . Por exemplo medindo, como se dixéramos, canta libertade se gaña ou se perde . Esa contabilidade é posíbel. E ten que ser miuda e temporal, non de conxuntos. Antes de denunciar a hipocresía de quen non defende máis que a súa libertade, ver cantas libertades defenden os do outro lado. Acertar con a rasoira, aplicar a mesma medida a todos, non ter unha lei para uns e outra para os contrarios, ser consecuentes non xuicios. Distinguir, que en iso consiste o ser crítico. E ver qué propostas que non sexan a da destrucción simple nos oferecen ou queremos que nos oferezan.

En cuase todas as cuestións da lista das páxinas anteriores querse deixar aberto un camiño para seguilas, sopesalas e xuzgalas. Hai moitas máis.


Londres, setembro de 2001.

 

Fernando Pérez-Barreiro Nolla é membro do Consello Asesor do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 02/10/2001