Presencia-OpiniónVolver ó índice / Rusia
Poder e televisión
Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 05/02/2002)
 
 

Moitos analistas, entre outros e recentemente desaparecido Pierre Bourdieu, teñen estudiado en profundidade a relación entre poder e información. A preponderancia nos medios é sinónimo de dominio político ou económico. En Italia, Berlusconi aumentou o inmenso poder que xa tiña, coas canles privadas que posuía, coa cada vez maior influencia que exerce sobre as públicas. En Rusia, Putin deseñou o control político tamén a través do mediático. Agora remata de saír victorioso doutra batalla ao clausurar a TV6.

O control dos medios de comunicación por parte dos poderes políticos e/ou económicos, evidente desde os inicios do capitalismo industrial, ten orixinado, nas últimas décadas, verdadeiras batallas entre os distintos centros de decisión que compiten polo control das sociedades . A tendencia á concentración económica leva aparellada un proceso similar nos medios de comunicación, moi especialmente no, actualmente, máis eficaz: a televisión.

Hai pouco menos dun ano escribíanos neste mesmo Canal Mundo de Vieiros unha colaboración que titulabamos Putin e a televisión. Daquela facíamos referencia ás disputas entre o inquilino do Kremlin e os oligarcas da era Ieltsin. En concreto salientabamos as escaramuzas da batalla político mediática que tiveran lugar naqueles primeiros días de abril do 2001. A xigantesca compañía estatal Gazprom pasaba a controlar a canle NTV, principal panca sobre a que se apoiara durante anos o plutócrata Gusinski, quen daquela quedaba sen a súa ferramenta por mor das débedas contraídas coa poderosa compañía estatal do gas.

A rebelión dunha parte dos periodistas da cadea televisiva rematou co seu paso a TV6, propiedade de Berezovski, o outro poderoso oligarca da era Ieltsin. Agora Putin logrou facela calar e, ante a apatía da sociedade rusa, pasa a controlar as catro grandes cadeas televisivas (as estatais RTR e ORT, a NTV e a TV6). A vinganza de Putin sobre os oligarcas ieltsinianos que non se dobregaron ao novo orde xerárquico remata. Gusinski e Berezovski están fora de Rusia e as súas cadeas en mans do Kremlin.

En todos estes procesos Putin recorreu á legalidade formal e externa e a premer a xuíces e maxistrados por detrás. Un accionista minoritario solicitou liquidar a compañía de televisión por falla de rendibilidade. O Tribunal de Arbitraxe deulle a razón.

A TV6 tiña 156 centros de emisión rexionais e estendía a súa audiencia a preto de 80 millóns de persoas. Xunto ás emisións de ámbito federal intercalaba programas locais que eran seguidos maioritariamente e que agora pasarán a ser fonte de disputa entre os dirixentes rexionais. Fronte ao poder inmenso das canles de tv. os medios escritos pouco teñen que facer, nun país de dimensións territoriais enormes.

A doutrina de seguridade deseñada por Putin, cando era xefe do goberno, contemplaba xa a “seguridade informativa”. A modiño, co apoio dos servicios secretos (FSB), o Kremlin foi reducindo a pluralidade informativa e pondo lindes cada vez maiores ás liberdades individuais.

Segundo algúns, entre eles o mesmo Berezovski, a TV6 andaba a preparar unha investigación sobre os atentados, nos que morreron centos de persoas, cometidos, en 1999, en varios edificios de vivendas en Moscova e outras cidades, e que nunca aclarados. Daquela os terroristas chechenos foran os responsables. Na investigación mencionada seica se aportaban probas sobre a implicación do Servicio Federal de Seguridade (FSB) nos atentados. A resultado dos bombazos fora o reinicio da guerra en Chechenia; hoxe non se fala dela, tampouco nos medios occidentais. A pesar de que non hai máis de dúas semanas foron abatidos varios altos dirixentes militares rusos.

 
 

Carlos Méixome é membro do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 06/02/2002