Acción exterior Volver ó índice
Galicia e a cooperación internacional ao desenvolvemento
Por Carlos Teijo García (Titulares, 15/04/2005)
 
 

  Clic para aumentar
O mellor que se pode dicir do momento actual da cooperación en Galicia é que está a atravesar un período de transición no que se quere definir o salto de calidade que vai dende un modelo de cooperación rudimentario e desarticulado cara a un modelo sofisticado e programado. Un momento polo tanto que está cheo de desafíos, incertidumes e, por qué non dicilo, tamén de ilusións.
 
O Comité de Axuda ó Desenvolvemento da OCDE ten indicado nas avaliacións das políticas bilaterais dos seus membros que un dos logros acadados pola cooperación ó desenvolvemento no Estado español é o do seu elevado grado de descentralización. Tanto a nivel rexional como local, as entidades territoriais conforman unha parte esencial do panorama da cooperación española constituíndo un exemplo para outros Estados de estructura complexa. A pesares da relevancia deste fenómeno, non é esaxerado dicir que a nosa comunidade autónoma se atopaba ata hai ben pouco afastada desta dinámica tanto no que respecta á súa contribución en recursos financieiros coma no tocante ós instrumentos cos que artellaba a súa cooperación.

A situación, sen embargo, semella que comeza a mudar. O mellor que se pode dicir do momento actual da cooperación en Galicia é que está a atravesar un período de transición no que se quere definir o salto de calidade que vai dende un modelo de cooperación rudimentario e desarticulado cara a un modelo sofisticado e programado. Un momento polo tanto que está cheo de desafíos, incertidumes e, por qué non dicilo, tamén de ilusións.

Os botóns de mostra para ilustrar en qué consiste este proceso de cambio atopámolos sobre todo nos propios instrumentos dos que se están a dotar os actores do sistema galego para avanzar cara a unha cooperación de calidade. En primeiro termo, é necesario facer mención da pedra angular do novo modelo, a Lei de Cooperación de xuño de 2003 que aprobou por unanimidade o Parlamento de Galicia e na que aparecen fixados obxectivos, prioridades, instrumentos e bases institucionais da cooperación ó desenvolvemento autonómica. A Lei, que segundo o seu Preámbulo constitúe a “expresión da responsabilidade e madureza da sociedade civil galega e das súas institucións, nas que se percibe nos últimos anos un impulso importante dos valores da cooperación e a solidariedade internacional cos pobos e xentes máis desfavorecidas da Terra” establece as metas do sistema galego de cooperación e deseña os perfís xerais dos mecanismos orgánicos, procedimentais e financieiros que han de permitir alcanzalas polo que supón un salto cualitativo para o desenrolo da cooperación en Galicia.

Armado o esqueleto, a masa muscular do modelo que establece a Lei de Cooperación foi gañando en encarnadura ó longo do ano 2004 en virtude do desenvolvemento que se está a dar ós mandatos contidos na norma básica. Neste senso, cómpre salientar que no relativo ó artellamento da estructura institucional que precisa un sistema de cooperación de calidade a administración autonómica impulsou, a través dun proceso aberto de consulta cos restantes actores implicados na práctica da cooperación e fundamentalmente coas ONGDs, a adopción do Decreto 326/2004, do 29 de decembro, polo que se regulan os órganos de coordinación e asesoramento en materia de cooperación para o desenvolvemento (DOG de 31 de xaneiro de 2005) no que se perfilan a composición e competencias dos órganos previstos pola Lei, é dicir, da Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento (Cintercode), da Comisión Interdepartamental de Cooperación para o Desenvolvemento (Cincode) e do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode). Tendo os dous primeiros unha natureza estrictamente pública, a aparición de leves disensos circunscribiuse tan só ó tema da composición definitiva do Congacode xa que, a pesares de ser este un “órgano de cooperación e consulta da sociedade galega en materia de cooperación e desenvolvemento” coma reza o art. 22.1 da Lei, vai estar integrado finalmente dun xeito cáseque paritario por unha representación bastante inflacionaria das diversas consellerías do executivo autonómico, por un lado, e polos representantes dos restantes axentes de cooperación (ONGDs, empresas, sindicatos, comunidades galegas no exterior, municipios, universidades e fundacións das caixas de aforros, que son os que realmente están chamados a ter voz neste órgano) polo outro.

Na mesma liña de progresiva implementación da Lei cómpre sinalar que este ano avanzouse tamén, se ben máis de vagar neste caso, no deseño do Plan Director de Cooperación para o período 2005-2008 -pendente de aprobación aínda no Parlamento- que é a ferramenta básica de programación na que se recollen os vectores estratéxicos (prioridades xeográficas, transversais e sectoriais) da política de cooperación para os vindeiros anos, xunto co horizonte orzamentario previsto para a súa definición operativa. Sen entrar nas críticas puntuais que se poden prantexar á proposta de Plan Director que a Xunta está sometendo ás consultas dos restantes actores, hai que se felicitar polo feito de que o Plan enfronta as eivas (orzamentarias, de concentración xeográfica de recursos ou relativas ós instrumentos da axuda) que teñen sido tradicionais na curta historia da política de cooperación en Galicia e avanza medidas para poñerlles paulatinamente remedio.

