Presencia-OpiniónVolver ó índice / Europa
Debemos decir non a Turquía (e canto antes)
Por Enrique Sáez Ponte (Canal Mundo, 26/10/2004)
 
 

  Clic para aumentar
Turquía é un estado que ten o 3% do seu territorio en Europa e o 97% en oriente medio. A entrada de este novo socio implicaría tales retos estratéxicos que restaría a cohesión mínima impescindíbel na UE e ficaría pouco espacio para un desenvolvemento político. Suporía a victoria do modelo europeo débil, do modelo básicamente económico. (Foto: Paisaxe de Capadocia, Turquia; Pasarlascanutas.com).
 
O que está en xogo é o modelo de Europa

Como é lóxico, estes días estase a falar moito do posíbel inicio das negociacións para a entrada de Turquía na UE, que despóis do informe favorábel da Comisión debe ser autorizado polo Consello Europeo o 17 de decembro.

Os argumentos a favor e contra o comenzo do proceso son coñecidos, por un lado compre reforzar e apoiar o proceso democrático dun país musulmán, que está a facer un enorme esforzo por encher os criterios mínimos de liberdades fixados por Europa. A presente situación internacional, que algúns contemplan como un enfrontamento entre occidente e o islam, fai este argumento moito máis relevante. Fronte a esta postura xóganse unha serie de temores. Algúns son razoábels e teñen que ver coa incorporación dun enorme país, que sería simultáneamente o máis poboado e o máis pobre da UE no momento da súa entrada, dentro de 10 ou 15 anos, a inasumíbel factura económica (estimada en 28000 millóns de euros anuais) ou a previsíbel invasión de traballadores turcos. Outros son menos confesábels e van dende o medo á contaminación cultural da “Europa cristián” ata prexuizos claramente xenófobos.

Pero toda esta argumentación é bastante circunstancial e agacha a verdadeira batalla que se está librando e que non está sendo correctamente presentada á opinión pública. Os contendentes saben que esta batalla política pode ser decisiva para gañar a guerra contra a evolución da UE cara unha maior cohesión institucional e así deixala nunha organización básicamente económica.


A relevancia do modelo

O mundo no que habitamos está a cambiar, cada ano somos máis conscientes de que compartimos unha soa atmósfera (capa de ozono, quencemento global, protocolo de Kioto...), unha soa economía (aumento dos prezos do petróleo, deslocalizacións, liortas sobre apertura comercial ou sobre o papel da OMC, o FMI...) e progresivamente unha soa sociedade (ONU, dereitos humáns, tribunal penal internacional,...). Pero, como sempre ocorre, as organizacións sociais evolúen devagar e van por detrás dos procesos económicos e tecnolóxicos. Seguimos organizados en base ao modelo de estado nación creado en Europa e espallado polo mundo nos derradeiros dous séculos e medio, mediante o proceso de colonización e posterior descolonización.

O vello e eficaz estado nación estase amosando como un modelo problemático nun planeta máis integrado, que exixe resolver entre todos os problemas comúns. A construcción europea presenta unha posíbel solución alternativa: un modelo de organización social construido dende o consenso e o respeto a legalidade internacional que erosiona pouco a pouco o estado nación sen destruilo, limitando a súa obsesión pola soberanía e a súa preferencia por crear mundos políticos cada vez máis artificiais, pechados tras fronteiras inviolábeis. A UE ten xa o mérito indiscutíbel de conseguire a desaparición dos enfrontamentos entre os paises do continente, que tanto sangue e destrucción trouxeron no pasado.

Este modelo é a única alternativa coñecida, feble aínda, fronte ao xeito tradicional de artellar as relacións internacionais. Pero a evolución do proceso faise sobre contínuas tensións entre os países que o queren limitar a súa faciana máis económica, por medo á perda de soberanía, sendo o Reino Unido o claro líder desta posición, e os que ven na UE un canle para que Europa teña un maior peso político na construcción dun orde mundial basado en novas regras de xogo, en este grupo están Alemania e Francia.


A entrada de Turquía remata coa evolución política

Turquía é un estado que ten o 3% do seu territorio en Europa e o 97% en oriente medio. A entrada de este novo socio implicaría tales retos estratéxicos que restaría a cohesión mínima impescindíbel na UE e ficaría pouco espacio para un desenvolvemento político. Suporía a victoria do modelo europeo débil, do modelo básicamente económico. Falemos deses retos estratéxicos:

- A fronteira con Irak. A UE veríase mergullada nunha zona moi inestábel, na que debería concentrar esforzos crecentes. Un problema exterior , agravado pola política recente dos EEUU e que ten moi comprometido a este país, pasaría a ser un problema case interior para Europa.

- A fronteira co Cáucaso. Un dos primeiros novos solicitantes da adhesión á UE, trala apertura de negociacións con Turquía, sería Xeorxia, que ten máis tradición europea, cultural e xeográfica, que a propia Turquía, pero que contén no seu interior problemas graves e sitúase no corazón dun espacio moi conflictivo: Armenia, Azerbaiyán, Igushetia, Nagorno-Karabaj, Chechenia... Neste caso é un problema fundamentalmente ruso o que se convertiría nun reto interior europeo.

- Os kurdos. A entrada de Turquía na UE faría “europeos” a parte dos kurdos, os demáis seguerían a ser asiáticos (sic). É lóxico que os kurdos europeos presionen para a incorporación á UE do resto do seu pobo, cando os outros estados nos que habitan (Siria, Irán e Irak) cumpran os requisitos de democracia e respeto das libertades que se teñen exixido á propia Turquía.

