Presencia-Opinión / Europa
|
A Unión Europea impulsa a cooperación descentralizada Por Marcos Martín Pérez (Canal Mundo, 25/06/2002) |
A Unión Europea ven de aprobar a continuación da súa normativa a favor da cooperación descentralizada. Recentemente publicouse no Diario Oficial das Comunidades Europeas a prórroga do Regulamento de 1998 sobre cooperación descentralizada. O Regulamento, que estará en vigor dous anos máis, permitirá que durante este tempo se leve a cabo unha reflexión sobre o futuro deste tipo de cooperación. Dende que esta noción foi introducido por primeira vez no Cuarto Convenio de Lomé, a cooperación descentralizada ten sido un dos aspectos clave da cooperación ó desenvolvemento da Unión Europea. Nembargantes, non foi ata 1998 cando as actividades de promoción deste enfoque levada a cabo pola Unión Europea nos países en desenvolvemento recibiron unha base xuridica. A idea de cooperación descentralizada basease na necesidade de redefini-lo papel do Estado na política de cooperación ó desenvolvemento e de aumenta-la participación dos axentes económicos e sociais, asociándoos tanto á toma de decisións como á realización das políticas. En definitiva, trátase dun novo enfoque que sitúa ós axentes no centro do proceso a fin de adapta-las operacións ás necesidades e facelas viables. O Regulamento, que expirou o 31 de decembro de 2001, foi prorrogado ata 2003 a fin de facilitar e apoiar a consolidación do concepto á vez que se concede o tempo necesario para a reflexión e preparación dun novo instrumento basado en novas orientaciones estratéxicas. Efectivamente, tras dez anos dende a introducción da noción de cooperación descentralizada nos textos normativos da Unión, esta considera que o concepto ten que ser revisado. Así xa anunciou que próximamente adoptará as citadas novas directrices estratéxicas a partir das que redefinir o concepto de cooperación descentralizada e entrar na súa etapa de consolidación. Unha das propostas máis probables, coa finalidade de acadar unha maior coherencia, é a de elaborar unha única normativa para tódalas liñas presupostarias que financian actividades de cooperación descentralizada pois, na actualidade, a financiación otorgada ás organizacións non gobernamentais é independente do resto. |
Marcos Martín Pérez é colaborador do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 13/07/2002
|