Presencia-OpiniónVolver ó índice / Estados Unidos
Sun Tzu e a guerra de Bush
Por Xulio Ríos (a contrafío, 04/02/2003)
 
 

É mellor gañar sen loitar, máxima de Sun Tzu, o misterioro guerreiro chinés e autor do libro de estratexia máis prestixioso e influínte do mundo, ben podería ser o lema de cabeceira de George W. Bush. Probablemente sexa pedir de máis, pois o característico da reflexión do filósofo oriental sobre o que chama “a arte da guerra” é esa presencia constante de humanismo no exercicio do poder, aspecto notablemente ausente nas políticas do actual inquilino da Casa Branca. Baste un exemplo: dos 30 mil millóns de dólares que Bush vai solicitar ao Congreso nas próximas semanas para incrementar as súas partidas de libre disposición, soamente un millón é para educación nos países pobres, o demáis é para seguridade e defensa.

Parece Bush limitado de máis para seguir a delicadeza oriental. Hai quen di que o leu e que toda a escenificación que vivimos está destinada a convencer a Sadam da credibilidade da súa aposta. Difícil de crer se atendemos ó seu discurso sobre o estado da nación no que deixou claro que EEUU non agardará ás decisións doutros países con respecto a Iraq. O gran ultimato debe fixarse mañá mércores día 5 cando Colin Powell, secretario de Estado, presente ao Consello de Seguridade da ONU “información e intelixencia” sobre os “programas ilegais de armas de Iraq”.

Pero información e intelixencia, o que posibilita a un mando militar sabio vencer aos demais, en palabras de Sun Tzu, non equivalen ás probas que reclaman moitos europeos e os propios demócratas estadounidenses que, como Clinton, nada sospeitoso de estar no amplo bando dos que están“contra nós”, advertiron que para resolver a guerra hai que adiantar e demostrar feitos. E ata agora, os inspectores da ONU non atoparon probas fidedignas da existencia de armamento de destrucción masiva, a pesar das mostras de escoramento de Hans Blix cara as teses norteamericanas, comprometendo seriamente a imparcialidade do seu mandato.

É obvio que se precisa máis tempo para chegar a conclusións fiables, pero Bush, autoconvertido en máster do universo, non está disposto a concedelo e vocifera sen rigor contra o goberno de Sadam, acusado agora de manter vinculos con Al Qaeda e ser pior que o hitlerismo, o comunismo e o militarismo xuntos. Pásenlle un espello, por favor...

No último número de Foreign Policy, os profesores John J. Mearsheimer, da Universidade de Chicado, e Stephen M. Walt, de Harvard, desmontan un a un os argumentos da administración americana para atacar Iraq. Segundo estos autores, Sadam non é o suicida irracional e incontrolable que nos queren facer crer a Sra Rice e o Sr Rumsfeld, pois do contrario EEUU non lle facilitaría, como fixo en 1980, fotos dos seus satélites que indicaban as posicións iraníes ou facilitado as toxinas do botulismo e os xermes do ántrax que agora tanto preocupan no Pentágono e que, con bo criterio e sano xuizo non utilizou durante a guerra de 1991. O propio Rumsfeld, enviado de Ronald Reagan, apostaba en 1983 por Sadam de maneira entusiasta como aliado clave na rexión para conter ao Teherán de Jomeini.

Os guerreiros victoriosos vencen primeiro e despois van á guerra, mentres que os guerreiros vencidos van primeiro á guerra e despois intentan vencer, afirmaba Sun Tzu.

Bush irá á guerra por que ambiciona o petróleo, por que quere deixar claro ante o mundo que dispón do armamento máis avanzado e a “lexitimidade” subseguinte para exercer o liderado global, por que Israel soña con acabar con toda resistencia palestina e con reordenar o mapa da rexión en función da súa seguridade. Bush e Sharon son guerreiros vencidos, pero, parafraseando a Sun Tzu, mellor que perdan sen entrar en batalla.

 
 

Xulio Ríos é director do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 06/02/2003