Presencia-OpiniónVolver ó índice / Estados Unidos
As novas Táboas da Lei
Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 28/11/2002)
 
 

A OTAN reuniuse en Praga. Os xefes de Estado dos dazanove países membros foron convocados para discutir unha axenda centrada, a actualidade obriga, na guerra contra Iraq e o terrorismo. O presidente norteamericano, George W. Bush propuso dotar á OTAN dunha forza de intervención inmediata de 21.000 homes e utilizar as bases da Organización na próxima guerra contra Bagdad, deixando de ignoralas como aconteceu cando da intervención en Afganistán. Esta forza completará a que xa se atopa en fase de elaboración no seo da Unión Europea (60.000 efectivos), pero que unicamente sería mobilizable cun aviso de antelación de sesenta días, o que parece demasiado tempo aos ollos do Pentágono.

Con estes acordos, a OTAN pretende saír reforzada do cumio de Praga que inicia o quinto alargamento da súa historia e a adopción dunha nova estratexia militar para o século que agora comeza. Sete países de Europa do Leste –dun total de dez candidatos– foron convidados a entrar: Bulgaria, Estonia, Letonia, Lituania, Eslovaquia, Eslovenia e Romenia. Todos se beneficiarán dunha importante axuda financeira que será destinada integramente á modernización das súas forzas armadas. Xa sabe, sen dúbida, a prioridade número un de todos estes países, a maioría sen recuperarense aínda de todo do descalabro económico e social da transición post-comunista.

É unha primeira concreción de cómo Estados Unidos imaxina o exercicio da súa hexemonía planetaria, á lus das novas “Táboas da Lei”, o documento que Washington fixo público o pasado 20 de setembro para definir as grandes liñas da súa estratexia en materia de defensa e de política exterior, trinta e tres páxinas, a penas trece mil palabras palabras, que precisan a concepción do papel de Norteamérica no mundo. A nova doutrina, The National Security Strategy of the United States of America, retoma o esencial das ideas contidas noutro documento, Defense Planning Guidance, preparado polo vicepresidente Dick Cheney cando dirixía este Departamento con Bush pai, se ben cos inevitables retoques de Condoleezza Rice.

¿Resume? Polas boas ou polas malas, Washington vai tratar de impor os valores e o modo de vida americano ao resto do mundo. En suma, ou democracia ou míseis. Os Estados Unidos, cunha potencia sen precedente nin rival, non lle queda outra opción, afirmase, que asumir a obriga de definir e supervisar a orde internacional, non coa disuasión ou a contención da guerra fría, senón coa guerra preventiva que esixe o novo inimigo, o terrorismo. A seguridade nacional de Estados Unidos pasa por manter a seguridade en todo o planeta, en especial no interior do mundo árabe. Para o Pentágono a causa do descontento non radica na inxustiza ou na pobreza, senón na falta de democracia. Esa é a causa última do terrorismo e para acabar con el haberá que impor o desbloqueo desas sociedades, abrindo camiños a libres formas de expresión política. Sen entrar na súa crítica, custa crer neste discurso cando non atopa mellor camiño concreto que forzar unha guerra contra Iraq, ou situar a Irán e Corea do Norte nun eixe do mal que, a todas luces, carece de conexión algunha, cando menos que se saiba, co terrorismo de Al Qaeda.

Europa debería sumarse ao discurso democratizador, pero non na liña que se está a facer, rivalizando en medios de defensa con Estados Unidos, cousa prácticamente imposible, senón fixando as coordinadas do que deberíamos chamar a paz preventiva, en contraposición á letra con sangue entra que a Casa Branca ergue como principio sacrosanto da súa peculiar pedagoxía democratizadora.

 
 

Xulio Ríos é director do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 26/11/2002