Presencia-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros/ Outros
Conversa con Teresa Barro
As mulleres no discurso: globalización, sistema patriarcal e educación

Por Iria Alonso Casares (Tempos Novos, novembro/2005)
 
 

  Teresa Barro, clic para aumentar
Teresa Barro: “O sistema patriarcal está en todo. É un sistema. Globalizado, non hai nada que se lle escape... nen se lle escapará nunca, mentres siga vixente. Eu non sei cando empezou; o caso é que non hai esfera que estea fora do sistema patriarcal. A célula fundamental é a familia, a familia patriarcal, aí é onde se inxeren os principios e conceptos fundamentais do sistema. E todo iso se calca en todos os demais aspectos da sociedade, na política. Non hai nada que non responda ás pautas fundamentais do sistema patriarcal”. (Foto: @igadi.org).
 
Bebendo te con menta, como non podía ser doutra maneira. Esta entrevista corresponde ao segundo encontro que mantiven con Teresa Barro, o día 16 de xullo na súa casa no barrio londinense de Maida Vale. Integrante do Grupo de Traballo de Londres, pioneira, muller racha-saias; nada na Coruña no 1936, o 8 de marzo. Reside en Londres dende 1964. Estuda Filosofía e Letras na Universidade de Santiago e na Complutense se licencia en 1960. Na actualidade, é profesora de traducción de cursos de posgrao da universidade londinense de Westminster. Cartas a Rosalía e Dentro Fora son algúns dos seus ensaios máis relevantes.


O Internacional

Iria Alonso: 11-S, 11- M e 7 X. Os números forman parte do universo simbólico. Desta vez, semella que se pecha un triángulo, o dos asinantes das Azores. Cal é a túa opinión como integrante do grupo de Traballo de Londres sobre os atentados acontecidos na semana pasada?

Teresa Barro: Bueno, nos o que máis notamos e o que máis nos sigue chamando a atención vivindo en Londres é a reacción londinense e inglesa en xeral, esta reacción de tranquilidade, de non asustarse por nada, de non inmutarse. Isto, para nos non é novo. Eu recórdoa moi ben, por exemplo cando os atentados do IRA. Saías a facer a compra e coa alerta tiñas que deixar todo e sair do edificio, podíache pasar no cine ou onde estiveras, e a reacción era de tranquilidade total, de que non nos rendemos ao terrorismo, etc.

Comentábamos o outro día no Grupo que o máis curioso de todo é que houbese a mesma reacción agora que Londres é cecais a cidade máis multicultural do mundo; podías pensar que a reacción ía ser outra, que non ía prevalecer tanto ese sentido inglés e londinense de facer as cousas, e a reacción foi exactamente igual en todas as razas. O outro día na peluquería comentaban, que tamén son galegas as donas, que os dous ou tres primeiros días o que se notaba era esta valentía, esta tranquilidade, ese non facer caso, esa valentía, pero silencio, que ninguén falaba do asunto. Eu estou dacordo. Cecais que non había nada que falar, que vas facer ante iso... nada.

Iria Alonso: O colapso da URSS, o desmembramento do Bloque do Leste. A guerra en Iugoslavia supuxo o comezo dunha nova orde internacional baseada na estratexia unilateral das guerras preventivas. Parece ser que o belicismo irrumpe con forza. Que consecuencias pode ter para as mulleres a escala global?

Teresa Barro: Eu coido que estamos outra vez nunha guerra fría, moi parecida á de antes. Os elementos parécense aos da guerra fría cada vez máis. Chámese guerra contra ao terror ou o que sexa, pero é a guerra fría. A división é o que non está tan claro como antes, quen está, onde... Iso parece variar de momento. É o mundo occidental contra o mundo islámico?. E por outra parte está China, quen sabe, podería haber facilmente un conflicto bélico en China, con Taiwán.

Para as mulleres, hai que recordar que as guerras favorecéronlles historicamente, é dicir, é un feito non sei se triste, terrible, en certa maneira, pero as guerras fixeron de catarse, e as mulleres aproveitaron esa liberdade que dan as guerras para facer o que querían, moitas veces por primeira vez.

Esta de agora, como dixen, os elementos desta guerra fría que se ve empezar non están aínda moi claros. Pero ainda que as guerras son terribles, o “lado bo” é que fan espertar a conciencia. Eu creo que neste momento fai moita falta que esperte a conciencia de todo. Neste comezo do s. XXI parece que esteamos empezando o s.XX e incluso o s.XIX, estamos manexando ideas e conceptos moi atrasados que xa están obsoletos e non parecemos capaces de entrar en novas vías. Espero que sexamos as mulleres as que entremos.

