To read the article in EnglishPresencia-OpiniónVolver ó índice / Estados Unidos
O colector: nas tripas da dereita americana
Por Sylvia Gómez Saborido (A Nosa Terra, 29/04/2004)
 
 

Cada mércores, nas xefaturas de Washington do ATR (Americanos pola Reforma Fiscal) más dun cento de representantes das principais asociacións desta dereita radical enchen a sala de conferencias; asistencia só por convite. Funcionarios do Congreso e da Casa Branca, grupos de presión, industriais, think-tankers, editores e avogados. Son os mércores da coalición “Deixádenos Sós”, unidos na política fiscal e nun ideal de cidadán traballador autónomo, educado no fogar e armado, porque “non precisa do maldito Goberno para nada”.

No seu informe, o Comité Nacional pola Filantropía Responsable, NCRP, identifica ao Eixo da Ideoloxía. Son 350 asociacións libres de impostos da fronte activista da ultradereita, presentes a nivel estatal, rexional e local, que terían penetrado as tres ramas do Goberno Federal, dominando a axenda da Casa Branca e o debate político. A máis coñecida, a Fundación Heritage, tivo moito traballo durante 2002 fabricando a guerra preventiva contra a “grave agresión de Saddam”: 600 aparicións televisivas, 1.000 na radio, 8.000 na prensa.

Entre os seus benefactores, Time-Warner, Altria-Philip Morris, Microsoft, Pfizer e Lockheed Martin; pero a información exacta sobre as contribucións corporativas é cativa. Rob Stein, investigador que seguiu o fluxo do diñeiro até o grupo dominante, identificou 43 organizacións principais ás que denomina “a cohorte”: unha potente e inesgotable fonte de contidos intelectuais, slogans, mitos e rumores que axudou ao xiro á dereita da opinión pública. Un movemento non lucrativo e, por suposto, independente, que pide menos Goberno, abondosas reducións das taxacións para os privilexiados, a privatización ou eliminación da Seguridade Social, menos salvagardas medioambientais e un sistema de mercado sen responsabilidades fronte ao interese público.

Paradoxalmente, o seu modelo foi establecido nos 70 polas campañas de Ralph Nader e os seus consumidores contra os excesos corporativos, que tiveron resposta na defensa agresiva e organizada do sistema capitalista. A Cámara de Comercio dos EEUU distribuiu unha nota pulando por un asalto da intelixencia conservadora ao “despotismo liberal” e ao que consideraba os seus centros: campus, medios, xulgados e política. O prazo foi relativamente curto; un novo colector de institucións conservadoras enraizou e prosperou. Cara ás Presidenciais de novembro, o grupo abriu campaña creando un “escándalo” (a foto Kerry-Jane Fonda, marca Heritage) e esbardallando contra George Soros, o filántropo liberal. Cómpre manter a George W. Bush na Casa Branca.

A Fundación Heritage, o Instituto Cato ou a Sociedade Federalista son nomes relativamente prestixiosos -non tanto o seu trasfondo- pero os neoconservadores coidan tamén a súa base popular, especialmente os mandatos populistas de organizacións coma a Asociación Nacional do Rifle ou o Consello da Familia, aos que o actual Presidente é moi sensible. A liña entre estas organizacións e o Partido Republicano é porosa, no diñeiro e nas carreiras políticas. Por exemplo, o Centro do Experimento Americano (CAE), clon rexional da Heritage, é a axencia rexional do Partido Republicano de Minnesota. As organizacións funcionan coma incubadoras para potenciais candidatos en alza, nunha carreira cara ao Partido Único que remata nunhas eleccións que deben conservar certo aspecto vestixial do proceso democrático.

O Partido Republicano é o último banzo do núcleo central, “o aparello”. Por riba del só estarían as principais unidades do Goberno, incluída a maioría no Congreso e o Executivo e a súa criatura, Bush. Na cúpula, o vicepresidente Cheney; Karl Rove, xefe político da Casa Branca, e os líderes da maioría no Senado e no Congreso. De aquí para abaixo, até chegar á última asociación estudiantil, o debate e a discusión son desanimados, porque a lealdade debe ser absoluta. “A cohorte” é unha infraestructura intelectual á que lle está prohibido pensar. Estaren ao aberto –televisión, radio, prensa– é condición da súa invisibilidade.

 
 

Sylvia Gómez Saborido é investigadora do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 28/04/2004
Fernando Pol