A constatación de que os contidos da Lei comezan a ser postos en práctica conduce a unha valoración positiva do momento actual da cooperación autonómica, no que se pode apreciar a vontade de artellar un sistema que consolide boas prácticas para a soliedariedade internacional deste país. Con todo, parece oportuno antepoñer a prudencia á euforia para reiterar que será preciso un forte compromiso político por parte da Xunta de Galicia e a implicación efectiva de tódolos restantes actores para sacar á cooperación galega da situación de febleza e atraso respecto á das demáis comunidades autónomas na que se atopa.

Aínda que sexa de modo moi sucinto non podemos deixar de indicar que os recursos adicados a cooperación ó desenvolvemento movéronse en 2004 ó redor dos 5 millóns e medio de euros, supoñendo un 0´07% do orzamento autonómico que está moi lonxe da media orzamentaria do resto das autonomías (situada en torno ó 0´24%), así como que en 2005 van continuar estabilizados nesta exigua cuota, a pesares de estar xa vixente unha Lei de Cooperación que obriga á Xunta -nos seus arts. 2.f. e 29- a aumentar progresivamente as súas achegas de fondos para cooperación ata acadar unha asignación do 0´7% dos seus recursos propios. Certamente a proposta de Plan Director 2005-2008 prantexa solucións a este problema avanzando dúas alternativas, unha modesta e outra expansiva, de crecemento ben do 10% ou ben do 20% dos volumes brutos anuais de axuda. Para reducir os riscos que poden ameazar a percura dun modelo de cooperación de calidade, sen embargo, hai que advertir que parece razoable considerar únicamente a segunda das opcións do Plan Director xa que, doutro modo, existe o perigo de que o incremento bruto das asignacións non implique un aumento porcentual das partidas de cooperación que esté por riba da tasa de crecemento global dos orzamentos, como vai acontecer sen ir máis lonxe durante 2005 no que a cooperación -aínda que vaia pasar dunha partida de 5 millón e medio a outra de case 6 millóns douscentos mil euros, cun incremento interanual superior ó 10%- continuará a supoñer algo menos do 0,07% do total dun orzamento que medra a un ritmo máis forte que o propio gasto en cooperación.

Aínda que a dimensión financieira ten unha importancia medular á hora de construir unha política de calidade, o executivo autonómico terá que amosarse tamén disposto a reorientar paulatinamente outros perfís da cooperación galega (coma a excesiva concentración dos proxectos en América Latina, a pouca atención prestada ós países menos avanzados ou incluso o escaso rango alcanzado no organigrama administrativo polas unidades xestoras desta política) que a condicionar o fortalecemento da mesma.

Para ir rematando hai que indicar, no obstante, que a tarefa de dotar de novos pulos á nosa cooperación ten un carácter colectivo e, polo tanto, nos incumbe a todos. Na percura das sinerxias que deben servir para dinamizar a acción solidaria galega temos que abrir o diafragma co que ollamos para a mesma e elevar a mirada máis alá do compoñente estrictamente público do sistema. Aínda que a Xunta de Galicia debe ter o maior protagonismo á hora de impulsar o salto de calidade da nosa cooperación (entre outras razóns, porque é a institución a quen a Lei de Cooperación lle dirixe mandatos claros e directos) o certo é que neste proceso tamén os restantes actores do sistema están chamados a arrimar o ombreiro coa fin de impedir que se estraguen as oportunidades abertas para consolidar unha cooperación que esté á altura das expectativas do país. Neste senso, da a impresión de que o tecido asociativo vencellado á cooperación ten respostado con rapidez ó desafío do novo escenario. As ONGDs galegas, expresamente calificadas como “interlocutores permanentes da Xunta en materia de cooperación” pola Lei (art. 25.1), teñen posto en marcha ó longo do 2004 a través da súa Coordinadora o denominado Proxecto Cero, un mecanismo de autoexploración da súa realidade e establecemento de metas estratéxicas para a súa actuación que debe permitirlles fortalecer os seus vínculos mutuos, deseñar programas que lles permitan ampliar a súa base social e analizar as vías máis idóneas para consolidar o relevante rol que lles corresponde xogar na nosa sociedade.

O compromiso colectivo de tódolos actores do sistema galego de cooperación debe permitirnos homologar a nosa política coa das restantes comunidades autónomas. Existen instrumentos para facelo. E hai tamén unha boa estructura de oportunidade para facelo agora e non máis adiante. Non debemos esquecer, neste senso, que o Goberno do Estado vai duplicar nesta lexislatura a porcentaxe da riqueza nacional adicada a cooperación (que pasará do 0,23 ó 0,50%) e xa ten incorporado este obxectivo ó Plan Director 2005-2008. Estamos polo tanto no momento axeitado para que os galegos apuntalemos o noso sistema de solidariedade cos máis desfavorecidos e para que, ó facelo, poidamos contribuir a dar cumprimento ás obrigas internacionais do Estado. Ogallá conflúan os esforzos de todos nesta tarefa.

 
 

Carlos Teijo García.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/04/2005
Fernando Pol