Acción exterior Volver ó índice
As Galicias do latón e do granito
Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 23/12/2004)
 
 

  Ver máis imaxes da presentación do Libro Branco de Acción Exterior de Galicia
Presentación do Libro Branco da Acción Exterior de Galicia. (Na foto, de esquerda a dereita: Jesús Gamallo, Alejandro Molíns, Fernando Pérez-Barreiro, Rodríguez Pardo, Manuel Fraga e Xulio Ríos).
Descarga o Libro Branco en formato .pdf
 
O Libro Branco da Acción Exterior de Galicia xa é unha realidade, toda unha proposta de guía para a acción que pode ser asumida con naturalidade por calquera sector de actividade do noso país, por calquera actor político e social. Esta proposta, primeira no seu xénero pola temática e a formulación, toma boa nota do crecemento da importancia do factor exterior nunha sociedade globalizada, un peso que afecta a mil e unha actividades, e reivindica a necesidade de adoptar dinámicas proactivas que eviten a nosa transformación en xestores pasivos dun cambio que en boa medida nos resulta imposíbel de controlar. Neste sentido, as propostas do Libro Branco da Acción Exterior de Galicia dispoñen medidas facilitadoras das converxencias e sinerxías precisas para que todos contemos cunhas liñas de orientación básicas e compartidas.

As ideas esenciais que recolle este texto poderían resumirse nas tres seguintes. En primeiro lugar, somos unha autonomía no mundo. Quere iso dicir que a descentralización político-administrativa abre espazos e oportunidades que non podemos desaproveitar para que Galicia dispoña dunha proxección propia no exterior, unha proxección que debe acompañar os procesos de adaptación xeral aos novos tempos, pero tamén desenvolver as nosas singularidades e facer da nosa Terra aquela célula de universalidade coa que soñaban os galeguistas dos anos trinta. En segundo lugar, reivindica un impulso exterior decidido, é dicir, a toma de conciencia dos sectores máis dinámicos do noso país a respecto da necesidade de comprometerse coa participación internacional, un discurso que debe impregnarnos a todos, porque nese eido xógase boa parte do noso futuro. Valga como exemplo a referencia de dúas actitudes ben distintas: hai dez anos que ó sector de granito fíxoselle ver o reto que ía supoñer a China, pensaban que aínda reducíndose a cuota de mercado de que dispuñan na Asia, como así foi de forma drástica, aínda quedaría Europa; pero Europa comezou a recibir o granito chinés e comezaron as esixencias de proteccionismo fronte ó dumping social; logo que nos quedaban as canteiras de América, pero agora os chineses son recibidos con palmas e vítores en América do Sur. Canto mellor nos iría se hai dez anos invertésemos na China pois iso aseguraría mellor o futuro de todo o sector aquí. Esa foi, exactamente, a opción de Eurolatón, unha empresa da Estrada dedicada á ferraxe. Hai que perder o medo a estar fóra porque ás veces é esencial para protexer e desenvolver o de dentro.

Por último, terceira idea, cómpre unha Alianza por Galicia no eido exterior, urxe un compromiso de todos para que a acción exterior deixe de ser un aspecto terciario das estratexias máis importantes para gañar a dimensión dun eixe substantivo e sexa “política de estado” entre nós, definindo acordos básicos e estábeis en materias como Portugal, diáspora, ámbitos xeográficos e temáticos prioritarios, medios, instrumentos e principios de actuación, dimensións e estratexias, etc, aspectos todos abordados neste texto.

O Libro Branco non ten vocación de tratado paradiplomático; pola contra, aspira a conformar un eixe de referencia para que Galicia poida universalizarse e modernizarse a un tempo, para que a nosa Terra tire proveito dos múltiples activos de que dispón para gañar terreo nun mundo complexo no que só a xestión intelixente da diferencia pode deparar éxitos singulares.

 
 

Xulio Ríos é director do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/12/2004
Fernando Pol