Presencia-Opinión / África
|
En tanto a diplomacia española non renuncie á idea
de celebración do referendo de autodeterminación no Sahara Occidental Non cabe agardar mellora algunha nas relacións con Marrocos Por Xulio Ríos (AGN, 03/11/2001) |
Dúas son as claves que explican o delicado estado das relacións entre os Reinos de España e Marrocos, afirma Xulio Ríos, director do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). En primeiro lugar, a nova situación internacional creada despois dos atentados do 11 de Setembro. Como afirma Abdelmounaïm Dilami en L’économiste, o mundo ten novos valores e iso debe reflectirse no mundo da diplomacia. Pero non soamente novos valores, tamén novas necesidades, asegura Xulio Ríos. Estados Unidos e a súa coalición internacional precisa do máximo de apoios posibles e seguros no mundo musulmán. Marrocos, peza clave no Norte de África, puso un prezo evidente á súa implicación nesa estratexia: a entrega do Sahara Occidental. É desde aquí que Mohamed VI proclamou o pasado día 1 que “os terroristas suicidas non teñen dereito a chamarse musulmans”. En segundo lugar, cómpre referirse á clave bilateral. O asunto central que motiva a actual situación de aspereza non é a pesca, nin o tránsito de productos agricolas, nin tan sequera as pateiras, senón o futuro do Sahara Occidental. Rabat está testando a Madrid unindo tres contenciosos territoriais: Sahara, Sebta e Mélilla e Xibraltar. Piqué negocia co Foreign Office o estatuto de Xibraltar, Aznar recibe na Moncloa aos alcaldes de Ceuta e Melilla, pero a respecto do Sahara o goberno español, din en Rabat, mantense inamovible, utilizando dúas varas de medir. Ahmed Chater, pregúntase en Le Matin, por qué Madrid non pide un referendo para Xibraltar e si para o Sahara. Cando no Forum euro-mediterráneo, París insistiu na necesidade de recoñecer o dereito marroquí sobre o Sahara e Madrid expresou as súas reservas, rachouse a baralla, acusando entón a España de veleidades de vasalización e de protectorado sobre o Sahara Occidental. Rabat non quere referendo e acusa ao veciño do Norte de obstaculizar os traballos da Cuarta comisión da ONU que debate un acordo defendido por James Baker e Kofi Annan no que preconizan a volta á estratexia anterior, é dicir, a pura e simple ocupación, baseada na constatación de argumentos históricos, xurídicos e culturais que ilustrarían a pertenza do Sahara a Marrocos. Rabat equipara a unha operación desestabilizadora o intento de crear un novo Estado independente no seu flanco sur. A decisión de Rabat e a viaxe de Mohamed VI ao Sahara en días pasados indican ás claras que este asunto vai partir as augas nas relacións entre España e Marrocos e os problemas persistirán en tanto Madrid non se decante apoiando as súas teses nos organismos internacionais e reducindo os apoios á causa saharauí no seo da sociedade española. Aveciñanse moi malos tempos para a causa do pobo saharaui, vaticina Xulio Ríos, director do IGADI. |
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 07/11/2001
|