Presencia-Opinión / Europa
|
||||
Aggiornamento Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 11/11/2004) |
||||
Pero non sería malo de todo que a coñecida tese de Kaplan (os EEUU son de Marte e os europeos son de Venus) tivera en Iraq non soamente o exemplo máis palpábel senón incluso un punto de non retorno a partires do cal as relacións transatlánticas se puidesen formular doutro xeito. Bush e o seu equipo pensan en poder orientar a política e as opcións estratéxicas europeas coma fixeron os seus predecesores durante a época da guerra fría, pero, por máis que se empeñen moitos en observar o contrario, o certo é que os tempos mudaron, a importancia dos vínculos entre EEUU e Europa é menor en ausencia do inimigo soviético, como é menor tamén o entusiasmo estadounidense en relación ao proxecto de unión europea que procura socavar oportunamente. O dilema europeo é profundo e de gran alcance. Se nos insiste en que deberiamos estar orgullosos por ser capaces de innovar politicamente o escenario internacional con fórmulas que exhiben unha capacidade de aglomeración sen precedentes, con riscos, pero con signos evidentes de prudencia e maior democracia da que se pode albiscar nunha sociedade como a estadounidense, en vías claras de regresión. Pero de pouco val se non supera o desafío de consolidar esa asimetría que lle outorga un poder, en boa medida invisible fronte á maquinaria militar estadounidense, grandes exportadores de desconfianza nas relacións internacionais, cunha liña de actuación propia e non subordinada, que inspire nos terceiros moita mais confianza que EEUU. Os catro anos que veñen por diante deberían axudar a Europa a fortalecer a súa condición moderadora, a expandir o multilateralismo, a gañar fe na idoneidade dun discurso que, con todas as súas carencias, obrigue a EEUU a tomar conciencia dos seus límites. As sociedades europeas, que entrarán no debate sobre o proxecto constitucional, deben premer aos seus líderes para que esa hipotética reconciliación que tantos reclaman –e algúns con desesperación pouco disimulada– se estableza sobre un novo marco que tome nota dese cambio que se produciu no mundo e que acentúa as diverxencias sobre os modelos de sociedade e as concepcións da vida internacional, tal e como son apreciadas a unha e outra banda do Atlántico. As ameazas non son percibidas do mesmo xeito por ambas partes. A desaparición do socialismo real, a aceleración da mundialización e o progreso da construcción europea son magnitudes o suficientemente intensas como para entender que as respostas ao terrorismo ou ás tensións en Oriente Próximo sexan diferentes dende a perspectiva europea ou estadounidense. Os malentendidos e as diferencias teñen raíces profundas que deben ser tomadas en consideración para evitar simplemente que EEUU diga á UE o que debe ou non debe facer, como acontece en boa medida no caso da adhesión de Turquía. Europa debe evitar diluírse e facer por expresar unha política propia, non enredarse de forma subalterna nunha estratexia que lonxe de imaxinala coma o “segundo piar” dunha alianza entre iguais, a supedita aos intereses dunha coalición á carta en función dos obxectivos que unilateralmente se poidan decidir en Washington. |
||||
Xulio Ríos é director do IGADI. |
||||
|
||||
ÚLTIMA REVISIÓN: 11/11/2004 |