Presencia-Opinión / Europa
|
Iraq, Europa, e os aliados Por Sylvia Gómez Saborido (a contrafío, 14/02/2003) |
Rara vez na historia da OTAN as diverxencias entre os Estados Unidos e Europa se teñen amosado con tanta acritude. Fontes próximas á organización atlántica aseguran que a petición de Turquía “pretende exercer un pouco máis de presión sobre os países discrepantes”, é dicir, Francia, Alemaña e Bélxica, para que autoricen o inicio dos plans militares solicitados por Washington. Dito doutro xeito, para que certifiquen a guerra antes de pasar polo Consello de Seguridade da ONU, que non tería que deterse en considerar o plan franco-xermano de desarme para Iraq, única tentativa que existe, polo de agora, para para-la guerra. Como se esperaba, a ameaza contra Iraq ten funcionado como caixa de resonancia da fractura na Unión Europea, facendo moi visible a debilidade estructural da súa política exterior, a que sempre enfrontará ó Reino Unido e outros aliados filoamericanos, co compromiso comunitario. O problema de fondo non é doado de ocultar. Nun contexto de competencia entre bloques internacionais –que dende a postguerra fría vén identificado pola orde económica tripolar Estados Unidos-Unión Europea-Xapón-, a ganancia duns é perda para outros. É sabido que os países que máis se opoñen a unha agresión bélica por parte de Estados Unidos son os mesmos que teñen investido grandes sumas de diñeiro nos campos petrolíferos de Iraq e na súa reinserción no comercio internacional: Francia, Alemaña, Rusia e China. Ante unha ameaza común -a constatación de que hoxe existe unha única superpotencia, económica, política e militar para repartir dividendos-, os catro, xunto á Bélxica de Bruxelas, poderían formar un conxuntural bloque de facto coa intención de erixirse en freo da estratexia estadounidense (=a guerra). Unha estratexia que é percibida por parte crecente da opinión pública mundial como un roubo, non só de petróleo, senón de outras vontades e alternativas, concretamente, aquela que dí que a guerra non é inevitable se non se renuncia á intelixencia e a equidade. Os esforzos de Francia e Alemaña, contemplados nunha dimensión máis ampla, non teñen un baseamento irreflexivo nin conxuntural; Bruxelas ten moi presente a importancia que supón Rusia para un acordo político coa Unión, e, tamén, que o interese estadounidense por Moscova é, principalmente, que non se achegue a Europa. O cuadrilátero franco-chino-ruso-alemán, para consolidarse como alianza estratéxica de amplo espectro, debería ter clara a ponderación dos intereses como bloque alternativa ós que vencellan a cada un con Estados Unidos de xeito bilateral. Polo de agora, esta reflexión, que agora ten lugar na Unión, a mergullou na crise do “divide e vencerás”. Se os votantes europeos rexeitan maioritariamente a guerra –con medias que chegan ó 80%- cunha consigna principal, “non máis sangue por petróleo”, que fai referencia á rapiña estadounidense sobre os recursos dun país bombardeado e empobrecido, o núcleo europeo, Francia e Alemaña, percibiu xa hai tempo que a guerra contra Iraq é tamén unha guerra contra Europa. A ministra Ana de Palacio achaca ós intereses económicos a postura de Rusia, Francia e China, e sostén que París e Berlín son “importantísimos” para a construcción europea, pero que “ninguén pode secuestra-la voz de Europa”. “Secuestrar Europa” é tamén ignorar que, como se ven repetindo, a dependencia norteamericana do petróleo 1997-2020 medrará dun 44,6% a un 58%, e para Europa a progresión será do 52,5 ó 79% (88,8 -92,4% para o Pacífico, Xapón). “Rapiñar” fai tamén referencia ó feito de que un novo rexime, do tipo títere, en Bagdad, e que a bó seguro desestatalizaría o petróleo, podería moi ben non recoñece-los contratos asinados por Sadam con Francia, Rusia, China... en prol das petroleiras estadounidenses e británicas. A loita de capitalismos está nos fundamentos mesmos da Unión Europea, desenvolvida para lle facer fronte ó bloque do dólar e do agora enfraquecido yen. É unha aposta, á parte diso, por ter unha voz política independente e, polo tanto, crible e lexítima, que é o que reclaman agora Chirac e Schröder a través da presentación do seu plan para Iraq. Para Alemaña, concretamente, o investimento económico na Unión é tamén investimento en independencia política, nunca acadada totalmente trala Segunda Guerra Mundial. É desta época que procede o termo aliados, empregado dende hai tempo por Estados Unidos (e logo Reino Unido, España, Italia) para falar da súa relación euroatlántica con Europa. Un termo OTAN, linguaxe bélica, unha linguaxe nunca intelixente nin equitativa. |
Sylvia Gómez Saborido é investigadora do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 15/02/2003
|