Presencia-OpiniónVolver ó índice / Asia
Afganistán: paradigma das consecuencias da globalización
Por Iria Alonso Casares (Terra e Tempo 131, setembro-outubro/2004)
 
 

  Clic para aumentar
Experiencias como a creación da Radio Sahar xestionada por mulleres, ou a marcha o pasado xaneiro polas rúas de Mazar-E. Sharif na que participaron máis de 500 mulleres, quen impulsaron a creación dunha unidade específica para a mulleres que se reflectiu nun 42 % de inscritas. Eis, para os dous tercios da poboación, que son mulleres, a existencia dunha candidatura encabezada por Massouda Jalal, podía ser simbólica, mais evidenciaba a capacidade futura e actual para a autoorganización. (Foto: Massouda Jalal, Kabul, 09/10/2004).
 
Tres son as imaxes coas que podiamos identificar Afganistán hai tres anos: os burkas, os kalasnikov e a miseria ocre dos seus habitantes. Nada de metáforas sociais, constatacións empíricas que poden claramente ser aceptadas dende unha neutralidade axiomática. O once de setembro do 2001 desatábase unha cadea de accións a escala planetaria. Accións na procura de culpábeis. Afganistán era o foco. Un novo espacio para o cultivo de terroristas profesionais que evidenciaba a vulnerabilidade do sistema e das sociedades occidentais. O presente artigo analiza o proceso de “democratización” implementado en Afganistán, e as súas consecuencias para o conxunto da sociedade civil: mulleres e homes. Asemesmo, reflexiónase sobre a estratexia do goberno Bush. Un antiheroe da paz e da democracia.

Agora ben, ten mudado esa instantánea social como resultado da transición que se deseñaba para o país tras os Acordos de Bonn?

Cal foron as consecuencias directas para a poboación civil? Todas estas cuestións fan referencia á celebración das primeiras eleccións democráticas do s.XXI na zona. Como van asimilar os resultados os diversos contrincantes? En que grao condicionará a vida do pobo afgán, caracterizado por brechas sociais cada vez mais patentes entre os universos rurais e fronteirizos onde o control do poder fica moi lonxe das recentes institucións democráticas? É posible un cambio na axenda do actual escenario político internacional?. Tentarei respostar a estas cuestións nos seguintes parágrafos.


Un modelo de transición: os Acordos de Bonn

Despois do bombardeo masivo sobre Kabul, que contou co consentimento da comunidade internacional, escenificábase un consenso de expertos co fin de deseñar un plan de “democratización” para Afganistán: os acordos de Bonn. Sen dúbida, os Acordos de Bonn son o marco conceptual sobre os que se construíron as bases dun modelo de transición; un modelo que aínda que complexo, non é alleo a experimentos máis próximos a nos. A procura da recuperación do país e da súa estabilidade acompañábase dunha considerábel presencia militar na zona tanto da OTAN, coma dos Estados Unidos- é interesante salientar como a fin de semana da convocatoria das eleccións a OTAN aumentaba de 6.500 a 9.000 soldados, sen contar os 18.000 soldados dos Estados Unidos- e certas misións humanitarias de ACNUR que constataron unha e outra vez a dificultade para operar na zona o que desembocou en constantes interrupcións de entrega de alimentos ou medicinas.

Os piares dos Acordos de Bonn sustentábanse en tres condicións e nunha secuencia temporal na que se recoñecían diferentes fases na que se avaliaría a capacidade operativa dos pasos alcanzados. Se por un lado, a intervención e ocupación facíase patente na elección dos membros do goberno transitorio e do seu líder, un antigo aliado dos talibáns, colaboracionista cos norteamericanos, o proceso de redacción e de aprobación da constitución o pasado mes de xaneiro pódese dicir que foi unha demostración da actitude constructiva e da pertinencia dun cambio do réxime anterior, da madurez dun pobo afeito a resistir e a organizarse, por exemplo, no exilio.

Sen embargo, pese ao consenso dos 500 membros da Loia Jirga, unha asemblea de notábeis composta por 400 homes e 100 mulleres na que están representados os pashtúns, os tajikos, os hazaras, os uzbekos, os refuxiados, os nómadas, os académicos, as institucións culturais, as organizacións sociais, o eido relixioso e as mulleres, non silenciaron as críticas en aspectos como a excesiva competencias do presidente ou a vaguidade da incorporación das mulleres como cidadás de pleno dereito.

Por conseguinte, a aprobación da constitución estableceu unhas regras do xogo que, pese a non contentar a todos os sectores, posibilitaba unha rápida, pero relativa “recuperación de poderes para Afganistán”. Asemade, o modelo de transición que se transluce dos Acordos de Bonn incide nun pacto entre as elites, no que se defende un enfoque primordialmente minimalista da democracia, no que conta máis que a capacidade para exercer a cidadanía: acceso á educación, exercicio do control vertical e control horizontal real, a existencia dun conxunto de procedementos.


