Acción exterior
|
¿Deber de inxerencia medioambiental? Por Xulio Ríos (O Correo Galego, Suplemento Prestige, 06/01/2003) |
Tantos anos reivindicando unha posición para Galicia no mundo e o “Prestige” situounos nel en poucos días dun xeito que difícilmente alguén poderá esquecer. En efecto, por mor da inmensa catástrofe medioambiental que nos asola, Galicia é hoxe referencia universal do que nunca máis debe acontecer. Da China a Canadá, de Sudáfrica a Chile, Galicia emerxe como a víctima dun dos peores desastres ecolóxicos da historia recente, agravado por unha xestión da crise tan torpe como perniciosa. Na outra cara da moeda, se evidencia o exemplo dunha sociedade capaz de crecerse ante as dificultades, de autoorganizarse para facer fronte ás consecuencias da calamidade, unha sociedade que interioriza sobre o terreo a íntima conexión existente entre medio ambiente, economía e política. Esa era unha das novidades esenciais da nova época que xurdiu da fin da guerra fría, a posibilidade de ultrapasar os ríxidos límites dos actores tradicionais das relacións internacionais, os estados, para imaxinar (e configurar) novos e positivos escenarios para universalizar as identidades, pequenas ou grandes. De certo, o desastre do Prestige universalizounos un pouco máis. O outro eixe, ben é verdade que un tanto perverso na súa implementación real, consistía no dereito-deber de inxerencia humanitaria, xustificado ante situacións de gran calamidade humana que coexistían coa ausencia de estado ou a súa fraxilidade extrema. Ese intervensionismo, definido por Krieger como “a inxerencia coercitiva por parte dun estado ou grupo de estados dentro da xurisdicción interior doutro estado, tanto nos seus asuntos externos como internos”, desenvolveuse nun mar de confusión ante a necesidade de respostar con rapidez a situacións que non estaban previstas en ningún guión e con fins pouco claros, entre o deber moral de garantir o respecto de dereitos básicos, a lexitimidade desas accións e as segundas intencións dunha xenerosidade controvertida. A ausencia de Estado é unha das características máis comentadas por numerosos observadores ao analizar os sucesos destas últimas semanas, ante a insuficiente resposta dos aparellos administrativos que debeu ser suplida cunha dinamización exemplar da propia sociedade civil. Obviamente non estamos no caso dese medio cento de países en proceso de desintegración interior e marxinalidade crecente cara o exterior, con cidadáns deambulando entre a supervivencia e o desexo de emigrar, sociedades violentamente fragmentadas, con gobernos carentes de lexitimidade, institucións inexistentes, crecemento económico negativo, co sistema productivo e comercial colapsado, sen diñeiro para comprar nin vender, etc., elementos todos presentes nos hipotéticos destinatarios das intervencións humanitarias. Pero tampouco estaría de máis nin resultaría esaxerado acentuar o ingrediente medio ambiental nesa conciencia global que debe permitir construir un réxime legal de seguridade arredor de cuestións como o desenvolvemento, a democracia ou o respecto dos dereitos humanos, e imaxinar tamén un deber internacional de inxerencia medioambiental que procure os medios indispensables para protexer un patrimonio substancial e común da humanidade, como é o medio, á lus dos principios que proclama a Declaración da conferencia das Nacións Unidas de 16 de xuño de 1972. Neste documento, principio sete, se asegura que “os Estados deberán tomar todas as medidas posibles para impedir a contaminación dos mares por substancias que poidan pór en perigo a saúde do home, danar os recursos vivos e a vida marina, menoscabar as posibilidades de lecer ou dificultar outras utilizacións lexítimas do mar”. O Departamento de Asuntos Humanitarios (DHA) de Nacións Unidas, creado en 1992, está pensado para mellorar a eficacia do sistema onusino na coordinación da asistencia humanitaria de emerxencia. O DHA actúa sostidamente contra a seca, a desertificación e outros problemas medioambientais con incidencia singular na viabilidade económica de certas realidades e, sobre todo, coordina e mobiliza a resposta en casos de desastre. Galicia non é un país en vías de desenvolvemento e está en condicións de acceder aos medios máis modernos para facer fronte a unha crise destas características, mália a torpeza política. O DHA terá sen dúbida outras prioridades que atender cos seus escasos medios. Agora ben, de Estados Unidos a Francia, a experiencia internacional acumulada non debería ser patrimonio individual de cada país. Por iso mesmo, no seo do DHA sería perfectamente imaxinable a habilitación dunha base de datos na que se centralice toda a información científica de interese para compartila, democratizando o coñecemento e poñendo os medios para que o intercambio de experiencias facilite a adopción das mellores decisións en dramas similares que poidan producirse no futuro. Unha célula de análise podería asistir aos gobernos nestas crises, sen os inconvintes de improvisar sobre a marcha. Noutro plano, o que atinxe á utilización dos exércitos na loita pola preservación do medio e para paliar os efectos dos desastres, outro paralelismo coas intervencións humanitarias, cabe pensar na aplicación civil de numerosos avances tecnolóxicos que, imaxino, poderían ser de utilidade nesta outra batalla. As consecuencias do desastre do Prestige afectan sobre todo a Galicia, e poderían afectar nos próximos días a Francia. Son moitas as voces que reivindican, con razón, un maior protagonismo a todos os niveis da Unión Europea. Se están dando pasos nese sentido, a remolque da crise, evidenciando a fraxilidade e mesmo a inexistencia de políticas preventivas o suficientemente agresivas, como tamén se evidenciou a inexistencia de “fronteiras” seguras. É obvio que non cabe falar de respecto da soberanía ou da regra de non intervención senón da habilitación de mecanismos e fórmulas de coordinación conxunta que permitan facer fronte á catástrofe. Cómpre reivindicar un deber de inxerencia medioambiental ante crises como esta. Difícilmente poderá alguén invocar aquí coartadas para intervencións por razóns políticas ou económicas. Se a comunidade internacional é responsable por todas e cada unha das violacións dos dereitos humanos, cómo non vai selo da protección do medio ambiente. Como no suposto dos dereitos humanos, pola súa naturaleza, o medio invalida a distinción tradicional entre orde interna e orde externa e crea unha permeabilidade xurídica nova. Se esixe afondar nese cambio de mentalidade e de Galicia, iluminada agora pola luz negra do Prestige, debería xurdir a proposta dunha conferencia internacional que marque un punto de inflexión neste asunto, propiciando o interese por unha mundialización real dos problemas –e das solucións- que importan ao conxunto da humanidade. O mundo debe funcionar como unha comunidade multilateral con pautas cooperativas e responsabilidades colectivas. A ONU ten aquí unha oportunidade para xestionar problemas que, aínda podendo, non deben ser abordados de forma illada. E Galicia para transformar o pesadelo posicionandose no mundo cunha mentalidade avanzada. |
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/12/2002
|