Iria Alonso: A década dos 80 supuxo a victoria dos paradigmas neoliberais do Consenso de Washington, e sen embargo, coindice coa denominada Terceira Etapa das Relacións Internacionais, marcada polas Conferencias das Mulleres en México, Copenhague, Nairobi e Beijing no 1995. En momentos de crise, as mulleres reaccionan e achegan posturas, esquecendo as tradicións ou referencias históricas do paradigma da igualdade ou da diferencia?

Teresa Barro: Sucederá, pero para iso vai haber que pensar, e sobre todo o problema está no sistema patriarcal, ata que se estudie e analice con moita sinceridade e moita valentía, porque fai moita valentía para analizalo, porque estamos todos involucrados nel, mulleres e homes, ate ese momento, creo que vamos seguir, por moitas cousas que se consigan, mentras sigamos atrapados no sistema patriarcal vai seguir sucedendo o que sucedeu ate o de agora, faise unha conquista e hai un retroceso. Eu vexo clarísimo que non saimos do sistema, e que o sistema vainos facer retroceder sempre, por un lado ou por outro.

Iria Alonso: A globalización apunta para algúns un proceso imparable. Teñen as mulleres estratexias globais para influir nas dinámicas? Como ves a participación das mesmas na sociedade civil global da que falan David Held ou Mary Kaldor?

Teresa Barro: E que eu non estou segura de que a globalización sexa definitiva. Que é a globalización?. Aí entramos dalgo do que se fala. Pero que é a globalización?. Ollas na historia é hai moitísimos procesos que poderíanse dicir que son e estiveron globalizados e que sempre estiveron globalizados. As guerras estiveron globalizadas dunha maneira ou doutra. Ao mesmo tempo que imos cara unha globalización, no sentido das comunicacións, que dúbida cabe que axudan a iso, eu creo que hai un proceso imparable, de buscar o máis pequeno porque é máis interesante, porque estamos descubrindo que aí están esencias moi importantes. Creo que hai dous procesos paralelos; e espero que non gañe nengún deles. Que os dous camiñen e sacar o mellor partido de cada un dos dous.


  Teresa Barro, clic para aumentar
As feministas galegas, eu entre outras porque me considero feminista galega, falamos en moitas ocasións ou lle reprochamos ao galeguismo ou o nacionalismo galego, o machismo, a falta de feminismo, notable en determinadas épocas, esa especie de misoxinia elevada ao máximo. Creo que se está tratando de saír dese machismo, desa misoxinia, e creo que sería moi útil ter esa dimensión da sociedade patriarcal en mente que aínda existe na sociedade galega. (Foto: @igadi.org).
 
O sistema patriarcal

Iria Alonso: Comprobando a existencia da opresión das mulleres a escala global. Cal é ou son as causas desa opresión?

Teresa Barro: O sistema patriarcal está en todo. É un sistema. Globalizado, non hai nada que se lle escape... nen se lle escapará nunca, mentres siga vixente. Eu non sei cando empezou; o caso é que non hai esfera que estea fora do sistema patriarcal. A célula fundamental é a familia, a familia patriarcal, aí é onde se inxeren os principios e conceptos fundamentais do sistema. E todo iso se calca en todos os demais aspectos da sociedade, na política. Non hai nada que non responda ás pautas fundamentais do sistema patriarcal.

Iria Alonso: A división do público e do privado, da reivindiciación “o persoal tamén é político” de Carole Pateman, supuxo toda unha revolución na década dos 60. Cal é a túa interpretación do mesmo?. É operativa na actualidade?

Teresa Barro: Todo é un circulo vicioso. A familia inflúe na sociedade e a sociedade inflúe na familia. Non vexo que nunca estean separados.

Neste país, na Gran Bretaña, o paso da familia inmensamente autoritaria a unha familia moito menos autoritaria, que é a que prevalece agora, foi un cambio radical. Pero estamos no que dixen antes: un avance trae un retroceso. O paso que se deu foi dunha importancia enorme, pero o de acabar con aquelas relacións autoritarias entre pais e fillos foi acompañado na década dos oitenta e dos noventa por unha volta aos chamados “valores da familia”; quísoxe dicir con iso, que dunha familia que aquí era normal que aos 16 anos todo o mundo tiña que ser independente, se ías á universidade dábanche bolsas para que puideras vivir fora da casa e se traballabas tiñas un salario, tiñas un welfare state case perfecto, todo iso foise roendo para que o resultados fosen os que agora temos. Cada vez menos os fillos poden vivir fora da casa mentras estudan...as universidades cobran, antes non, todo é máis caro, non hai bolsas, e os fillos teñen que quedar na casa dos pais, cousa que antes era impensable.

