Presencia-OpiniónVolver ó índice / Oriente Medio
¿Vietnamización de Iraq?
Por Xosé Luis Franco Grande (A Nosa Terra, 06/11/2003)
 
 

Pensan algúns que se está producindo a vietnamización de Iraq e que as forzas de ocupación serán expulsadas como tamén aconteceu en Líbano en 1983 e en Somalia dez anos despois. Pero, ó menos en Vietnam, as cousas foron moi diferentes: alí as tropas americanas non só se enfrontaron coa insurrección indíxena do Viet Cong, senón tamén co exército norvietnamita. E ó teren apoiado sen complexos a un réxime corrupto, axudaron á insurrección e ó exército.

Isto pode pasar, ou está pasando xa, en Iraq. É como se os invasores non soubesen actuar doutra maneira: botando man sempre da corrupción, ou, polo menos, de elementos de confianza, que ven ser o mesmo. Por iso un dos obxectivos máis caros á actividade guerrilleira é a policía iraquí porque colabora coas forzas de ocupación. Punto clave este, porque só se poderá derrotar a resistencia interior se contan os invasores coa axuda das forzas de seguridade do país.

Sábese moi pouco de quen está detrás das operacións da resistencia interior. Fálase de dúas posibilidades: os pequenos atentados serían debidos a un revolto de xentes leais ó deposto tirano, voluntarios con escaso entrenamento e cidadáns iraquís que, por moi diversas causas, odian ás forzas americanas; e a outra posibilidade é que os grandes atentados sexan de certo obra de al.-Qaeda. Polo demais, tampouco está clara a participacións estranxeira despois da guerra, pero si que un bo número de voluntarios árabes entraron en Iraq.

Pensan os EEUU mandar máis tropas, pero moitos cren que se incrementarían as posibilidades de risco de atentados. Xa hoxe hai tantos soldados alá que non se pode protexer a todos. E como non parece que teñan mellorado os servicios de intelixencia dos ocupantes, os problemas para os EEUU van ir en aumento. Sobre todo se o número de mortos se vai incrementando ó ritmo de agora. E nada digamos do custe bélico.

En calquera caso, o concepto de vietnamización é xa empregado nos propios EEUU. O que, por outra banda, era de agardar cando un xeneral tan coñecido no país como Wesley Clark asegura que “fomos levados mal a este conflicto sen unha verdadeira estratexia de triunfo”, á par que algúns políticos empezan a pedir a retirada das forzas invasoras ou a axuda -agora- de terceiros países.

 
 

Xosé Luis Franco Grande é escritor.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 12/11/2003
Fernando Pol