Presencia-OpiniónVolver ó índice / Cuba
Post-Fidel: ¿Unha Cuba á coreana?
Por Xulio Ríos (Canal Mundo, 10/07/2001)
 

O momentáneo desmaio de Fidel o pasado 23 de xuño cando se dirixía á cidadanía en La Habana trasladou a cuestión da sucesión e do futuro dunha Cuba sen Castro ao epicentro do debate político e tamén das especulacións. No exilio de Miami seica barallan informes sobre a saúde do Comandante en xefe que proceden, aseguran, do seu equipo médico persoal, e segundo os cales Fidel entrou nunha nova etapa da súa vida que obriga a tomar en serio novos escenarios.

Outros sinais indican que asi acontece xa no propio Palacio da Revolución. O pasado 4 de xuño a televisión cubana pasaba as imaxes dun Raúl en boa forma fisica, en plena escalada da Serra Maestra, a montaña máis elevada da illa. Eno diario Gramma, Raúl declaraba uns días antes que o rumbo da Revolución estaba asegurado. Nos mentideiros políticos, do interior e do exterior, o irmán de Fidel aparece dende hai anos como o máis firme candidato á sucesión. Pero sempre pode haber sorpresas.

Fai mal Fidel en manterse en primeira liña ata o final. A dirixencia cubana debería dar paso a novas xeracións. Que o futuro político de Cuba se resolva acudindo a confianzas consanguíneas resultaría triste e empobrecedor. Cuba e o esforzo dos comunistas cubanos merecen outra alternativa. Non é que Raúl careza de capacidade ou mesmo, como din algúns, sexa partidario do continuismo sen cambios, cuestión pouco crible, senón que o debate político debe abrirse a fondo, pluralizando as opcións e oportunidades. Ese proceso debeu lideralo Fidel hai anos, como fixo Deng na China, onde os relevos na cúpula dirixente prodúcense con naturalidade cada dous mandatos.

Cuba non é, non pode ser, Corea do Norte. E non soamente pola cuestión sucesoria, a última perversión do socialismo zuche, senón porque non resistiría outro descalabro dunha economía reconstruida con paciencia despois da desfeita soviética e hoxe moi diversificada no seu relacionamento exterior: en 1990, Cuba mantiña o 8% do seu comercio cos países da UE e un 5% cos de América Latina e o Caribe; esas proporcións chegan hoxe ata o 30% con cada un deles. A pesar do crecemento medio do 3,4% nos últimos seis anos, o salario medio é de 230 pesos mensuais, uns dez dólares ao cambio paralelo.Empiorar a situación cubana, sen chegar a producir revoltas que non contan hoxe con aval social na illa, si poden erosionar gravemente o caudal de apoio da Revolución.

En todo caso, Raúl non alberga o carisma nin a autoridade do seu irmán e iso máis que un problema é unha avantaxe para favorecer o traballo en equipo e desatascar o proceso cubano. A outra transición debería producirse no exilio onde o impasse perpetúase despois da desaparición de Mas Canosa. Nesa delicada e fráxil relación, importará cada vez máis quen marque o paso e quen leve a iniciativa.

 

Xulio Ríos é director do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 10/07/2001