Presencia-OpiniónVolver ó índice / Europa
Unha viaxe polas rexións do Arco Atlántico: Poitou-Charentes (Francia)
Por Sylvia Gómez Saborido (ECO, agosto/2001)
 

O litoral atlántico de 463 km. de costa máis os outros 230 km. das illas de Ré e d´Oléron confírenlle a Poitou-Charentes unha forte vocación marítima, reflectida na importancia da pesca, a ostricultura e o turismo, sector económico de gran futuro, baseado este nas actividades naúticas, a arte romana, as brañas e, dende a súa creación no ano 1987, no atractivo de Futuroscope.

A rexión económica e administrativa de Poitou-Charentes, de 25.809 km2, abrangue 4 departamentos: Charente, Charente-Maritime, Deux-Sèvres e Vienne, e aumenta a súa poboación de maneira constante a pesar de rexistrar un acusado avellentamento e mercede ó saldo natural e migratorio positivo de Vienne e Charente-Maritime.

Sen grandes metrópoles, soamente a capital Poitiers, La Rochelle, Angolême e Niort acadan os 100.000 habitantes. Por outra banda, a gran proporción de vivendas unifamiliares e de propietarios (entre as maiores de Francia) caracterizan un espacio predominantemente rural e de hábitat disperso.

O sector primario ten unha notable importancia; case as tres cuartas partes da superficie rexional están adicadas á agricultura, cun predominio da gandería (bovina e ovina) orientada cara á producción de carne, ou de leite; os cereais teñen gran importancia no centro, e os viñedos do sur fornecen a producción de cognac, de gran peso nas exportacións rexionais.

A actividade industrial (industria agroalimentaria e de transformación sobre todo), tradicionalmente localizada nas cidades portuarias (La Rochelle), sufriu unha forte crise entre os anos 89 e 94, apoiándose logo nas pequenas e medianas empresas e na diversificación para saír do estancamento. Nos últimos anos, o pólo tecnolóxico do Parque de Futuroscope ten dinamizado notablemente a actividade das empresas, constituíndose nunha sorte de liceo lúdico-innovador e nunha referencia para a industria eléctrica e electrónica e mailo turismo. A rexión foi así atraendo a localización de grandes empresas no seu territorio: a SAFT nas primeiras cidades, a automobilística Heuliez en Deux-Sèvres, ou a Leroy-Somer, primeiro productor galo de motores. Mais destaca especialmente, xa no terciario, a implantación en Niort das sedes dun bo número de aseguradoras nacionais.

Cunha renda per cápita de 23.653 euros de media, a rexión contabiliza un total de 67.497 empresas, case un tercio pertencentes ó sector comercio-servicios, garantindo un considerable pulo ao emprego rexional, estabilizando a taxa de desemprego no 12,2% (1999), algo máis elevado que a media nacional.

A cooperación interrexional que desenvolve Poitou-Charentes amosa tamén esa vocación alántica da que falabamos ó principio. Asociada a Pays de Loire e Limousin na AGLIA (Asociación do Gran Litoral Atlántico), institución que ten por obxectivo o fomento das actividades vencelladas á pesca, acuicultura, medio ambiente, formación e comercialización dos recursos do litoral, a rexión mantén tamén froitíferas relacións con Bretaña. Membro da CRPM, Poitou-Charentes acolle a Secretaría Permanente do Espacio Atlántico (Arco Atlántico) e, xa no plano internacional, ten asinado acordos con Québec, Vietnam, a China e Polonia, que contemplan ben a difusión da francofonía, ben a cooperación no eido da economía, a cultura e a educación.

As boas infraestructuras rodoviarias e ferroviarias, máis os seus tres aeroportos, renden facilmente accesible a rexión, e a nova estación do TGV (outro “efecto Futuroscope”) coloca o parque a 90 minutos de París.

 

Sylvia Gómez Saborido é investigadora do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/07/2001