Presencia-Opinión / África
|
Sáhara: a incongruencia dun acordo unilateral Por Ricardo Vieitez (Canal Mundo, 27/08/2002) |
Marrocos leva case duas décadas bloqueando a celebración do referendo no Sáhara Occidental. A resultas desa teimosía, o enviado persoal do Secretario Xeral, James Baker, explorou outros posibles mecanismos para resolver o conflicto. Entre febreiro de 2000, data na que rematou o proceso de identificación de votantes, e o 5 de maio de 2001, día no que o “Proxecto de Acordo Marco” (PAM) foi primeiramente presentado á Fronte Polisaria, os informes onusinos comezaron súbitamente a debuxar un negro panorama da situación e a subiñar as dificultades crecentes para a posta en práctica do Plan de Arranxo. Semellante estado de cousas levou a un deslizamento gradual cara o que logo rematou chamándose o “proxecto de Acordo Marco”, incluido no informe do Secretario Xeral S/2001/613, de 20 de xuño doe2001. O PAM vén sendo unha planificada integración do territorio en Marrocos mediante un simulacro de referendo. Un dos elementos principais asociados ao referendo é a habilitación dun período de transición de 5 anos durante os cales o Territorio permanecerá baixo soberanía marroquí en tanto diferentes corpos electorais, incluida a poboación marroquí residente no territorio, deben elixir a un órgano Executivo e a un Consello Lexislativo. Ao remate deste período, “un referendo decidirá sobre o futuro do Territorio”. Para ostentar o dereito ao sufraxio bastaría con ser “residente a tempo enteiro no Sáhara Occidental no ano precedente” (parágrafo 5 do Proxecto de Acordo Marco). Este precepto aspira a facilitar que un corpo electoral constituido por colonos marroquís diferente do xa identificado polos oficiais de Nacións Unidas, suplante ao pobo do Sáhara Occidental, o único que pode participar no decisivo referendo de autodeterminación. No PAM contémplase tamén que os gobernos de dous membros permanentes do Consello de Seguridade accedan a considerarse a sí mesmos, de ser necesario, como “garantes do cumplimento do acordo”. O PAM é unha obvia tentativa de satisfacer as aspiracións marroquís e lexitimar a ocupación ilegal do Sáhara Occidental. A súa lexitimidade e legalidade chocan de fronte coas resolucións de Nacións Unidas sobre o Sáhara Occidental e co veredicto do Tribunal Internacional de Xustiza que subliñou a carencia de pretensións lexítimas de Marrocos sobre o Sáhara Occidental. Actualmente barállanse tres argumentos para forzar o abandono do Plan de Arranxo como paso previo para introducir o PAM. En primeiro lugar, o procesamento das 130.000 apelacións presentadas por Marrocos que esixiría polo menos dous anos de análise intensa impedindo a realización do refendo nos prazos iniciais contemplados. En segundo lugar, a ausencia no Plan de Arranxo dun “mecanismo coercitivo” podería permitir ás partes non respectar os resultados do referendo. Por suposto este argumento refírese a Marrocos xa que a Fronte Polisaria sempre manifestou que acataría os resultados dun referendo libre e xusto organizado polas Nacións Unidas en conformidade co Plan de Arranxo. Por último, o refendo de autodeterminación contemplado no Plan de arranxo é unha solución “todo ou nada” e significaría a substitución do dereito de autodeterminación, pedra angular da doutrina das Nacións Unidas sobre a descolonización e auténtica substancia do Plan de Arranxo, por unha aproximación mercantil (gañadores e perdedores) para xulgar a respectatibilidade e os méritos dun referendo de autodeterminación. Tomando isto en consideración, o PAM non pode ser considerado nin un “acordo” ni un “marco” para resolver o conflicto do Sáhara Occidental. O seu “pecado capital” reside no feito de que, por unha banda, pretende reemprazar a única base legal consensuada polas partes (o Plan de Arranxo) por unha aproximación unilateral que satisfai os desexos da potencia ocupante. Por outra, permite que a poboación marroquí decida sobre o status final do Sáhara Occidental, en lugar do pobo do territorio, nun “simulacro de referendo” que se debe celebrar ao final dun período de transición de cinco anos. Resulta moi irónico que, mentres as Nacións Unidas transmitiron un Timor Leste completamente independente ao seu pobo soberano, preste cobertura agora a tentativas de adoptar unha postura totalmente diferente nunha situación idéntica, caso do Sáhara Occidental. O pobo saharaui debe exercer, de maneira limpa, libre e democrática, o seu dereito á autodeterminación. Calquera outra solución contraria a este dereito só conduciría a unha maior inestabilidae e conflictividade na rexión e non contribuiría á asentar a credibilidade, por outra banda tan menoscabada, das Nacións Unidas. |
Ricardo Vieitez é estudiante en prácticas no IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 29/08/2002
|