Presencia-OpiniónVolver ó índice / Outros
Calimity Clare
Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 11/03/2004)
 
 

Clare Short, ex ministra de cooperación internacional no gabinete de Tony Blair, quen presentara a súa dimisión por mor de fondas discrepancias coa política laborista a propósito da guerra contra Iraq, denunciaba hai unhas semanas na BBC que Kofi Annan, secretario xeral de Nacións Unidas, fora espiado polos servicios británicos na secuencia previa á intervención secundada polo trío das Azores. Nas súas declaracións ao programa matinal de Radio 4, Clare, que no seu día lle esixira a Blair o respaldo da ONU como condición indispensable para apoiar a guerra, non deixaba lugar a desmentidos: “Eu persoalmente vin as transcricións das conversas de Kofi Annan”.

A denuncia de “Calamity Clare”, que así a alcuman no Reino Unido, sumase ás supostas “indiscrecións” de Katharine Gun, unha interprete que traballaba para a célula de escoitas do servicio británico, acusada de filtrar un memorando secreto americano segundo o cal tanto EEUU como o Reino Unido espiaran a Angola, Camerún, Guinea, Paquistán, México e Chile, todos eles membros do Consello de Seguridade na altura. O interese dese seguimento radicaba en saber como evolucionaban os indecisos en función das presións recibidas. A Gun foi inculpada por violación da Lei de Secretos Oficiais, pero liberada por falta de probas o pasado 25 de febreiro, entre a sorpresa de moitos que agardaban que o proceso dera pe a falar de novo de Iraq e desvelara máis informacións probablemente embarazosas para o goberno británico. Blair respiraba algo tranquilo pensando que o peor xa pasara, pero a terceira vía, a do descarrilamento total, aínda non rematara o seu periplo. A denuncia de Clare Short volvía a poñer o dedo na chaga dun comportamento ilegal e vergonzoso. Aínda que sen consecuencias, por agora.

Os servicios secretos aliados semellan moi dados a estas “manías”. En 2001 foron tamén os británicos os infiltrados na embaixada de Paquistán en Londres. Nada se soubo de quen podía estar detrás dos micrófonos descubertos na sede do Consello de ministros da UE, en Bruxelas. “Echelon”, creada en 1947 e reservada ao uso de cinco países anglosaxóns (Reino Unido, Estados Unidos, Australia, Canadá e Nova Zelanda) , conta cunha plantilla estimada de 40 000 persoas. Todos podemos ser obxecto de espionaxe. Os avances tecnolóxicos facilitan o seu traballo. Mesmo unha conversa entre dous individuos pode ser recollida nun radio de cinco quilómetros sen grandes complicacións.

A lexislación aprobada nalgúns países nos últimos anos socava o dereito constitucional á intimidade e ao secreto das comunicacións e ampara na seguridade nacional toda violación “responsable”. Os dereitos fundamentais dos cidadáns quedan así seriamente condicionados por estas prácticas que escapan a todo control público, ocultas baixo o manto da defensa e da loita antiterrorista.

Pero volvendo ao rego: o Tratado de Viena de 1946, ratificado polo Reino Unido, estipula a inviolabilidade da ONU. O goberno británico deu instruccións aos seus espías para violar, unha vez mais, a legalidade internacional. É un asunto gravísimo. Annan pediu explicacións a Downing Street. Pero aquí –xa é un secreto a voces- soamente dimiten os dunha banda. Como fixo Clare Short.

 
 

Xulio Ríos é director do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/03/2004
Fernando Pol