Presencia-Opinión / Estados Unidos
|
Bases e oleoductos: de Cosova a Iraq Por Sylvia Gómez Saborido (Canal Mundo, 18/02/2003) |
En xuño de 1999, trala fin dos bombardeamentos da OTAN sobre Iugoslavia, as forzas americanas posesionaronse de 1000 acres de terra no surleste de Cosova, na fronteira con Macedonia, e comezaron a construcción dunha base. Gran proxecto de enxeñería, Camp Bondsteel é obxecto de interese nas revistas especializadas; nunha delas, o coronel Robert L. McClure escribía que o proxecto para a construcción dunha gran base americana en Cosova “iniciouse antes de que fose botada a primeira bomba”. Hoxe, Camp Bondsteel é un enclave, acostuman dicir as tropas da KFOR –con acceso denegado a ela- tan visible dende o espacio como a muralla chinesa. A presencia cada vez maior de tropas estadounidenses en Bondsteel (3/4 partes das desprazadas a Cosova) vén acompañada dunha crecente actividade das organizacións saídas do vello Exército de Liberación de Cosova –UCK- como a UCPMB ou a UCK Macedonia, que actúan contra serbios, albaneses e xitanos con case total impunidade no sector americano segundo a nova limpeza étnica desatada trala caída do poder serbio e a desintegración de Iugoslavia. Como logo ocorreu en Afganistán coa Alianza do Norte, ou en Iraq co Congreso Nacional Iraquí, as tropas americanas proporcionan un interesante intercambio de prestación de servicios, no que as milicias locais protexen as instalacións norteamericanas e, a cambio, concédenselles armas ou o monopolio do tráfico de droga (caso da UCK, que controlaba durante a guerra de Cosova o 70% do tráfico de heroína cara o oeste de Europa). Camp Bondsteel é tamén parada obrigatoria para os discursos dos homes máis importantes da Administración Bush. En 2001, o secretario de Defensa Donald Rumsfeld explicáballes ás tropas o papel que desenvolvían na nova Administración: “¿Canto debemos gastar nas nosas forzas armadas? Na miña visión , nós non gastamos en vós. Os homes e mulleres que serven nas nosas FF.AA non son unha perda para a nosa economía; en realidade, sodes vós a salvagarda. Non sodes un peso, sodes un piar fundamental para o noso crecemento”. ¿Ten Camp Bondsteel, a parte do seu maximalismo, un lugar especial ó sol na política exterior norteamericana?. Rescatando un artigo do leal Washington Post anterior ó inicio da guerra de Cosova, achamos unha clave: “co Medio Oriente máis e máis fráxil, as bases nos Balcáns sérvennos para protexe-lo petróleo do Mar Caspio (...) que require unha solución a longo prazo para o seu transporte cara os mercados europeos e americanos”. Identificadas xa as compoñentes (bases, drogas e petróleo), Camp Bondsteel sitúase nun lugar vital entre os corredores enerxéticos en construcción nos Balcáns, moi destacadamente, o oleoducto Transbalcánico, esponsorizado polos Estados Unidos a través de Exxon-Mobil e Chevron. Ambas compañías débenlle tamén servicios a outra. O contrato de servicios de Camp Bondsteel, tomado como importante referencia da política exterior americana nos últimos tempos, é o maior dunha serie de contratos militares encargados á Brown&Root Services. A súa fortuna medrou á par que o intervencionismo americano no estranxeiro. Coñecida dende a Administración de Lyndon B. Johnson como principal adxudicataria da construcción de encoros, B&R diversificou logo as súas actividades coa construcción de plataformas de petróleo, bases militares, portos e instalacións nucleares. Acadada a prosperidade nas concesións obtidas na guerra de Vietnam, B&R opera en Bosnia, Cosova, Hungría, Chechenia, Ruanda, Paquistán, Laos, Indonesia, México ou Colombia, como filial de Halliburton Corporation, a máis grande fornecedora de productos e servicios á industria petroleira norteamericana. En 1992, Dick Cheney, entón secretario de Defensa da Administración Bush senior, adxudica a B&R un moi bo contrato: provisión de servicios ó exército norteamericano nas súas “operacións globais”. Cheney deixou logo a política para ser director xeral de Halliburton entre 1995 e 2000; actualmente é vicepresidente de EE.UU baixo a Administración de Bush junior, e conta os éxitos de Halliburton como propios a través da extensión do modelo (unha base abre e protexe oleoducto) ás repúblicas ex-soviéticas trala incursión do pasado ano en Afganistán. Temos xa a conexión bases, petróleo, drogas, e interese corporativo norteamericano no modelo de referencia dos Balcáns. ¿Por qué moitos políticos de Europa, cumpriría dicir, da “vella Europa”, pensan agora que a campaña contra Iugoslavia en Cosova foi unha escusa para a construcción de Camp Bondsteel? Camp Bondsteel está tamén no núcleo dun dos proxectos máis importantes da UE, as RETE (Redes Transeuropeas de Transporte), das que forma parte o Corredor 8, que a Unión privilexiaba dende 1994 como rota estratéxica para a mellora do comercio europeo leste-oeste trala ampliación. A idea dos corredores europeos recupérase trala caída do muro de Berlín para facilita-los intercambios multimodais (mercadorías, persoas, petróleo e gas, telecomunicacións) entre a UE e os estados balcánicos, como prolongación dende os mares Negro e Caspio, e Asia Central. Nesta política europea, privilexiar unha directiva en troques doutra, ou decidir os portos terminais dos corredores, significaba redeseña-lo mapa da nova Europa. Durante a II Conferencia paneuropea (Creta, 1994) foron identificados dez corredores; os dous principais pasaban por Iugoslavia: o nº8, Varna, Durazzo, Bilari, Brindisi; apoiado por Estados Unidos, Bulgaria, Italia e Turquía; e o nº10, Budapest, Belgrado, Salónica apoiado por Rusia, Alemaña, Grecia e Iugoslavia. Ámbolos dous corredores converxen en Macedonia, polo que a situación deste país é xeopoliticamente clave, como o proba o feito do rápido tratamento da súa integración na OTAN. Só se comparamos o mapa dos corredores cos do tráfico de drogas controlado polas guerrillas albanesas, vese a extraordinaria coincidencia nos puntos neurálxicos das redes estradais e de comunicación da zona, vixiados, dende satélite ou sobre o campo, dende Camp Bondsteel. Hai certamente, un desencontro entre os intereses estratéxicos estadounidenses e os europeos. Estados Unidos está acadando un control sobre os oleoductos para debilita-la concorrencia da Unión Europea transformando no seu beneficio os corredores como fluxos leste-oeste, atopando mercados para as súas compañías, creando unha nova dependencia tecnolóxica nos Balcáns, e, en definitiva, obtendo o control estratéxico e militar a través do trámite do acceso dos novos estados á OTAN. Nin Cosova, nin Afganistán, nin Iraq son unha excepción na política exterior norteamericana, prepotente, militarizada e corporativa. Tampouco son casos desconexos –o control dos xacementos implica o control dos conductos; a guerra convencional implica o armamento e uso anterior e simultáneo das milicias locais como carne de cañón; o país é primeiramente desestructurado e illado a través das sancións-. Teñen continuidade no mapa e na violencia, e violación, da lei internacional e, por suposto, de calquera atisbo de xustiza. |
Sylvia Gómez Saborido é investigadora do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 21/02/2003
|