Presencia-Opinión / Europa
|
Carintia/Austria: O retorno do Rei Por Daniela Pichler (Canal Mundo, 09/03/2004) |
Joerg Haider trunfa nas eleccións rexionais de Carintia O que parecía imposible dende as eleccións lexislativas de 2002, cando o Partido Liberal Austríaco (FPOE) sufriu a maior derrota electoral na historia de Austria, ocorreu o pasado domingo en Austria: máis dun 42 por cento dos electores do Estado de Carintia reafirmaron o seu apoio ao dirixente populista Joerg Haider, quen celebrou a victoria máis sorprendente da súa carreira política. O Partido Liberal obtivo o 42,5 por cento dos votos, un 0,4 por cento máis que nos últimos comicios de 1999. O partido do chanceler e líder dos populares (OEVP), Wolfgang Schüssel, foi o gran perdedor das eleccións. Os socialdemócratas (SPOE) puideron aumentar a súa porcentaxe de votos, pero non o suficiente para gañar ao Partido Nacional Liberal. A súa victoria foi unha sorpresa, anque xa se sabe, que Haider, como ningún outro político austríaco, é quen de converterse no centro de atención. Os seus propios partidarios se quedaron alucinados cando escoitaron os primeiros resultados onte pola tarde. Cando todas as sondaxes de opinión lle prognosticaban unha derrota, o home forte do Partido Liberal volveu gañar. Pero como foi posible esta victoria? Como o político austríaco mais controvertido, non soamente no propio país, senón no mundo, foi quen de gañar estas eleccións, consideradas como unha victoria segura dos socialdemócratas? Nin sequera o mesmo Joerg Haider quixo responder a pregunta acerca de se estamos ante unha victoria persoal ou do partido. Sen embargo, debemos ter en conta varios aspectos interesantes sobre as eleccións en Carintia. Primeiro, os propios habitantes de Carintia. Anque ninguén o quere admitir, os carintinos respectan ao seu gobernador tanto polas súas posicións nacionalistas como polos resultados positivos da súa política. Non todos están de acordo coas súas visitas a Saddam Hussein ou coas súas opinións sobre a política de Hitler e Bush; pero o aceptan porque, en xeral, “Haider di o que a xente pensa” e o que o resto dos políticos non se atreven a dicir. Ademais, existe unha resistencia moi forte nas provincias austríacas fronte á política federal. Por iso soamente un gobernador ”forte” pode garantir un peso político adecuado para ser respectado polo goberno federal. Isto nos leva a outro aspecto interesante: o que pasou cos demais partidos políticos que fixeron posible esta victoria, sobre todo co candidato socialdemócrata, Peter Ambrozy, que non foi quen de manter as súas posicións contra Haider. En terceiro lugar, a campaña electoral de Haider, quen, segundo estimacións, gastou máis de 8 millóns de euros nunha promoción centrada unicamente na súa persoa. E é que o propio Joerg Haider, un populista de dereitas, non respecta os límites do discurso político establecido en Austria, un país cun sistema que non avanzou dende a fin da Segunda Guerra Mundial. Anque o seu partido está no goberno, Haider é a maior forza de oposición ao goberno, e, paradoxalmente, ese contrasentido é unha das razóns que explican o éxito de Joerg Haider nas ultimas décadas. Cos seus 54 anos de idade, inda parece un actor de Hollywood “ á austríaca”. O triunfo de Haider se debe primeiro que nada á súa persoa. Pero Haider non soamente é o gobernador do estado federal de Carintia; tamén é o ideólogo do Partido Liberal, que forma parte da coalición en Viena e que respalda ao chanceler Wolfgang Schuessel. Dende o momento en que a UE impuxo sancións contra Austria pola coalición entre o Partido Popular e o Partido Liberal, Haider non é o líder oficial do partido, pero non cabe dúbida da súa influencia dominante na xestión do FPOE. Haider abandonou a dirección do partido no ano 2000, e semella que agora é o momento para volver a presidir o Partido Liberal. Haider é un perigo para o chanceler Wolfgang Schuessel, para quen as eleccións en Carintia foron un pesadelo. O seu partido perdeu a metade dos representantes na Cámara rexional, e o peso político de Haider, quen provocara a ruptura do goberno austríaco en 2001, creceu de novo. O único consolo para o chanceler Schuessel é que unha derrota de Haider case con seguridade houbera desfeito de novo a coalición gobernamental. O que vai a suceder agora depende dos cálculos de Joerg Haider e do apoio do Partido Popular á súa candidatura ao cargo de gobernador. Pero sexa cal sexa o próximo paso de Joerg Haider, o domingo contemplamos toda a victoria e a forza do seu populismo. |
Daniela Pichler realiza prácticas no IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 09/03/2004 |