Acción exterior Volver ó índice
Galicia, un Portugal diferente
Intervención de Xulio Ríos na Mesa redonda sobre “A eurorrexión Galicia-Norte de Portugal: un modelo de crecemento”, no Seminario “XXV anos de Concellos democráticos 1979-2004”, celebrada o día 3 de febreiro de 2004 no Parlamento de Galicia.
 
 

Boas tardes. Noraboa pola iniciativa e moitas gracias aos organizadores por convidarme a participar nesta mesa redonda, en compaña de persoas tan significadas e mellor coñecedoras ca min do asunto que nos convoca.

A min gustaríame intentar situar algunhas ideas contextualizadoras e reflexivas sobre as relacións entre Galicia e Portugal.

1. O primeiro que habería que dicir é que Portugal é un punto de encontro para sociedade galega. Non son moitos os asuntos nos que podemos dicir que existe unha plena converxencia entre todos os actores, económicos, políticos, sociais, culturais, da nosa sociedade. Esa converxencia existe en relación a Portugal, a idea do veciño luso como unha clave relacional sobre a que debe edificarse o noso presente e imaxinar o noso futuro. Obviamente, esa unanimidade outorga un enorme respaldo a calquera tipo de acción pública, xa sexa autonómica ou local, e mesmo privada, para impulsar as relacións mutuas. E esa unanimidade é producto da conciencia cada vez mais arraigada de que Galicia, por razóns históricas e culturais, ostenta un plus significativo que a afirman positivamente e a diferencian en relación a outras Comunidades autónomas españolas fronteirizas con Portugal, que non contan con eses atributos que a Galicia lle aportan vantaxes importantes e que debemos aproveitar.

2. A aposta de Galicia pola intensificación das relacións con Portugal non é de agora. Ten raíces históricas na política galega. O galeguismo fixo unha achega importantísima nese sentido que cómpre recoñecer. Naturalmente, o contexto no que se enmarcan as relacións actuais dista moito daquel iberismo que defendían os galeguistas e que lembraba onte mesmo o diplomático galego Raúl Morodo dende as páxinas dun diario madrileño. A entrada de España e Portugal na Unión Europea abriu novas expectativas para andar novos camiños nas relacións bilaterais. O impulso europeo foi a porta que permitiu desenvolver unhas relacións longamente acariñadas. Os antecedentes da visionaria preocupación galeguista por Portugal, referencia indispensable de calquera proposta de acción exterior, facilitaron ese camiño e igualmente o encontro unánime da sociedade galega arredor de Portugal.

3. A realidade inmediata a coñecemos e a gozamos todos. Os logros foron moitos e importantes. Os avances en materia de infraestructuras, por exemplo, son ben coñecidos e o mellor pulso posible para calibrar o favorable cambio de situación. Non obstante, cómpre sinalar que son moitísimas as dinámicas e os vínculos que se puxeron en marcha, involucrando a numerosos actores de todo tipo e para ben. Mais alá do anecdótico de converter en internacional calquera encontro ou seminario celebrado en Galicia co recurso da presencia portuguesa, o certo é que ese contacto foi extremadamente útil para colectivos tan importantes do noso país como os pequenos e medianos empresarios que, como lembra Enrique Sáez en “O mundo e nós”, aprenderon a internacionalizarse en Portugal, experimentando as súas inquedanzas en materia de comercio exterior nun mercado que formaba parte do noso “estranxeiro próximo” e que gozaba dun nivel superior de apertura ao exterior.

Naturalmente, existen problemas. E sobre todo subsiste o da personalidade xurídica desa Comunidade de Traballo que se erixe como referente institucional desa aproximación. Foi realmente unha magoa que o Tratado de Valencia asinado recentemente por España e Portugal non dese unha solución definitiva a este problema, tal e como se demandaba dende diferentes instancias. Ogallá que se atope algunha solución dende a arquitectura legal comunitaria.

Pero con todo, en moitos aspectos cabe falar, como xa ten reseñado Michel Barnier en mais dunha ocasión, de traballo modélico desta eurorrexión, que está facilitado por aquel plus e aquela suma de vontades da sociedade galega que comparte unanimemente esa aspiración de achegamento.

4. Agora ben, fariamos mal en recrearnos na actual situación. Estamos aquí en boa medida para facer balance e debe servirnos sobre todo para mirar cara adiante e intentar definir por onde debemos seguir. Eu apuntaría as seguintes ideas para o debate:

4.1. En primeiro lugar, coido que debemos avanzar mais na creación dunha identidade eurorrexional. A pesar dese plus, foi pouco o avanzado, entre outras razóns porque se precisa tempo para comprendernos máis e mellor, superando tópicos e prexuízos. Avanzamos pouco porque temos que pensar como facelo e acertar na elección dos instrumentos para vencer as desconfianzas que puideran existir. E tamén porque ese proceso non se pode dar só por arriba, senón que é indispensable a participación das sociedades.

