Presencia-OpiniónVolver ó índice / Outros
Os señores do mundo
Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 29/05/2003)
 
 

Na estación termal de Évian (Francia) se inicia esta fin de semana o cumio do G7, mutado en G8 en 1988 co acompañamento de Rusia e quizais agora, transmutado en G9, coa rechamante participación da China, se ben o seu ingreso formal semella virtualmente imposible en tanto non homologue o seu sistema político. Non basta a economía (socialista) de mercado, importa o liberalismo. Na véspera, un contra-cumio celébrase en Annemasse, onde o mundo asociativo expresará os seus puntos de vista sobre a mundialización e oporá desafíos políticos e sociais concretos ós dosieres económicos que ocupan aos novos señores do mundo.

Non estamos ante unha organización internacional. O G8 é un grupo informal, non ten secretariado nin estructura algunha, tampouco personalidade xurídica propia, pura entelequia dirán algúns, pero con capacidade dabondo para desvirtuar o significado da cooperación internacional, exercendo de directorio escasamente representativo pero cunha eficacia impositiva fóra de toda dúbida. Chirac, o organizador deste cumio, defende a bondade dunha iniciativa que puxo en marcha Giscard d’Estaing con notable éxito en 1975. “O que aquí se decida, afirma Chirac, debe implementarse a través das diferentes organizacións internacionais a través dun diálogo ampliado”.

O interese esencial deste cumio de Évian vaise centrar en dúas cuestións. En primeiro lugar, medir o nivel de recomposición das deterioradas relacións entre europeos e americanos por mor da guerra contra Iraq. Tradicionalmente, o cumio ven funcionando co que se podería cualificar de “espiritu de equipo”, pero cómo mantelo cando un dos seus integrantes, o máis forte, actúa de forma teimudamente unilateral? Fortalecido pola súa victoria e pola potencia do dólar (á baixa para facer máis competitivas as súas exportacións), Bush pode explicitar unha vez máis a súa capacidade para impor os seus puntos de vista a unha Europa claramente dividida. Chirac, en coherencia co compromiso que adoptara en Doha, debía propor neste cumio a suspensión das subvencións á producción agrícola dos países desenvolvidos para favorecer o desenvolvemento dos países máis pobres. Unha iniciativa difícil e comprometida que non facilitará a superación da fractura aberta entre os aliados deste Clube que Bush pasará a presidir en 2004, ano electoral para el.

O segundo elemento de interese é a participación de Hu Jintao, elixido en marzo pasado como Presidente da China. Hu asistirá xunto con outros vintecinco xefes de estado ou de goberno que foron convidados expresamente por Chirac como demostración concreta desa vontade de favorecer un “diálogo ampliado”. China asiste pois nese grupo de países emerxentes, xunto con Brasil, India ou Marrocos, pero cunhas cifras verdadeiramente destacadas: 13% do PIB mundial (despois de EEUU: 21%); terceiro país exportador despois de Estados Unidos e Alemaña, segundo a OMC; se ben cunha renda per cápita de 900 dólares.

O achegamento de China é expresión do recoñecemento do seu medre económico, máis de vinte anos a unha media do 8-10%, e un referendo a Hu Jintao, o seu novo líder, que tentará sacudirse a pésima imaxe do país pola deficiente xestión da crise da pneumonía e comprometer a Bush no problema de Taiwán. Nas últimas semanas, impulsando un plan de choque sen precedentes, Hu Jintao e Wen Jiabao, o primeiro ministro, conseguiron facerse co control da crise e, apoiándose no éxito conseguido, impulsan agora unha significativa política de remoción de cargos que afecta esencialmente ó mapa das lealdades provinciais, todas debedoras do anterior Presidente Jiang Zemin. En Évian, Hu Jintao, gris e sempre discreto nas súas saídas ó exterior, presentarase cos deberes feitos e co interese engadido por parte dos líderes occidentais de averiguar se a súa alianza cos medios de información en China obedece a cálculos inmediatos ou se pola contra, existe algún atisbo de liberalización no horizonte oriental.

 
 

Xulio Ríos é director do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 28/05/2003