Presencia-Opinión / Estados Unidos
|
||||
Dr Kerry e Mr Bush Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 14/10/2004) |
||||
Estas liñas publicaranse ao día seguinte de celebrarse o derradeiro debate, o previsto en Phoenix, entre os dous principais candidatos e que debe versar sobre cuestións de política interior e económica. Nos dous primeiros, nos que a política exterior estivo moi presente, en especial a guerra de Iraq, Kerry saíu victorioso, pero cunha escasa marxe de vantaxe sobre Bush. Ese virtual empate técnico pode activar o interese da cidadanía e propiciar unha mobilización inusual da sociedade norteamericana. Vai ser moi necesaria, pero ten en contra o acelerado descrédito, incluso, dos medios de comunicación, cada vez mais asociados ós intereses duns grupos empresariais propietarios que non ocultan as súas preferencias políticas. Non obstante o recoñecido papel estimulador do interese e da participación, os grandes debates entre os principais candidatos móvense cun nivel de condicionantes tal que impiden a mínima espontaneidade reducindo o perigo para os contendentes de xerar cambios de opinión moi pronunciados. Aquí apréndese de todo. Organizado minuciosamente por fontaneiros de luxo das dúas bandas (James Baker e Vernon Jordan, por Bush e Kerry, respectivamente) a través dun protocolo de 32 páxinas, son obxecto de especial coidado todos os detalles necesarios para garantir a igualdade das partes contendentes, non soamente en canto aos temas e as formas do debate, mesmamente para que o espectador non se decate, por exemplo, da diferencia de altura que os separan (13 cm lévalle Kerry a Bush) ou dos problemas de transpiración de Kerry que impón aos organizadores unha climatización especial da sala. Os matices de Kerry poñen o acento na recuperación da credibilidade internacional buscando un novo consenso cos aliados tradicionais e unha nova relación cos países árabes musulmáns. E noutra evidencia contundente, a que lembra o debilitamento da guerra contra o terrorismo por mor da estratexia da guerra contra Iraq. Ata agora estivo escasamente presente a outra gran acusación principal contra Bush, lembrada recentemente por Richard Reeves no New York Times: a de ser un incompetente vocacional, rodeado de incompetentes profesionais. Pero segundo os expertos electorais todo dependerá do voto feminino. Renée Loth, redactora do Boston Globe, asegura que o 58% dos indecisos son mulleres. Nas eleccións de 2000, 40 millóns se abstiveron. Kerry vai por diante de Bush no voto feminino, un colectivo específico de significación tan crucial coma o xudeu, o hispano ou o afroamericano. O que algúns denominan o “eixe de Eva” vai ter a última palabra para revirar a paisaxe política de EEUU. |
||||
Xulio Ríos é director do IGADI. |
||||
|
||||
ÚLTIMA REVISIÓN: 13/10/2004 |