Presencia-OpiniónVolver ó índice / Europa
Outro escándalo en Ucraína: a moda dos espías
Por Alexis B. Romanov (Canal Mundo, 09/03/2004)
 
 

O pasado 18 de febreiro comparecía nas oficinas da emisora “Deutsche Welle” en Berlín, Valeri Krávchenko, conselleiro da embaixada ucraína e xeneral maior do Servicio de Seguridade de Ucraína, para declarar que recibira ordes dos seus superiores para espiar aos líderes da oposición ucraína e aos membros do goberno e altos funcionarios, ordes que non podía obedecer por ser ilegais.

Máis tarde puido entregar relevantes documentos ao deputado da oposición parlamentaria, Mykola Tomenko, quen fixo públicos parte deles. Nunha das instruccións recibidas polo xeneral desde Kiev se lle pedía presentar informes sobre a estancia en Alemaña de todas as delegacións a partir do nivel ministerial, prestando unha especial atención ás reunións informais.

Noutro documento do Servicio da Seguridade do Estado se lle demandaba recoller informacións sobre os periodistas que prepararon no canal central da televisión alemana ZDF unha reportaxe sobre a desaparición de cativos nun dos hospitais de Khárkiv (Ucraína) que podía estar ligada ao tráfico internacional de órganos e de seres humanos. Segundo o xeneral, no documento se dicía que a emisión do programa na televisión alemana “significaría comprometer a máis alta dirección do noso Estado… Cómpre tomar medidas para impedir a emisión…”. Tamén lle ordenaron espiar a un político alemán.

Noutro texto se demandaba ao xeneral e outros oficiais de seguridade que espiasen a todas as delegacións ucraínas, sen excepción, e individuos que desenvolveran accións no estranxeiro que puideran ter unha influencia negativa na implementación da estratexia política interior e exterior de Ucraína así como que obtivesen información dos círculos da diáspora ucraína.

Tanto o Presidente Kuchma – viuse obrigado a comentar os feitos porque a deserción do xeneral produciuse na véspera da súa visita a Alemaña – coma o Servicio da Seguridade do Estado rexeitaron as acusacións do xeneral explicando que se debían ao desexo de prorrogar a estancia en Alemaña porque, alegaron, lle faltaba diñeiro para rematar a renovación dun piso recen adquirido en Kiev (non obstante, parece evidente que a súa actuación lle impide todo acceso ao piso e ao propio país). Tampouco semella crible como razón para desertar o recente Decreto do Presidente sobre a retirada de oficiais da seguridade do estado colocados en todas as institucións públicas, unha práctica que se conservaba dende a época soviética. (Esta medida, adoptada con moito retraso, adquiriu axiña o nome da de-KGB-ización da sociedade).

Anque este escándalo parece estar provocado por acusacións de menos peso que noutros anteriores affaires políticos que tamén involucraban ao Presidente Kuchma (trátase, ao fin e ao cabo, de recollida de información, que é unha función “normal” de todo servicio de seguridade) e a pesar dos intentos oficiais de quitarlle ferro ao asunto, moitos observadores estranxeiros percibiron un incremento da presión oficial sobre os medios de comunicación ucraínos. P.e., ningún dos canais nacionais de televisión fixo mención algunha das declaracións do xeneral. E como botón de mostra máis contundente da restricción da liberdade de expresión, cabe sinalar unha acusación permanente que chega a Kiev desde Europa: o cese da retransmisión de programas en ucraíno de “Radio Liberty”. Máis aínda, pecharon a emisora “Radio Kontynent”, que antes de albergar á perseguida “Radio Liberty”, retransmitía na banda FM as emisións en ucraíno da BBC, da Voz de América, ou da Onda Alemana. Por certo, nesa emisora traballou Gueorgui Gongadze, o periodista asasinado que deu orixe ao primeiro escándalo que salpicou ao Presidente Kuchma, un caso aberto e aínda sen esclarecer por imposibilidade de atopar aos autores do crime.

Víktor Yúschenko, líder do bloque opositor “A Nosa Ucraína”, quen segundo as enquisas ten as maiores posibilidades para gañar as eleccións presidenciais a celebrar en outubro próximo –conta agora mesmo co apoio dun 20 % dos electores, a porcentaxe máxima entre todos os candidatos posibles-, sostén que “hoxe a Ucraína se atopa a un paso dunha dictadura”. Segundo Yúschenko, “o sistema existente criminaliza os escalóns superiores do poder” e o país vive “unha explosión incontrolada e inédita da corrupción”. Opina ademais que a reforma constitucional que foi iniciada polas autoridades ten por obxecto asentar o inmobilismo do réxime. E, finalmente, aventura a posibilidade de que o presidente Kuchma presente a súa dimisión para anticipar as eleccións no verán, cando as vacacións desaconsellan a participación electoral. Así resultaralle mais doado manipular os sufraxios.

 
 

Alexis B. Romanov é colaborador do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/03/2004
Fernando Pol