Presencia-OpiniónVolver ó índice / Estados Unidos
A ampliación vista dende os Estados Unidos
Por Sylvia Gómez Saborido (Canal Mundo, 04/05/2004)
 
 

Os Estados Unidos asisten moi compracidos á ampliación da Unión Europea, un paso que consideran inseparable e complementario ás recentes incorporacións á OTAN. A ampliación afortala a alianza duradeira entre os Estados Unidos e Europa e tamén o compromiso común cos valores e intereses que a fundamentan, tanto dentro das fronteiras europeas coma más alá. Esta opinión oficial é compartida polos analistas independentes, coma o profesor James Goldgeiger, especialista da George Washington University: “é moi importante que a ampliación de Europa cara ó Leste non sexa só da OTAN, senón da UE, porque estes países deben ser política e economicamente parte de Europa”.

Esta ancoraxe definitiva no que é convencionalmente definido coma “Occidente” compensaría con creces calquera desvantaxe concreta en termos comerciais –véxase a guerra do banano ou do aceiro e mesmo o propio euro–, xa que a concorrencia sempre é boa. Agora ben, existe un importante elemento adicional: a actitude pronortemericana dos novos socios comunitarios satisface enormemente ós líderes políticos estadounidenses. Danielle Pletka, vicepresidenta do American Enterprise Institute –centro de estudios próximo á actual Administración– cre pertinente falar sen ambaxes da “nova”e a “vella” Europa, ó tempo que subliña que é “moi bo” poder diluí-la influencia francesa, que era máis forte nunha UE de 15 do que o será con 25 países. Pletka, coma Rumsfeld, dío aínda más claro: “Francia non foi tradicionalmente un bo amigo noso nos últimos cincuenta anos”.

A guerra das ideas foi, durante cincuenta anos, o máis importante, é semella que o sigue a ser. A actual “guerra contra o terrorismo” é contemplada coma unha situación análoga á da guerra fría, pero os estadounidenses son moi conscientes que os novos socios teñen tamén unha actitude cara ós EEUU e ó capitalismo que supón unha nova división en Europa, máis ou menos unida en fronteiras, pero non en canto ó camiño a seguir. Daquela, para os EEUU, a preocupación principal será observar se unha UE máis integrada e unificada se guía polos intereses compartidos dos seus estados membros ou se existe un goberno e unha burocracia supranacionais que falen no nome de Europa. Si se da o segundo caso, Europa pode converterse nun socio máis inflexible, menos desexoso de traballar cos Estados Unidos, e nun competidor económico –ergo político– realmente desafiante. Novamente, isto podería pasar se a postura francesa con respecto ás relacións transatlánticas se revela como a opinión dominante no hipotético goberno federal de Europa. Pero este non é o estado actual da integración europea. Respecto ó 30 de abril, a UE do 1º de maio é, soamente, máis grande.

 
 

Sylvia Gómez Saborido é analista do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 06/05/2004
Fernando Pol