Presencia-Opinión / Cuba
|
Cuba: ¿penuria ou crise? Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 07/10/2004) |
Na semana pasada, Serguei Lavrov, ministro de exteriores ruso, visitou a illa, pero todo se foi en pomposas declaracións sobre a coincidencia á hora de defender unha orde mundial máis xusta e equitativa, condenas ao terrorismo e as usuais formulacións en materia de dereitos humanos, rexeitamento do bloqueo, etc. Nada substancial que permita aventurar un impulso apreciable das relacións bilaterais nos planos económico e comercial. A ese illamento, que outras cancillerías da rexión, especialmente a brasileira, tentan eclipsar con hábiles propostas que non atoparon aínda o nivel de consenso necesario, súmanse os efectos das últimas medidas adoptadas pola administración Bush que endureceron o embargo mediante a restricción das viaxes e, moi especialmente, da cantidade de diñeiro que os establecidos en USA poden enviar aos seus familiares na illa. Probablemente o diñeiro seguirá fluíndo, igual que as viaxes, recorrendo a terceiros países (México e Canadá, sobre todo), pero ese rodeo prexudicará a intensidade dos fluxos e ogallá que ese trastorno se converta en erro de cálculo para un Bush nun Estado vital para os seus intereses electorais. A precariedade económica do réxime cubano levou ao presidente estadounidense e aos círculos máis conservadores do exilio a crer que, despois de 45 anos de espera activa, a aposta por unha quebra do réxime, forzada pola inestabilidade social, tería esta vez maiores posibilidades de éxito. Pero os exiliados cubanos son os máis prexudicados polas voltas que deben dar agora para seguir enviando o diñeiro ás súas familias, empeño ao que non van renunciar pois esa solidariedade transcende as súas hipotéticas antipatías polo réxime. A profunda crise da economía cubana deu un primeiro aviso na zafra do ano pasado que produciu soamente 2,2 millóns de toneladas de azucre, o volume máis baixo en 70 anos. Cuba sigue sendo o cuarto productor mundial deste producto, a súa terceira fonte de ingresos de divisas, despois do turismo e as remesas de diñeiro do exilio cubano, que superan os mil millóns de dólares anuais. No seu mellor momento, a illa producía sete millóns de toneladas anuais. Os demais sectores abertos ó investimento estranxeiro tampouco se dan por satisfeitos: Petrobras, a petroleira pública brasileira, retirouse da illa ao non atopar xacementos rendíbeis. Tampouco as empresas chinesas que apostaban pola explotación do níquel deron concretado investimentos significativos. Por iso, a complexidade do momento económico cubano vai moito mais alá das circunstancias puntuais que explican o actual estado de excepción e teñen difícil saída nas sinxelas coordenadas do mundo inhabitable que habitamos. |
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN:09/10/2004 |