Presencia-OpiniónVolver ó índice / Oriente Medio
Bobby Sands Snack Bar, Teherán
Por Sylvia Gómez Saborido (A Nosa Terra, 05/02/2004)
 
 

“Foi un terrorista, e os iranianos debían querer parecer serios na loita contra o terrorismo; un modo de comezar é cambiarlle o nome a esa rúa”. O texto pertence a unha carta que o Ministerio de Asuntos Exteriores británico lle dirixiu ás autoridades iranianas o pasado mes de xaneiro. E a rúa ofensiva é a Rúa Bobby Sands, localizada a moi curta distancia da embaixada do Reino Unido en Teherán.

A presión do goberno británico por lle troca-lo nome a unha rúa de Teherán reavivou a memoria de varias figuras históricas do movemento irlandés, xa irados despois de que, uns días antes, uns vándalos profanasen a tumba de Sands e os outros presos folguistas no cemiterio de Belfast. Pola súa banda, eles tamén se dirixen ó goberno de Irán; a rúa debe ficar así, xa que “lle lembra ó Goberno británico a súa tiranía e a súa historia negra”. ¿Efecto bolboreta?

Bobby Sands morreu no cárcere en 1981 tras unha folga de fame mantida xunto a varios compañeiros do Exército Republicano Irlandés (IRA) e do Exército de Liberación Nacional de Irlanda (INLA) para demanda-lo estatuto de presos políticos. A súa morte, á que se lle engadirían nos seguintes meses as de nove presos máis, e o feito de ter sido elixido deputado ó Parlamento británico durante a folga, foi un dos episodios máis turbulentos do conflicto irlandés, culturalmente exportado ó Irán, que celebraba a expulsión dos opresores occidentais, co rebautizamento enxeñoso das súas rúas. A Rúa Bobby Sands chamábase entón Winston Churchill, que atopou acomodo nunha das novas urbanizacións promovidas pola Revolución Islámica.

“¿Como se sentiría Irán se a rúa da súa embaixada en Londres fose rebautizada como Avenida Reza Pahlevi?”, preme, con chispa pretendida, un voceiro do Foreign Office. Máis ou menos como se se coloca a placa “Avda. del Generalísimo” diante da Xunta; algúns máis, outros menos. ¿Ocupan Bobby Sands e o Sha “de tódalas Persias” un lugar común na imaxinería popular?. No Bobby Sands Snack Bar, situado na mesma rúa, os xornalistas da axencia iraniana AFP obtiveron a resposta: “despois de 66 días de folga de fame, morreu. Foi un mártir na Jihad contra os británicos” di un cliente, “paisano” na linguaxe de axencia.

A Jihad, daquela, significa moitas cousas, tantas como a “guerra ó terrorismo”. E polo “compromiso global coa guerra ó terrorismo” polo que os diplomáticos británicos premen para lle cambia-lo nome á rúa de Teherán.

Entelequias con afán de exclusivismo e dominación, incorpóreas e mesmo inexistentes ata que toman unha arma de destrucción masiva, as guerras contra o terrorismo e as jihads abranguen, coma conceptos imaxinarios, moitas cousas. Bush pai, daquela director da CIA, non tivo reparo ningún cando o seu presidente, Reagan, cualificou a Osama ben Laden, xunto ó resto dos mujahidins, como “freedom fighter” (loitador pola liberdade), ofrecéndolles ambos todo o apoio dos EEUU para armar contra os soviéticos, “imperio do mal”, unha Jihad recuperada do fondo da historia. O tal ben Laden, millonario investidor da petroleira de George W, Bush fillo, e integrista a tempo parcial, converteuse logo en icona mediática e ideolóxica da anovada Jihad cun discurso antiimperialista (contra o imperialismo occidental, máis ben) que, a bo seguro, proxecta, como as outras, a tele da taberna Bobby Sands.

Trala súa morte, Sands converteuse tamén nun póster, pero nun póster de liberdade e loita, moi afastado das crenzas dos cregos que se fixeron co poder en Irán salvo na común devoción polas Sagradas Escrituras propias. Pero os cregos coñecen, coma Osama, o poder da palabra antiimperialista.

O Foreigh Office di que, posiblemente, hai agora cousas máis importantes de que falar entre Irán e o Reino Unido que do nome dunha rúa. Poderíase engadir que o planeamento urbano en Teherán non é cousa dos británicos, pero hai tamén unha segunda lectura. A globalización, á que as veces se lle escapan os apelidos neoliberal, imperialista, occidental, pende, primeiramente, da difusión ideolóxica, para a que conta moito a exportación e a importación. Un “desviamento” ideolóxico como, na súa modestia, a devandita rúa, é moito más desestabilizador que a posesión dun mísil. A globalización quere estabilidade, tamén os aiatolás. ¿Que tal Rúa Tony Blair?

 
 

Sylvia Gómez Saborido é investigadora do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/02/2004
Fernando Pol