Presencia-OpiniónVolver ó índice / África
O Sahara occidental e a diplomacia do esgotamento
Por María del Mar Gómez (Canal Mundo, 28/01/2003)
 
 

Mentres o mundo está expectante para saber do sentido do informe dos inspectores da ONU, a resposta do Consello de Seguridade e da inminencia da guerra, James Baker, o representante especial do secretario xeral das Nacións Unidas para o Sahara Occidental, percorreu durante catro días distintas capitais relacionadas co futuro do Sahara Occidental: Marrocos, Arxelia, Mauritania e Tinduf.

Formalmente, o motivo da xira consistía en explorar a situación do contencioso para fundamentar a decisión do Consello de Seguridade a propósito da prórroga ou non do mandato da misión das Nacións Unidas para o referendo nese territorio (MINURSO). Pero Baker avanzaba tamén unha proposta modificada do “acordo marco” presentado hai dous anos. ¿En que consistía? Previa celebración de eleccións, o Sáhara Occidental adquire o estatuto de territorio autónomo, baixo soberanía marroquina, cando menos ata 2007 ou 2008, ano en que se debería celebrar un referendo de autodeterminación.

A proposta do “acordo marco” contemplaba a concesión de autonomía ó Sahara Occidental, no marco do Reino de Marrocos, e unha consulta, pasados cinco anos, sobre o futuro do territorio na que poderían participar saharauís e marroquís, cun resultado máis que previsible.

Aínda que Baker non quixo facer públicos os detalles da nova proposición, segundo fontes diplomáticas, esta non difire moito do plan do 2001. agora, trala marcha do enviado especial semella claro que o mandato da MINURSO deberá ampliarse, cando menos tres meses máis, tal e como se ven facendo últimamente ante a imposibilidade de atopar unha solución definitiva.

Para a Fronte Polisario, a pesares da promesa do novo Plan de dar máis poder ó futuro goberno autónomo que sería elixido polos saharauís que figuran no censo provisional da ONU, non hai outra saída que Marrocos deixe de poñer trabas á celebración dun referendo xa e que de ser aprazado ata dentro de cinco anos sería secundado unicamente pola poboación marroquí, propósito buscado polo Reino alauita alongando e manipulando a realización do censo.

¿E os aliados? Alxeria aínda non se pronunciou respecto da nova proposta. EEUU trata de incrementar a súa influencia neste aliado decisivo da causa saharaui, ao que xa prometeron equipamento militar. Por outra banda, hai quen vincula a Baker co lobby petrolífero: catro meses despois de presentar o Acordo Marco anterior, Rabat asinaba pactos de prospección petrolífera con dúas compañías de Estados Unidos, e curiosamente, o mediador onusino era accionista dunha delas. Estes intereses reforzan igualmente as inclinacións francófonas. E sen perder de vista as manobras militares que tropas marroquís e estadounidenses realizan conxuntamente no sur do país africano.

Os saharauís levan nesta situación 27 anos e non acreditan nunha solución próxima, o que pode dar lugar ó regreso á loita armada. Unha descolonización mal feita –que obriga a España a implicarse activamente- e os intereses cruzados das grandes potencias marcan a vida e o futuro de milleiros de persoas mentres a aplicación da xustiza, tan evidente neste caso, se demora ad infinitum. É a diplomacia do esgotamento na que tantas veces se destragan as potencialidades e recursos da ONU.

 
 

María del Mar Gómez é investigadora do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 27/01/2003