Presencia-Opinión / Balcáns
|
Montenegro: as dificultades da independencia Por Xulio Ríos (Canal Mundo, 06/11/2001) |
Montenegro preparase para celebrar a consulta plebiscitaria sobre a separación da Federación Iugoslava. O proceso corre un serio risco de fracaso debido á incapacidade do bloque soberanista de definir unha estratexia común sobre a maneira de arribar á independencia. Aos problemas internos cómpre sumar a negativa posición da comunidade internacional, asi como das autoridades de Belgrado. Tres son os principais impulsores da consulta: Partido Democrático dos Socialistas (DPS), Partido Liberal de Montenegro (LSCG) e o Partido Social Demócrata (SDP). Contan ademáis co apoio dos partidos albaneses. Na comisión parlamentaria creada para elaborar o proxecto de lei relativo á consulta non participan os partidos pro-iugoslavos e o propio DPS, aínda asistindo ás sesións, opta sistematicamente pola abstención co obxectivo de que sexan os deputados da Cámara lexislativa quen decidan finalmente sobre a súa aprobación. Entre os partidarios da independencia, o principal motivo de discusión é a definición do número mínimo de electores necesarios para dar validez á consulta. Liberais e socialdemócratas estiman que non é necesario establecer un quorum mínimo, mentres que o DPS insiste na necesidade non soamente de gañalo senón de contar co apoio de máis da metade dos electores montenegrinos. Os argumentos do DPS son os seguintes: para saír da Federación debemos manter o mesmo quorum que para entrar e, segundo, de non garantirse ese minimun non se producirá recoñecemento exterior nin interior dos seus resultados. A OSCE emitiu o pasado 6 de xullo unhas recomendacións sobre o referendo: a decisión da independencia debe estar apoiada por un número suficiente de votantes como para que a forzas pro-iugoslavas acepten o resultado; do contrario, o referendo traerá consigo máis conflicto e inestabilidade. As esixencias do bloque anti-independentista son dobres: que participen máis do 50% de electores na consulta e que a decisión sobre a independencia conte co respaldo de máis da metade do corpo electoral. Cun nivel de debate tan confuso, a actitude discordante do DPS e as tensións crecentes no seo do bloque soberanista, non se descarta que en lugar do referendo, a iniciativa da consulta remate nun fiasco e na convocatoria de eleccións lexislativas antecipadas. |
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 07/11/2001
|