Presencia-OpiniónVolver ó índice / Europa
A victoria dos Portas
Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 21/03/2002)
 
 

A estratexia dos Portas resultou a gañadora. Os socialdemócratas venceron e regresarán ao poder despois de seis anos de goberno socialista, como lembra Maria de Lurdes Vale no Diário de Noticias, pero a conquista de Durao Barroso non foi completa, como a derrota do PS foi relativa. Quen máis motivos teñen para festas son os dous Portas, os irmáns Paulo e Miguel que dende o CDS/PP e o Bloco de Esquerda, respectivamente, conseguiron transformar nun dato substancial a súa minoría, a dereita e a esquerda. No caso de Paulo e o CDS/PP, aínda perdendo un deputado (en Viana do Castelo), situaronse como terceira forza no Parlamento, por diante da CDU, consolidando unha oferta política que moitos daban por fenecida a seguir destas eleccións. Portas resistiu e o seu concurso vai ser decisivo para a gobernabilidade nos próximos anos. No caso de Miguel, o ascenso do Bloco de Esquerda, con ser cativo (18 mil votos e un 13,5 en porcentaxe), implica un deputado máis (Joao Teixeira, no Porto) e representa a única forza de esquerda que consigue incrementar lixeiramente o seu respaldo electoral. O deputado elixido no Porto logrou desta vez o que non puido Miguel Portas nas lexislativas de 1999, cando quedou a 1.200 votos de acadar o acta.

Pola súa banda, a CDU confirma as vellas tendencias. Fugas pola dereita, cara ao PS, e fugas pola esquerda, cara o Bloco, agravando os escenarios das eleccións municipais en zonas clave, especialmente no Alentejo ou no distrito de Setúbal. A perda da CDU, máis do vinte por cento do seu electorado, agrávase ao pasar a ser a quinta forza, por detrás do CDS/PP. Xustificacións aparte, o desgaste da admirada esquerda tradicional evidencia a súa crecente dificultade para conectar cos novos movementos sociais e a imposibilidade de cercenar o progresivo distanciamento dos sectores máis dinamicos da sociedade que observan o PCP como unha formación escasamente pluralizada, unha máquina partidaria burocratizada e sen canais para afortalar a representatividade das propias bases. A negativa de Carvalhas e outros líderes comunistas a realizar ese Congreso extraordinario que dende as autárquicas cada vez máis voces demandan sitúa á defensiva ao grupo dirixente e coloca ao PCP nun dos momentos máis delicados da súa historia recente. A CDU perdeu máis de cen mil votos e importantes bastións no distrito de Évora e outros, reducindo notablemente a cantidade e a cualidade da representación. A crítica de Joao Amaral sumaronse as voces de dirixentes “fieis” como Joao Goulao ou Carlos Luís Figueira. O medo a abrir unha caixa de pandora non debería impedir a análise profunda dos resultados electorais e sobre todo abordar as causas do retroceso da influencia social e politica do PCP.

¿Como pode afectar o cambio político en Portugal ás relacións entre Galicia e o Norte? Existen vencellos o suficientemente sólidos, a nivel económico e empresarial especialmente, que non fan temer polas relacións bilaterais, por certo estancadas no institucional practicamente dende as eleccións autárquicas. No entanto, cómpre sinalar que a victoria do PSD pode non favorecer os intereses estratéxicos de Galicia en relación a Portugal nun aspecto que xa nos últimos anos do goberno PS foi adquirindo un notable empuxe: a consolidación do eixo Madrid-Lisboa que pode recibir agora un novo impulso da man do tándem Barroso-Aznar. Importa que dende Galicia se evidencien xestos de sintonía coa nova dirixencia do país e que dende o conxunto da sociedade se pluralicen as relacións cos diferentes actores, animando iniciativas e propostas audaces que eviten o traslado á periferia dunhas relacións especialmente transcendentais para Galicia e o Norte que poden naufragar pola escasa visión política das sociedades (máis alá de líderes sectoriais) de ambas as dúas beiras do Miño.

 
 

Xulio Ríos é director do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 23/03/2002