Leer el artículo en castellanoPresencia-OpiniónVolver ó índice / Outros
A retirada española de Iraq, ¿o preludio dun fracaso?
Por Aarón Lemos (Galicia Información, 22/04/2004)
 
 

O pasado domingo, tres días despois de xurar o seu cargo como presidente do novo goberno, José Luís Rodríguez Zapatero ordenou a retirada das tropas españolas emprazadas na terra iraquí no marco das operacións de posguerra acordadas cos Estados Unidos polo presidente saínte, José Maria Aznar.

España sae así dun Iraq no que a victoria estadounidense o foi tal só dende o punto de vista oficial. Aínda que Sadan Husein estea en poder dos Estados Unidos, os feitos demostran que o odio cara Occidente non era algo unicamente pulado por o dictador, senón que atopa arraigo, entre outros motivos, pola longa historia de intervencionismo en prol dos propios intereses occidentais que alimentan e derrocan reximes segundo a súa utilidade nesta zona. Un intervencionismo no cal esta guerra foi tan só outro episodio.

Pero á marxe da análise deste conflicto, a arriscada decisión do Executivo español supón un punto crítico na alianza establecida para manter, sen éxito, o control do chan iraquí. No seu momento, o apoio de España e a intervención e posterior apoio na ocupación, foron unha alianza antinatura, na cal, España abandonou parte dos seus intereses europeos e xerou una de tantas crises á hora de tentar dotar á Unión Europea dunha política exterior común. Así, España deixou de lado ás institucións internacionais para estar á cabeza da loita contra o terrorismo. Por moi encomiable que sexa este motivo esgrimido dende o goberno saínte, máis cobizoso por acadar notoriedade no plano internacional que por respectar a legalidade internacional, está claro que parte dos cálculos realizados dende os executivos asinates do Pacto das Azores non acertaron. De feito, a toma de Bagdad realizouse rapidamente e as baixas foron escasas. Non embargante a posguerra está a destruír por igual ós soldados occidentais e as aspiracións á reelección de Bush. Se ben a superioridade militar está clara, Estados Unidos amosou unha total ineficacia á hora de facer política e conciliar os intereses dos moitos grupos que dende a derrota do rexime permanecían inactivos.

Nos diversos países agora ocupantes, déronse en maior ou menor medida movementos contra o inicio das hostilidades, e posteriormente en prol do retorno das tropas. No caso español, este regreso foi a promesa estrela durante a campaña electoral de Zapatero. Agora que se cumpre, destrúese unha alianza que para uns convertía España nunha parte da elite internacional, mentres outros a consideraban servilismo inútil. A primeira consecuencia desta retirada anticipada respecto ás datas prometidas polo presidente é o desgusto xeralizado e as recriminacións dende os Estados Unidos. O revés militar será mínimo, só 1400 soldados, pero se teme que outros países podar unirse á retirada, especialmente perante a evidencia da incapacidade estadounidense para manter unha situación estable e o recurso ao rapto de cidadáns occidentais que tantas dores de cabeza lle produce ós executivos de Xapón, Corea ou Italia entre outros. Hipólito Mejía, presidente da República Dominicana, declarou a súa intención de, no el caso de ser reelixido no cargo, non mandar novos soldados e retirarse de Iraq cando nun principio farían o relevo das tropas.

Nas últimas semanas, Estados Unidos mantivo contactos con representantes da ONU sen discutir dunha forma seria o posible traspaso de responsabilidades. A escasa disposición de Washington neste senso, dificulta pensar na realización dun traspaso de poder antes da data sinalada nun principio por Zapatero. A súa decisión implica serios riscos nas relacións con Estados Unidos, que aínda non lle perdoaron a Francia a súa oposición á intervención. Pensar que terá repercusións diplomáticas ou comerciais non é inverosímil. Para curarse en saúde, Miguel Ángel Moratinos, visitará Estados Unidos para reiterar o compromiso español contra o terrorismo e o apoio da legalidade internacional. A actitude española reaviva en varios países o debate en torno ao regreso das tropas.

Nas súas declaracións, Bush afirma a súa intención de non saír de Iraq até que considere alcanzados os seus obxectivos de pacificación e democratización do país. Pero tamén sabe que, na ausencia de aliados, a ocupación sería aínda máis complicada e que tería o seu custo electoral. No seu momento, iniciou esta guerra como unha cruzada contra as armas de destrucción masiva; ao non aparecer estas, liberar ao mundo de tiranos e loitar contra o terrorismo pasaron a ser os eixes do seu discurso cara ao público. Semella confiar na responsabilidade moral contra o terrorismo como elemento en torno ao cal cohesionar a alianza. Non embargante, da mesma forma en que Zapatero, por coherencia cas promesas que lle deron o poder, sae agora de Iraq, segundo se acercan as eleccións nos diferentes países, o instinto de supervivencia dos seus gobernos podería levalos a retirarse de Iraq, sabedores de que actualmente, ser parte desta ocupación só lles está reportando problemas domésticos, en vez de prestixio internacional.

 
 

Aarón Lemos é estudiante en prácticas no IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/04/2004
Fernando Pol