Toda a cuestión dos coidados é un centro da cuestión feminina; eu sosteño que o problema das mulleres é que sexa a cuidadora de todos. Porque por moito que se libere, non se libera nunca ate que poida prescindir dos coidados que se esperan dela, que poida dicir eu son libre e non teño que coidar de ninguén. A sociedade vaise encargar de que nunca estea libre. Porque é a coidadora é a sociedade ten un seguro fundamental niso. Eu vin claramente como neste país se pasou dunha sociedade verdadeiramente independente que foi retrocendendo e que as mulleres agora teñen que coidar como antes a todos, porque o estado non cuida.

Iria Alonso: En Dentro e Fora adícaslle un capítulo á familia patriarcal (...) “ao se ter apoderado o sistema patriarcal da familia e ter feito dela a célula suprema do ensino autoritario que precisaba para se impor en todas as estructuras da sociedade, a familia virou o contrario do que debera ser”. Cal sería o modelo proposto?

Teresa Barro: Unha familia non patriarcal. Unha familia que en vez de centrarse no coidado, e recordemos que en Galicia isto aínda sigue vivo, os pais esperan que os fillos os coiden, a familia vese como un centro dos coidados. Esta mentalidade tería que desaparecer por completo e pensarse na familia como un centro de creación. O fundamental para todos os que estean na familia, os que nacen na familia, sería o espiritu de creación.

Iria Alonso: E a estratexia? Como chegariamos a esa familia non patriarcal?

Teresa Barro: Para chegar a esa familia non patriarcal ou creadora, o fundamental é a independencia, sempre a independencia, mental e de todo tipo. Cando as persoas non somos independentes, primeiro que non podemos crear, porque para entrar no proceso de creación hai que entrar na liberdade, interna e externa; nesa familia modelo non patriarcal os pais terían que alentar o espírito de creación nos fillos e a independencia, por suposto.

Ao ser a familia a célula fundamental, todo iso se calcaría no resto. A familia patriarcal é unha célula básica de dependencia, de todos, dos fillos con respectos aos pais, dos novos con respecto aos vellos, dos vellos con respeto aos novos. O sistema patriarcal está baseado en dous principios: a dependencia que consegue coa desigualdade nata, contra ela non podes loitar nunca; e a xerarquía, tamén nata. É dicir, todos nacemos nunha estructura fundamental, na que dende o momento primeiro dende que naces, se eres muller eres inferior e se eres varón eres superior... dúas castes; que están así en todo o estado e na sociedade, que está na familia. Hai culturas e civilizacións que matan as nenas por principio, porque hai que ter varóns. Ese é o principio de desigualdade nata. A muller xa nace inferiorizada. Que se perpetúa na familia. E logo hai a xerarquía, os novos sempre nacen tamén inferiorizados. Dous principios que terían que desaparecer. E que desaparecen en canto a familia cultive outra cousa. Todo iso quedaría obsoleto.


A educación

Iria Alonso: No sistema educativo galego tense incluído a transversalidade e a importancia da co-educación. Cal é a túa opinión sobre a súa implementación?

Teresa Barro: Aquí podo dicir algo personal, eu recordo que nos 70, un pouco nos 80, que era cando os meus fillos estaban en primaria e en secundaria, foi un momento que empezou a coeducación no sistema municipal e estatal. Eu recordo que me parecía marabilloso, non dubidei nen por un momento que se educaran nas escolas non confesionais, sen relixión e coeducativas, iso para min estaba clarísimo. E así foi.

Co paso do tempo parece que se descubriu, e non hai nada aínda que desminta ese descubrimento, que para as nenas era moito peor a coeducación, que a muller, as nenas, as mulleres novas, sofren na coeducación; o que ten certa lóxica, ao repetirse as estructuras, a estructura educativa na que hai mulleres e homes no mesmo nivel, a preferencia é sempre polos varóns. As mulleres sofren na familia e na educación primaria e secundaria.

Iria Alonso: Cando e como asumen os nenos e as nenas os roles de xénero?. Semella unha brecha, unha categoría moi dificil sobre a cal traballar. Porén, estaremos ante a chegada dunha revolución final feminista, ou presenciaremos máis reformas? De procesos a longo prazo...esta fase sería de avance ou de retroceso?

Teresa Barro: Cecais esteamos nun preludio. Teño a impresión, o sentimento, de que agora que xa se fixeron moitas experiencias, moitas interesante, cecais, o próximo paso sexa máis fundamental que os outros. Estamos nun momento que somos capaces de ver os erros cometidos, e é moi posible que o próximo paso sexa bastante decisivo. Non é posible a experiencia sen erros.