Nese aspecto é indispensable tomar en consideración o local. Non soamente as cidades, perfectamente integradas nese Eixo Atlántico, senón todo o mundo local. E nese aspecto, entendo que temos un problema, pois o local está deslabazadamente presente no exterior. En total existen uns quince irmanamentos de concellos galegos e portugueses e case todos carecen de vida real, sen desenvolver programas de actividades con contidos de interese. Esta situación, indudablemente, marca un camiño para esa Fegamp que inicia agora unha nova etapa. Ogallá os seus directivos saiban (con Portugal, cos asuntos europeos, coa cooperación ao desenvolvemento, coa inmigración, etc.) ir definindo unha ruta local do internacional que debe prestar especial atención a Portugal, homoxeneizando políticas e recursos, ideas e propostas.

4.2. A segunda cuestión é a imaxe de Galicia en Portugal, feble en demasía ao meu ver. Deberiamos fortalecela. En primeiro lugar, sen limitarse ao Norte, aínda que sexa nesa proximidade onde a nosa presencia resulta máis doada e evidente. En segundo lugar, resolvendo dunha vez por todas o que eu defino como “asimetría de presencias”: a presencia institucional de Portugal en Galicia (consulados, Instituto Camoes, etc.) é infinitamente superior á galega, totalmente inexistente. Se temos unha oficina da Xunta de Galicia en Florianópolis, Bos Aires, ou unha Casa de Galicia en Madrid, ou becarios do Igape en diversos lugares da xeografía mundial, non se entende ben que non teñamos presencia institucionalizada en Portugal. ¿Precisase mais en Madrid que en Porto? Non o creo. E, por último, para fortalecer a imaxe de Galicia en Portugal é indispensable dimensionar adecuadamente as claves culturais que deben ser potenciadas, aquí e alén Miño.

4.3. A terceira cuestión é o que defino como “avanzar globalmente e cun proxecto compartido”. Son múltiples os fíos de relacións que nos diferentes eidos nos conducen a Portugal. Ese avance global debe ser inventariado, analizado e reflexionado a distancia para que a xestión do día a día non nos impida pensar a longo prazo e definir estratexias. Pensar Portugal debe ser unha tarefa permanente para os galegos, para os centros universitarios e de investigación sociopolítica e económica.

E debemos facelo definindo un proxecto compartido. Falaba ao comezo da miña exposición de unanimidade. Ese acordo debe traducirse en diálogo político permanente, abrindo canles de participación. ¿E onde facelo? Pois nesta mesma Cámara, non hai mellor sitio. E temos outro problema: no Parlamento de Galicia non existe unha comisión de acción exterior, que debería existir e que permitiría e obrigaría a reflexionar sobre estes temas e promover iniciativas duradeiras e permanentes.

4.4. A cuarta e última idea é a relativa á promoción conxunta no exterior da eurorrexión. É algo que xa avanzamos hai uns anos cunha proposta e investigación que realizamos o Igadi e a Universidade Fernando Pessoa. A construcción da identidade eurorrexional e da propia eurorrexión non se pode facer soamente cara dentro, hai que facelo tamén cara fora, definindo espacios e alianzas estratéxicas, en empresas, en sectores de actividade, económica, pero tamén social e cultural, aproveitando as respectivas presencias e influencias en América ou na África de expresión portuguesa.

5. En suma, estamos no momento adecuado para dar un impulso á eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Pensando no futuro, estamos no momento de imaxinar unha relación reforzada e non debilitada por esa reducción dos fondos europeos que se albisca no horizonte e que algún día chegará. Se hoxe son eses fondos os que sustentan en bo grao a identidade da eurorrexión, ¿que faremos cando vaian minguando ata desaparecer? A eurorrexión non debería desintegrarse senón explorar novos contidos e aproximacións pero que deben comezar a definirse desde agora.

Se un día fomos capaces de imaxinar a transformación daquel río Miño que nos separaba nunha ponte de comunicación para as nosas sociedades, quizais agora podiamos pensar en evolucionar ata facer de Valença e Tui, unha especie de Buda e Pest, como nos suxería Enrique Sáez dende as páxinas da revista ECO que dirixe o noso amigo e moderador, Gonzalo Vázquez Pozo.

Moitas gracias.

 
 

Xulio Ríos é director do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 09/02/2004
Fernando Pol