Presencia-OpiniónVolver ó índice / África
Sáhara: a partición é inadmisible
Por Ricardo Vieitez (Canal Mundo, 13/08/2002)
 
 

A espada de Damocles de Kofi Annan caiu sobre as testas dos membros do Consello de Seguridade das Nacións Unidas. Éste vén de aprobar unha resolución (S/RES/1394 [2002]) na que se preceptúa a elección entre as catro opcións posibles que amablemente suxire o Secretario Xeral onusino.

A primeira vía é o Plan de Paz. Aceptado no seu día por ambas partes, aínda que agora é obstaculizado por Marrocos, inclúe a celebración dun referendo de autodeterminación para elixir entre a independencia ou a integración en Marrocos. A segunda sería o Plan Baker, un proxecto de acordo marco que establece unha autonomía saharaui dentro de Marrocos. E como non hai dous sen tres, a partición do territorio foi calificada como a “terceira vía”, mentres que a renuncia de Nacións Unidas á mediación e a volta ás armas sería a derradeira saída.

Xeográficamente a partición presentase como unha repetición da levada a cabo entre Marrocos e Mauritania en 1976. Pero é inviable por moitas razóns. En primeiro lugar, polas implicacións territoriais que tería para a RASD. Unha división tal do territorio suporía que a RASD perdería unha boa parte do territorio que neste momento controla, o que está ao leste do muro ou berma, e que se atopa ao norte da liña divisoria do reparto marroco-mauritano. En segundo lugar, implicaría para a RASD a pérdida da súa fronteira con Alxeria, principal aliado, descalificando a argumentación de que esta hipotética partición permitiría unha saída ó Atlántico para Alxeria a través da RASD. Como consecuencia paradoxal deste reparto xeográfico, de levarse acabo deste xeito, unha das tribus do Sáhara Occidental mais belicosamente antimarroquíes, os Erguibat, quedaría inmersa dentro do territorio asignado a Marrocos.

Todas estas razóns contrastan coas versións verquidas na prensa española nas que se argumenta favorablemente a partición do territorio porque é unha solución que deixaría a todos satisfeitos. A RASD porque vería consagrada a súa existencia; Alxeria porque conseguiría unha saída o mar; Marrocos porque conservaría a zona na que máis investiu económicamente; Francia porque o seu aliado podería controlar, cando menos, parte do territorio ocupado; Mauritania porque coa perda da liña fronteiriza con Marrocos atoparíase cun “Estado colchón” de seguridade entre o seu territorio e o afán imperialista marroquí; España porque, con salvedades, acadaría a conclusión con “éxito relativo” da descolonización, abriría un espacio socio-económico de cooperación coa RASD e desactivaría boa parte da súa axenda de conflictos con Rabat; e non debemos pasar por alto o crecente interese dos EE.UU. pola cuestión do Sáhara e polo continente africano en xeral xa que capitalizaría a consecución da paz no Magreb quedando en óptima posición para impulsar a creación dun mercado único da rexión norteafricana.

É evidente que a liña divisoria entre Marrocos e a RASD trazada en 1976 debe ser variada amplamente para que a eventual partición conte cunhas mínimas posibilidades de ser considerada. En primeiro lugar, tería que ampliarse cara o noroeste a liña de demarcación de 1976 para que o territorio da RASD no futuro incluira a “tódolos actuais territorios liberados” que, por outra parte, domina a RASD actualmente. Territorios tan simbólicos como Bir Lehlú, lugar donde se fundou a RASD e capital provisional da mesma hoxe en día. Eesta sería a única maneira de que a RASD mantivera a fronteira con Alxeria. A súa vez, a actual fronteira oriental entre Marrocos e a RASD tería que ampliarse cara o oeste, para que o territorio da RASD, de non poder contar con El Aaiún, sí que puidera contar cando menos con Smara, capital espiritual do territorio, ubicada como El Aaiún nunha zona Erguibat, e que podería converterse provisionalmente na capital da RASD. En terceiro lugar, a liña de demarcación tamén tería que desprazarse mais ao norte, abarcando a cidade de Bojador na costa do mesmo nome e repartindo a zona de Bu Craa no interior para que ambos Estados puideran beneficiarse por igual dos fosfatos e das riquezas pesqueiras, quedando en vecindade con Canarias.

Tras unha prolífica ringleira de resolucións da ONU (como a 34/37 [de 1979] ou a 35/19 [de 1980]) que se converteron a través do lonxevo mecanismo do costume internacional en “papel mollado”, a cuarta vía como solución para un conflicto que comezou co desgraciado tratado de 1912 e que privou ao Sáhara Occidental do territorio comprendido entre o paralelo 27,40 e o río Draa para atribuirllelo ao sultán marroquí, aínda que nunca o posuira antes, non parece ser suficiente recompensa histórica para o pobo saharaui.

¿Sería xusto que o territorio do Sáhara Occidental sufrira unha nova amputación? Como sinalou a Asemblea Xeral das Nacións Unidas en reiteradas ocasións (na resolución 3438 A (XXX) de 10 de decembro de 1975) e despois nos Acordos de Madrid, que consolidan por certo a condición de España como única “potencia administradora” do territorio, Marrocos é un país ocupante que non merece, en xustiza, máis recompensa que a retirada incondicional e a imposición da subseguinte obriga indemnizatoria polos danos causados.

 
 

Ricardo Vieitez é estudiante en prácticas no IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/08/2002