- Un proceso de ampliación eternamente aberto. Éste é a verdadeira conclusión da entrada de Turquía. A UE sitúase no interior de Asia, convírtese nunha organización euro-asiática, na que pode chegar a entrar, con tempo, un número indeterminedo de paises na medida na que os requisitos exixidos a Turquía, veciñanza e democracia, podan ir cumpríndose.


A postura da potencia dominante

Os EEUU son claramente partidarios da entrada de Turquía, para eles só ten vantaxes: prémiase, con cartos de outros, a un aliado musulmán fundamental na guerra fría e na guerra contra o terrorismo islamista, achega Irak e os outros paises da zona á Europa, que perde neutralidade no conflicto iraquí e deixa aberta as portas de futuras incorporacións, incluída ¿ por qué non? Israel, que, como Turquía, xa é membro da UEFA e participa no festival de Eurovisión; procesos trascendentes empezan moitas veces con parvadas como éstas.

Pero, sobre todo, debilita definitivamente a capacidade do noso continente de presentar ao mundo un modelo político basado na progresiva superación do estado nación, mediante a negociación, o pacto e o predominio do dereito internacional, en contrste coa “pax americana”, soportada polo dominio dos EEUU e tan querida polos conservadores norteamericanos. Esto explica o descarado apoio á candidatura turca, ofrecido polo presidente Bush na súa visita a Estambul o pasado Xuño, tentando meter presión sobre a decisión dos europeos.

Pero os EEUU contan con importantes aliados en Europa, que xa se opuseron a que a constitución europea fora máis federal. E non se agachan, están a amosar claramente a súa visión. A postura británica recóllese moi ben en The Economist, que lle adica moita atención ao tema; por exemplo, no seu número do 2 de outubro, na sección Charlemagne, sobre política europea, analiza como a prioridade actual da problemática terrorista era decisiva para abrir as portas a Turquía e aprazar indefinitivamente os intentos de construir unha Europa máis cohesionada como queren os “federalistas”. Outro firme abandeirado da candidatura turca foi o derradeiro goberno de Aznar, impulsado pola súa desconfianza cara unha Europa máis política e a súa dependencia da política exterior norteamericana. Esta postura está ben reflexada nun recente artigo de Ana Palacio, a exministra de asuntos exteriores, ( El País, 20 de outubro de 2004) no que defende con paixón a adhesión de Turquía e deixa caer cousas como “a UE non é un proxecto federal nin intergubernamental, non debe minar e menos entrar en colisión cos estados nacionais”.


¿Que facer con Turquía?

A primeira obriga con Turquía é falarlle claro, deixar de darlle voltas durante anos e anos á súa xa antiga candidatura e ao proceso negociador e decir sinxelamente que non se pode iniciar o proceso de adhesión. As tensións internas e externas que se producirían a curto prazo serán axiña máis que compensadas pola claridade e estabilidade a medio e longo prazo que supón fixar as fronteiras de Europa no seu espazo xeográfico tradicional. Se mantemos as negociacións abertas durante anos os efectos sobre a cohesión continental da indefinición estratéxica serán os mesmos que os que producirá a adhesión; os países membros da Unión resistiranse a cederen competencias relevantes, por non poderen valorar as características dos posíbels socios futuros.

Ademáis, é preciso ofrecer a Turquía, un veciño e aliado moi importante, un trato especial e preferente, que cubra aspectos económicos e sociais de todo tipo, que debería, entre outras cousas, darlle aceso ao mercado europeo en condicións similares ás dos socios da UE . Este tipo de asociación serviría de referencia para outros paises próximos no Magreb e no oriente medio. Esto significa, de feito, permitir a extensión da parte económica do modelo europeo, mentras mantemos o seu desenvolvemento político no seu espazo natural. Os incentivos económicos, ben negociados, son o principal instrumento para conseguirmos o fundamental obxectivo de promover a democracia e o crecemento económico en zonas próximas, sen comprometer as ferramentas estratéxicas que poden reforzar a capacidade de Europa como potencia mundial.

A principal conclusión do análise político no que se encadra este texto é que o modelo de integración europea non debe expandirse sen límite, perdendo a súa capacidade de consolidación. Pero sí que pode reproducirse, algo así ocorre xa co Mercosur en América. Por iso Europa debería facer todos os esforzos para axudar a que Turquía e outros paises da rexión con problemas similares, como Exipto, enceten o proceso de creación dun espazo económico común. A propia experiencia histórica europea amosa que este é o mellor camiño de superar enfrontamentos históricos entre paises veciños. O debilitamento da UE, metendo as tensións dentro dela, só conseguirá suprimir o súa capacidade de ser unha referencia estábel para un mundo máis armónico.


Un referéndum

A adhesión de Turquía á UE non sería un proceso máis de ampliación, sería un salto cualitativo, con consecuencias políticas graves. De feito este asunto ten implicacións permanentes bastante máis relevantes que a propia constitución europea, que se vai someter a referendum en varios países nos vindeiros meses, polo que debe ser obxecto dun debate serio, que só se está iniciando en Francia e , con menor contido político, en Alemania, tralo que sería imprescindíbel someter a referendum unha cuestión que condicionará para sempre o futuro do noso modelo de convivencia continental. Existe xa o compromiso do presidente Chirac de facelo no seu país.

 
 

Enrique Sáez Ponte é membro do Consello Asesor do Igadi.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 30/10/2004
Fernando Pol