Presencia-Opinión / Rusia
|
¿Hai vida despois da morte? Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 11/12/2003) |
Gañou Putin por partida triple. Primeiro, porque gañou o seu partido, Edinaïa Rossia (Rusia Unida), a formación presidencial. Segundo, pola severa derrota do seu rival-inimigo máis perigoso, o Partido de Guennadi Ziuganov, que viu reducido á metade o seu respaldo electoral, víctima dunha exitosa campaña de “todos contra os comunistas”. Terceiro, polo éxito da estratexia a respecto dos seus principais rivais-aliados: a formación de Zhirinovski, da ultradereita nacionalista, experta nesa demagoxia que nos momentos decisivos sabe decantarse polo Kremlin, que pasou dun 5,98 % a un 12,8%; e a nova agrupación nacionalista de centroesquerda, escindida do PC, Rodina, unha especie de Frankenstein fabricado por Putin para debilitar a oposición comunista. A guinda deste magnífico resultado para Putin: a desfeita dos irmáns-inimigos: os liberais de Iabloko e os liberais da Unión de Forzas de Dereita, representantes da dereita moderada, que non superaron a barreira do 5 por cento. Con estes resultados nas eleccións á Duma, o Presidente Putin encara as presidenciais de marzo con total tranquilidade e non terá problemas para reformar a Constitución e aspirar a máis mandatos. Que votaron os rusos? Obviamente, polo poder. Incluso cando votaron por opcións nacionalistas, de dereita ou de esquerda, estaban a votar polo poder, na medida en que resultaba claramente perceptible a instrumentalización por parte do Kremlin desas formacións, chámense Zhirinovski ou Seleznev. O cal non deixa de ser paradoxal, pois, sobre todo despois do 11S, a política de Putin é, cos matices xustos, claramente prooccidental, apoia a fondo a Washington na súa loita contra o terrorismo internacional, cortexa a OTAN e a UE e intenta cruzar a porta da OMC. E a interpretación social mais recorrida é a que relaciona a debilidade do país coa interesada acción exterior dos países occidentais. O voto do descontento quedou totalmente diluído. Anteriormente catalizado polo PC, primeira forza do mapa político ruso, por organización e por respaldo electoral, fragmentouse en diferentes anacos, foise á abstención, e perdeu forza en conxunto, desterrando os espacios liberais e moderados que reclaman a fin do nepotismo, a corrupción e o autoritarismo. ¿Non hai vida despois da morte? Os resultados destes comicios sitúan ao PC ante unha moi difícil tesitura. A crise de identidade do único partido realmente existente na Rusia postsoviética vaise ver acentuada con estes resultados. Mais que nunca é patente a opción entre a simple aceptación do declinio do fenómeno comunista na propia Rusia, o inicio da súa marxinalización, ou a evolución cara un gran partido de esquerda, moderno, aberto, democrático e reformador que poida imaxinar a posibilidade de converterse nunha expresión da alternancia. Esa carencia é a que facilita a emerxencia de Putin como a forza imprescindible, o único garante da estabilidade que o pais precisa, inevitablemente autoritaria para evitar o caos, e indefectiblemente incapaz para construír un sistema democrático e moderno.Coa nostalxia do pasado dificilmente pode avanzar o PC e gañar as capas máis xoves da sociedade, recuperar a súa presencia tradicional en ámbitos claves como as forzas sindicais, hoxe mediatizadas polo Kremlin, ou os ámbitos académicos e universitarios. Se perde o voto da protesta contra os aspectos máis negativos da transición cara o mercado sen operar esa transformación, logo será tarde. Cómprelle realismo e dinamismo. |
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 09/12/2003 |