Leer el artículo en castellanoLesen Sie den Artikel auf DeutschPresencia-OpiniónVolver ó índice / Europa
Os ultradereitistas: ¿un dano colateral polas reformas?
Por Miriam Bader (Canal Mundo, 21/09/2004)
 
 

A situación política de Alemaña sigue sendo obxecto de preocupación na prensa internacional. En tres länder, en Sarre, en Saxonia e Brandeburgo se celebraron eleccións parlamentarias, esperadas con gran tensión, principalmente as dos länder do Leste. Os resultados son inquietantes. En tempos de crise económica prolongada e de desmantelamento do Estado del benestar, para algúns alemáns os ultradereitistas parecen ser unha alternativa adecuada mentres que os partidos tradicionais, socialdemócratas e democristiáns, perden apoio popular.

As tres eleccións estaban completamente influenciadas pola política federal, definida por unhas reformas sociais que provocan as protestas da poboación, dos sindicatos e das asociacións sociais. Acadouse o punto culminante nas manifestacións dos luns no Leste de Alemaña, onde a economía está en situación precaria e as taxas de paro son máis elevadas. O máis paradigmático, o baixo estado de ánimo da poboación que se reflicte nos resultados das eleccións dos dous länder do Leste.

Nalgúns se espertan os recordos do tempo da república de Weimar. Os dous grandes partidos alemáns, o SPD e principalmente a CDU sufriron perdas substanciais e a separación entre a dereita e a esquerda aumentou. Máis votantes apoiaron ao partido poscomunista PDS, que resultou a segunda forza nos dous länder, e obtiña o seu mellor resultado dende a fundación. Os Verdes volven ao parlamento de Brandeburgo despois de dez anos de ausencia cun escaso 5,1%. O mesmo aconteceu aos liberais do FDP en Saxonia: despois de dez anos volven ao parlamento cun 5,9%, quizais incluso como partido de coalición da CDU. Esta perdeu aquí o 15,8% de votos e por primeira vez a súa maioría absoluta despois da reunificación.

Os tristes ganadores principais son dous partidos ultradereitistas, o NPD (Partido nacional alemán) e a DVU (unión do pobo alemán). O populista NPD, visto como partido neonazi, entra no parlamento saxón cun 9,2%. A DVU creceu dun 0,8% a 6,1% e vai a seguir “enriquecendo” as labores parlamentarias en Brandeburgo coas súas mensaxes racistas e anti-constitucionais. É a primeira vez en Alemaña que un partido ultradereitista revalida posicións parlamentarias.

Non é novidoso que en tempos de crises sociais e estancamento da economía, as protestas se transformen en voto a partidos da ultradereita. Se ben en Alemaña, por razóns históricas de todos coñecidas, é un asunto moito máis delicado e no estranxeiro non se aceptan xustificacións nin escusas cando os alemáns xiran á ultradereita. Están aínda demasiado frescas as cicatrices das feridas provocadas polo Terceiro Reich.

Pero o feito de que os partidos democráticos - dende os Verdes ata a CDU- demostraran antes das eleccións un amplo consenso e acordo coas reformas sociais iniciadas, facilitou o auxe dos poscomunistas e os ultradereitistas que aproveitaron a ola de descontento no seu favor. Ese malestar, usado como táctica, sen necesidade de revelar un programa fora da posición contra-reformas, foi a clave do seu auxe. Para moitos cidadáns votar contra a reforma, a xa lexendaria “Hartz IV”, era igual que votar por alternativas antisistema, calquera que fose o seu signo.

Un sabor amargo deixa o feito de que entre os desempregados, que son os máis afectados polas reformas, é entre os mozos que os ultradereitistas teñen máis éxito. Os que teñen menos de 30 anos votaron un 17% a favor do NPD. É o segundo partido máis votado neste grupo de idade. Esta tendencia non se atopa no Sarre, onde soamente os desempregados apoiaron ao NPD, sen conseguir entrar no parlamento.

No Leste existe o risco de que os mozos usen o NPD como plataforma de protesta. Pero tamén de que amplíen o seu apoio se persiste a identificación coa ideoloxía populista da ultradereita, que proclama ante todo unha Alemaña forte e protexida, orgullosa e superior-, todo o contrario da situación que se advirte actualmente nas comarcas do leste. Se as reformas sociais non melloran a situación e se o paro non baixa significativamente no futuro, é posible que nestas rexións os ultradereitistas deixen de significar un voto de protesta, pero conxuntural, para converterse nunha opción sólida coa que teremos que empezar a convivir.

Sexa como sexa, o NPD, que nunhas partes de Saxonia xa está implantado entre a clase media, a pesar de que o ano pasado librouse por pouco da prohibición, prexudica a imaxe de Alemaña e non é unha alternativa democrática. Quen lles da o seu voto, en realidade apoia que partidos como o NPD volvan a ser presentables socialmente.

Considerar que o SPD (9,8%) en Saxonia acadou soamente un 0,6% máis que o NPD (9,2%), representa bastante máis que un dano colateral para a política actual. Os temores expresados polo primeiro ministro de Saxonia, Georg Milbrand, asegurando que a busca de inversores estranxeiros cun “NPD numeroso e como unha compañía” no parlamento se complicará de forma significativa, é evidente. Xa en anos anteriores, algúns empresarios estranxeiros dubidaban en investir no leste pola frecuencia de actos violentos contra estranxeiros. Co resultado das eleccións deste domingo e o eco de preocupación xerado na prensa estranxeira, esta tendencia fatal podería verse reforzada e o urxente e necesario “auxe do leste” demoraríase máis aínda.

O dano na propia imaxe de Alemaña é, en realidade, unha especie de autoinmolación. As discusións sobre a escasa afinidade dos cidadáns no leste coa democracia, que xa se suscitaron antes das eleccións de domingo, van a gañar máis forza. Moitos ven este reproche confirmado co gran éxito dos poscomunistas do PDS en Brandeburgo e Saxonia. Mentres as protestas contra as reformas e as manifestacións dos luns van a diminuír, o foco vai a centrarse na situación social e económica en Alemaña do Leste e na polémica entre o leste e o oeste, que en Alemaña está adquirindo incluso evidencias de hostilidade aberta.

Os bos resultados da ultradereita e dos poscomunistas sacuden a paisaxe dos partidos e coas elevadas perdas dos dous grandes partidos populares, se confirma a impresión de que Alemaña vive un momento de inestabilidade política e unha radicalización.

Non obstante, cabe sinalar que a costa abaixo do SPD se suavizou en Brandeburgo pola defensa soberana de Michael Platzeck, que sigue como primeiro ministro.Os resultados catastróficos dos democristiáns nos dous länder, tamén demostran que o SPD non está considerado como o único chivo expiatorio desta situación e que a culpa polas reformas sociais antipopulares é compartida a ollos do electorado.

Incluso cabe destacar o feito de que do voto de castigo, para sorpresa de moitos, se beneficiaran tamén os Verdes e o FDP. Iso suscita a cuestión de averiguar se foron recompensados pola súa postura consecuente en favor das reformas sociais, se non foron identificados con elas, ou se isto será un primeiro sinal dunha vacilante aceptación do recorte social.

Alemaña en cambio, Alemaña en costa abaixo, ¿Alemaña sen orientación? Os resultados destas eleccións de setembro reflicten este estado de ánimo, o dunha Alemaña descontenta, na que, polo momento, soamente predomina entre a poboación unha gran insatisfacción co goberno.

 
 

Miriam Bader é estudiante da Universidade de Paderborn-Alemania en prácticas no IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 27/09/2004
Fernando Pol