Presencia-OpiniónVolver ó índice / Estados Unidos
Bush ante a reelección
Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 09/09/2004)
 
 

Rematou a convención republicana e todo decorreu conforme ao guión previsto. Ton de firmeza, carantoñas familiares, espectáculo televisivo, mensaxes curtas e claras, Bush eufórico aceptando o desafío. Ás portas da convención neoiorquina había outro mundo. O dos manifestantes, é verdade, que había tempo non se mobilizaban con tanto empeño para espertar a conciencia narcotizada de moitos estadounidenses que se deixan encandilar polo espectáculo republicano coma se estivesen vivindo unha autentica película. Non é de estrañar a audiencia que recibe Michael Moore que acerta dobremente na súa contestación: primeiro na forma fílmica da súa protesta; segundo, no fondo, cuestionando a imaxe dun Bush capaz de comprometerse coa defensa do seu país e dos seus habitantes.

O caso é que toda esta aparente paranoia circense –pero moito mais seria do que pensamos- en que se converten as eleccións en EEUU empañan traxedias terribles. Non deixa de sorprender, por exemplo, o aumento galopante da pobreza no pais mais rico do mundo, afectando xa a 36 millóns de persoas, e crecendo por terceiro ano consecutivo. Un 12,5% da poboación estadounidense é considerada pobre, a mais alta desde 1998. O limiar de pobreza está fixado en 9.393 dólares de renda anual por persoa e nos 18.810 dólares para unha familia de catro persoas. Segundo fontes estatísticas oficiais, mais de 13 millóns de menores de 18 anos viven por debaixo do limiar de pobreza.

Pero este problema non forma parte da axenda política, mediatizada pola crecente transcendencia da política exterior. Segundo o Pew Research Center, as relacións internacionais reemprazaron ao emprego e ao seguro de enfermidade como preocupacións primeiras dos estadounidenses. Case a metade dos norteamericanos pensan que a política exterior é o problema número un, mentres que soamente un 26% outorgan prioridade á economía. E certamente, é para estar preocupados.

A clave desa inquietude consiste en que a administración Bush está moi lonxe de recoñecer que as raíces contemporáneas do terrorismo islamista que afirma combater con denodado empeño e inmenso sacrificio deben buscarse na súa política internacional que reduce o apoio de aliados e alenta e multiplica os desafíos. O incremento exponencial do terrorismo é inseparable desa política da Casa Branca que sosteñen os neoconservadores e que xustifican para enfrontar unha relixión vengativa e violenta, inimiga a morte da liberdade e da democracia, valores defendidos polos benefactores republicanos.

O triste do asunto é o próximo que están os demócratas do xeito de pensar dos republicanos, igualmente secuestrados por esa visión maniqueísta do mundo, o que nos fai albergar poucas esperanzas de cambio no suposto de impoñerse o seu candidato nas eleccións do próximo novembro. Aínda así, Kerry semella mais multilateral, mais multinacional, apostando por unha política exterior que, mais alá do militar, acentúe un perfil político e económico que se achegue mais ás raíces do descontento islamista.

Todo razoable, como igual de razoable sería que Bush, que invocou motivos falsos para desencadear unha guerra contra Iraq con resultados desastrosos, non tivera oportunidades serias o próximo 2 de novembro. Pero ben se sabe que estes son malos tempos para a razón.

 
 

Xulio Ríos é director do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/09/2004
Fernando Pol