Censo, campaña e eleccións

A consecución dun mínimo de estabilidade na zona, obxectivo principal da enxeñería institucional aplicada en Afganistán, dependía en boa medida do éxito dunhas eleccións na que o rol desenvolvido polas organizacións internacionais despregadas na zona favorecería a calma durante a fase de inscrición no censo electoral e durante a campaña electoral. Nembargantes, debido á dificultade para acceder a zonas non urbanas e para mudar a cultura política existente no país, o proceso de inscrición no censo electoral atrasouse cinco meses. Asemade, tivéronse que ampliar os lugares de recepción de solicitudes, nun principio só previstos nas oito cidades principais, o cal impedía a súa difusión entre os refuxiados en Irán ou en Pakistán. Aínda así morreron no período de rexistro de votantes 12 persoas da ONU.

O sete de setembro abríase unha campaña electoral complexa e pouco clara, na que as ameazas contra o principal favorito facían patente unha oposición dura e militarizada. As eleccións finalmente celebrábanse o sábado 9 de outubro superando as estimacións de participación: 10 millóns de votantes, 900.000 deles refuxiados. Pola contra, cinco días despois das eleccións a sombra de irregularidades e a ameaza de boicot por parte de 14 dos 18 aspirantes á presidencia caían sobre as autoridades internacionais e os observadores, como unha xarra de auga fría. O órgano encargado do conxunto da xestión electoral o JEMB, integrado por Nacións Unidas e un comité afgán agardaban para abrir as primeiras urnas a unha formalización das denuncias. Compre lembrar que o dispositivo foi considerábel: 40 xuristas da OSCE, 500 observadores internacionais, 2300 da organización autóctona Fundación para as eleccións libres e xustas en Afganistán. En total investíronse 200 millóns de dólares. E sen embargo, o recurso para controlar a emisión do voto, unha tinta que se pintaba nos dedos, desperta serias dúbidas sobre o rigor co que se empregou debilitando ao cerne do recen estreado sistema.


O papel das mulleres afganas

Demostrar á comunidade internacional que as mulleres afganas sempre estiveron activas e que organizacións como RAWA, Equality Now, Irinnews, etc, son operativas debido a súa resistencia na clandestinidade ou no exilio, aporta claves que evitan caer no etnocentrismo. Se no 1980 Afganistán asinaba a CEDAW é certo que non foi ate principios do 2004 cando esta foi ratificada. Experiencias como a creación da Radio Sahar xestionada por mulleres, ou a marcha o pasado xaneiro polas rúas de Mazar-E. Sharif na que participaron máis de 500 mulleres, quen impulsaron a creación dunha unidade específica para a mulleres que se reflectiu nun 42 % de inscritas. Eis, para os dous tercios da poboación, que son mulleres, a existencia dunha candidatura encabezada por Massouda Jalal, podía ser simbólica, mais evidenciaba a capacidade futura e actual para a autoorganización.

Aínda que na constitución se enuncie “o compromiso do estado coa implementación de programas efectivos para equilibrar e promover a educación das mulleres, mellorando a educación dos nómadas e a eliminación do anafalbetismo no país”, a definición vaga de cidadá posibilita diferentes interpretacións ao non recoñecer ás mulleres como tales. Nun país no que as oportunidades de acceso á educación primaria para as nenas é dun 8% fronte ao 32 % dos nenos, a pobreza en Afganistán, compartida en todo o mundo, está feminizada. Un cambio radical no desempeño dos roles e a recuperación da independencia económica xunto cun acceso en igualdade de condicións, por exemplo a servizos sanitarios son obxectivos inmediatos para impulsar o empoderamento das afganas.

De momento, é relativamente cedo para avaliar as consecuencias de todas estas medidas. Nas primeiras eleccións democráticas deste século, as afganas aínda votaban con burkas e en ringleira separadas dos homes.


O taboleiro rebelde, conclusións

O século XXI é a réplica da Historia en maiúsculas, polo que ten de moderna, polo que ten de explicación materialista. Dialéctica en estado puro: posturas realistas ou neorrealistas da saga Bush e pobos que tentan organizarse e sobrevivir, sabéndose enfocados polo visor que os identifica como disidentes en función de intereses concretos. Como vimos, o novo Afganistán nace con irregularidades e sombras de escándalo electoral. Se as eleccións perseguen tres obxectivos básicos: crear representación, participación e lexitimidade. Aplicando esta ecuación máxica ao acontecido o sábado 9 de outubro, confírmase a aplicación do modelo deseñado en Bonn.

A partires da emisión dos resultados das eleccións Afganistán desaparecerá dos medios, xa cáseque centrados en exclusiva no debate Bush e Kerry. Unha vez instaurado o esquelete da democracia representativa, un dos obxectivos que motivaron o derrocamento do réxime Talibán e que callou na opinión pública, o presumíbel gañador, o pashtún Hamid Karzai, liderará un novo test da democratización. Afganistán foi e é o síntoma das políticas internacionais durante os últimos trinta anos. Nun país no que os señores da guerra seguen controlando o territorio e no que é preciso lembrar que o mercado do opio e da heroína responde a un tercio do PIB, o retorno de tres millóns de refuxiados confirma as expectativas que xera un cambio, no que non esquezamos, segue a estar aderezado co control militar das forzas estadounidenses, da OTAN e das Eurocorps, na que o Estado Español segue a participar novamente.

 
 

Iria Alonso Casares é analista do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 24/10/2004
Fernando Pol