Obra

Iria Alonso: En Cartas a Rosalía, diríxeste coa complicidade dunha amiga, é a sororidade a base para o entendemento entre as mulleres?

Teresa Barro: Eu creo que sería fundamental establecer esta amistade entre mulleres. Pero hai un obstáculo, que é o sistema patriarcal. Este utilízaa para os seus manexos e sobre todo para inculcar a misoxinia. A nai é a principal misóxina, é a bisagra, porque ela foi unha muller inferiorizada, hai unha liña de interiorización, que a nai transmite, en parte porque ela o sinte e porque o exixe o sistema; a nai transmite a misoxinia e fai sentir a filla que ela é inferior, da caste inferior. Se temos en conta esta liña de inferiorización e de misoxinia, ate que as mulleres entendamos que isto existe, e que está en todo, as mulleres vamos seguir, sen decatarnos, actuando como mulleres do sistema patriarcal, rivais das outras mulleres e vendo aos varóns como superiores.

Iria Alonso: En Dentro e Fora sinalas a E. Pardo Bazán e a Rosalía, e salientas que atopaches nelas (...) “rebeldía contra a inxustiza nalgunhas escritoras ou na maioría delas”. E agora, atopas eses discurso nas contemporáneas?

Teresa Barro: O sentimento de inxustiza que estaba tan claro para min en Rosalía, sempre presente, unha feminista en potencia. En Pardo Bazán, aínda que pertencía a outra clase social, tamén estaba moi presente. Ese sentimento que existía nas escritoras galegas, inglesas, americanas, véxoo un pouco perdido, descoidado, porque toda a retórica levou a pensar que as reivindicacións ou estaban ganadas ou semiconquistadas ou que non era unha cuestión de xustiza, senón unha cuestión de solucións parciais, ou políticas. É importante que se siga vendo como unha cuestión de xustiza.

...Neste momento o que no mundo anglosaxón se chama o escritor ou escritora seria, que é a que non fai novela, non hai case maneira de que lle publiquen, esta é unha cuestión ligada ao mundo editorial. Nas últimas décadas, só se publica un tipo de escrito vendible, entón, a escritora de libro serio, de pensamento, non ten saída.


Fóra

Iria Alonso: Estar na distancia, estar fóra é como estar noutra dimensión. Estás dentro pero estás fora. Facilítannos unha visión cubista da vida. Como analizas e como te achegas á realidade galega?

Teresa Barro: O descubrimento do sistema patriarcal foi un descubrimento que fixen na década dos 90, cando estaba rescribindo un libro. Entrei por ese camiño e xa non puiden parar. O descubrimento foi moi desagradable e incluso houbo un primeiro momento que pensei que sería incomunicable, como ía comunicar a barbaridade que vía, o sistema patriarcal en todas partes. Iso levoume, por suposto, a aplicalo á sociedade galega e a conclusión a que cheguei é que a sociedade galega é unha das sociedades máis patriarcais do mundo. Galicia nunca poderá avanzar ate que se desprenda do sistema patriarcal, con máis forza se cabe que outras sociedades. Do que falo, por certo nun libro que espero que se publique pronto e que se titulará, “O atraso psicolóxico da Galicia”.

As feministas galegas, eu entre outras porque me considero feminista galega, falamos en moitas ocasións ou lle reprochamos ao galeguismo ou o nacionalismo galego, o machismo, a falta de feminismo, notable en determinadas épocas, esa especie de misoxinia elevada ao máximo. Creo que se está tratando de saír dese machismo, desa misoxinia, e creo que sería moi útil ter esa dimensión da sociedade patriarcal en mente que aínda existe na sociedade galega.

Iria Alonso: Dicíaslle a Rosalía, que a vida é unha aventura...

Teresa Barro: Completa. Eu sigo pensando que parte do espírito da creatividade é vivir a vida como unha aventura, non nun sentido superficial, pero no sentido de estar dispostas a ter a mente aberta, a entender o que pasa, que sempre é diferente, a non ter todo pensado dende o principio. A ter en conta que a liberdade é absolutamente esencial para a creatividade. As mulleres fáltalles moito para acadar a liberdade, aos homes tamén pero doutra maneira, porque están empuxadas case dende o día que nacen a entrar en dependencias familiares, amorosas. En Dentro e Fora eu falo de que é necesario que a muller entre no camiño da paixón. É parte da aventura da vida. Sen iso non hai aventura. E da paixón as mulleres están aínda lonxe, porque a sociedade non lles permite entrar.

 
 

Iria Alonso Casares,
analista do Igadi

Iria Alonso Casares, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 23/10/2005
Fernando Pol


Subir