Presencia-OpiniónVolver ó índice / Europa
A victoria de Fischer
Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 24/09/2002)
 
 

Nin Schröder, nin Stoiber, nin sequera Os Verdes foron os triunfadores da xornada electoral. O único vencedor foi Joscka Fischer, o político máis popular de Alemaña rompeu os prognósticos levando ao seu grupo á acadar a maior representación parlamentaria da súa historia. Agora terá que xestionar ese case 9% dos votos que o consolidan como terceira forza federal.

As enquisas non se equivocaron desta vez e o empate anunciado entre as dúas grandes forzas produciuse. Schröder non foi quen de aproveitar totalmente a vantaxe que lle proporcionaron, nos últimos meses, determinados elementos externos (inundacións, belicismo norteamericano, éxito dos socialdemócratas suecos) pero si foi quen de recuperar posicións perdidas durante a segunda parte do seu mandato por mor tanto da crise económica e da elevada taxa de paro como da perda de influencia do eixo Berlín-París na política europea ou do illamento da socialdemocracia nun ambiente de predominio conservador. Aínda así perdeu case 3 puntos que se encargou rapidamente de atribuír ao desgaste propio do exercicio do poder.

Tampouco Stoiber foi quen de facer valer a súa fama de bo xestor económico nin os aires favorables que sopraban de toda Europa e, especialmente, da capital norteamericana. O seu ascenso non é suficiente, e mesmo é escaso tendo en conta o baixo nivel do que partía. O seu carácter ríxido e o feito de que o candidato da alianza da dereita fose o líder do partido máis cativo, a CSU, limitou as súas posibilidades no norte prusiano, a pesares do apoio de poderosos sectores económicos que mesmo empregaron as portadas dalgúns dos seus xornais para pedir o voto para a alianza CDU/CSU. Agora Angela Merkel poderá facer gala da xenerosidade que tivo no seu momento ao non opoñerse ao nomeamento de Stoiber e demandarlle a este que se retire a coidar do seu feudo bávaro onde conseguiu máis do 60% dos votos.

Como fracaso tamén se pode considerar o resultado dos liberais , quen víctimas das súas indefinicións entre a CDU/CSU e o SPD, non conseguiron substituír aos Verdes como partido bisagra e só lograron agravar aínda máis a crise interna na que se atopan.

De desastre pode cualificarse o resultado do PDS quen queda practicamente fora do Bunbdestang ao non superar o 5% dos votos e só terá representación por representación maioritaria (dous deputados). Os herdeiros do SED non foron capaces de soportar a ausencia do seu carismático líder Gregor Gysi quen abandonou entre o cansazo e o escándalo dunha corruptela menor.

Pola contra a capacidade de resistencia foi a que permitiu a Fischer converterse no gran triunfador da xornada electoral do domingo. Os Verdes non só aumentaron en votos (case 2 puntos) senón que se consolidaron como a terceira forza, imprescindible para formar goberno ou para mantelo, e mesmo romperon coa tradición de que o partido máis cativo acostume a pagar os pratos rotos pola coalición gobernante.

Neste éxito ten moito que ver a figura de Fischer capaz de sobrevivir tanto ao abandono de Lafontaine do goberno e da dirección do SPD como aos bombardeos da OTAN en Kosovo, á intervención de tropas alemanas en Afganistán ou de soportar que lle guindasen unha bolsa de pintura vermella no seu rostro. Pero tamén de defender con valentía as súas decisións por máis incomodas que fosen, de facer atrevidas propostas na construcción europea, de non renunciar ao seu pasado de mozo radical cando a dereita tentou eliminalo pola vía xudicial, de resistir as cambadelas que Schröder lle preparou cando a moción de confianza, de debater abertamente cos sectores radicais ou fundis do seu partido e ao tempo de servir de aglutinante entre os distintas opinións internas.

Agora Os Verdes terán que xestionar o éxito, valorar a presencia no goberno, as condicións para seguir na coalición e sobre todo facer valer o peso que lle aportaron os votos. Schröder tamén terá que afinar a súas relacións cos seus socios se quere manter con eles o goberno de coalición.

En todo caso Alemaña, só un ano despois do 11-S e cunha seria ameaza de guerra enriba, optou por non camiñar pola abafante senda conservadora que nos últimos anos semellaba ser o camiño elixido polas sociedades europeas.

 
 

Carlos Méixome é membro do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/09/2002