Presencia-OpiniónVolver ó índice / Estados Unidos
Desencontros en Istambul
Por Roberto Mansilla Blanco (Canal Mundo, 29/06/2004 e Galicia espallada, 30/06/2004)
 
 

O derradeiro cumio da OTAN celebrado na cidade turca de Istambul, non pasará á historia precisamente por selo que finalmente permitiu acercar posicións entre Washington e Bruxelas. A pesar de que os 26 países membros da Alianza Atlántica aceptaron iniciar por separado o adestramento das tropas do futuro exército iraquí e aprobar o desesperado cambio de soberanía en Bagdad dous días antes do previsto, as diferencias mais agudas entre Bush e os gobernos europeos fixéronse mais reais. Alemaña, España e Francia xa anunciaron que non enviaran tropas da OTAN a Iraq. Ademais, a “cuestión turca” e a súa posible admisión na UE, provocou roces considerables.

Os acontecementos dos últimos días anunciaban decisións de elevada significación entre EEUU e Europa. O cumio de Irlanda logrou resolver algunhas diferencias e Bush e os líderes europeos deron a impresión de “pasar páxina” da crise transatlántica do ano pasado. Pero outra cousa foi o tema da seguridade e Iraq, do que se trataría en Istambul. Bush chegou primeiro a Turquía e, trala reunión co primeiro ministro Recep Tayyip Erdogan e o presidente Ahmet Necdet Sezer, non tivo dúbidas en declarar o seu apoio á candidatura turca a UE, presentando ao país coma un “exemplo de síntese da democracia e a modernidade nun país islámico”.

O presidente Bush pensou sentirse coa suficiente fortaleza política para levar adiante un cumio que non deixou moitas razóns para o optimismo, a pesar das declaracións oficiais. Washington ten unha óptica moi estreita no caso iraquí. A feroz ofensiva de Al Qaeda e outros membros da resistencia iraquí a derradeira semana deixaron mais de 100 mortos e 300 feridos, previo ao traspaso de poder previsto para o mércores 30. Trala decisión da ONU a principios de mes de lexitimar o novo goberno iraquí, Bush ansiaba outra victoria diplomática e política en Istambul. Logrouno dun xeito parcial: algúns membros da OTAN aceptaron o envío de tropas, mentres un sorpresivo cambio de goberno en Bagdad escenificábasa simultáneamente á reunión de Istambul.

O golpe de efecto de última hora completouse coa decisión, case unánime e xa oficial, de que o primeiro ministro portugués Durao Barroso será o próximo presidente da Comisión Europea. O candidato luso non era ben visto nos países contrarios á guerra de Iraq. Durao Barroso foi o organizador do cumio das Azores e colocar a un aliado tan estreito de Washington en Bruxelas sería unha contundente victoria política para Bush.

No caso turco, as posicións parecen ser mais encontradas. Bush respalda a Ankara na suas pretensións de ser admitido na UE, e ten o apoio de Blair, Schröeder e Berlusconi, mais non o de Chirac, quen criticou as palabras de respaldo de Bush como intromisión aos asuntos europeos.

Do traspaso de poder en Bagdad, poucas conclusións poden facerse. Washington deixará alí un goberno manexado agora polo embaixador estadounidense John Negroponte, o verdadeiro substituto do administrador Paul Bremmer. O novo Consello de Goberno iraquí do primeiro ministro Ayad Alaui, o home da CIA, terá as máns atadas de Washington, e poderá ilegalizar a calquera partido político co que non esté de acordo. A soberanía iraquí é mais que relativa e o delicado puzzle étnico e relixioso, coa sublevación no chamado “triángulo sunnita”, a rebelión xiíta e as pretensións dos kurdos, acusados de facer unha “limpeza étnica” no norte do país, sumado a participación de grupos terroristas que executan reféns, deixan un panorama inquietante. Tampouco se sabe qué pasará coa industria petroleira, golpeada polos ataques terroristas, coa debeda externa iraquí e co futuro dos soldados anglo-estadounidenses.

No caso de Afganistán, a Alianza Atlántica aprobou enviar mais tropas para garantir as eleccións de setembro e o tenue poder de Karzai, tema clave tamén para Bush. Pero Afganistán e Asia Central son outro problema grave para Washington e Bruxelas, e a inseguridade que alí se vive ameaza as pretensións de estabilidade política.

En Istambul, Bush mostrou cómo pode facer dunha derrota vergonzosa, como é pedirlle ás Nacións Unidas, á UE e á OTAN implicarse mais en Iraq, unha parcial victoria política. Deixando o traballo duro en mans doutros, Bush poderá agora concentrarse no que mais desexa: a reelección presidencial de novembro. Para él, o cumio de Istambul pechou unha páxina pero parece abrir outra, chea de incertidumes.

 
 

Roberto Mansilla Blanco é investigador do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/07/2004
Fernando Pol