Presencia-OpiniónVolver ó índice / Balcáns
Carta desde Serbia: Boinas vermellas, escorpións e demais bichos
Por Jairo Dorado Cadilla (Titulares, 09/06/2005)
 
 

  Masacre Srebrenica, clic para aumentar
Quen tiña o vídeo e por que aparece agora? Varias posibilidades, incluída a xustificación do pésimo labor de Carla del Ponte en La Haia. Todos os días, na canle independente B92 podemos ver o xuízo a Slobo. A defensa de Milóxevich está a ser directa e dura, e vai ser moi, moi complicado condenalo sen que aparezan os outros elos, Kárajich e Mládich. Probabelmente procúrese unha xustificación moral para asegurar que os serbios non é que sexan a única parte culpable, pero si a máis atroz.
 
A (re)aparición dun vídeo no que membros do corpo paramilitar das boinas vermellas executa a sangue frío a prisioneiros musulmáns pasou coma un vendaval por Europa. Aterrorizou a moitas persoas polo feito de que se ve morrer a xente, mozos e homes, asasinados dun tiro na caluga. Pero o inquietante non está nas imaxes de pesadelo que fan a Europa retroceder 60 anos no seu pasado –maior brutalidade se viu en Ruanda, onde a ferramenta de execución era un machete...

Hai moitas preguntas inquietantes de vivir en Serbia, como é o meu caso, que precisan dunha explicación, preguntas que podo ver dende a perspectiva serbia... ou dende a perspectiva de galego residente en Serbia.

1. Quen tiña o vídeo e por que aparece agora? Varias posibilidades, incluída a xustificación do pésimo labor de Carla del Ponte en La Haia. Todos os días, na canle independente B92 podemos ver o xuízo a Slobo. A defensa de Milóxevich está a ser directa e dura, e vai ser moi, moi complicado condenalo sen que aparezan os outros elos, Kárajich e Mládich. Probabelmente procúrese unha xustificación moral para asegurar que os serbios non é que sexan a única parte culpable, pero si a máis atroz. Do mesmo xeito que posíbeis crimes de guerra do exército Vermello no avance cara Berlín, ou dos aliados en Xapón non son tan crimes coma Auschwitz. Se ese é o obxectivo, darán acadado a culpabilidade moral sobre o pobo serbio coma o pobo alemán ten a da Segunda Guerra Mundial?

2. Paramilitares?! Non, eran brigadas especiais financiadas polo Ministerio do Interior. Pode ser que se pretenda dicir que eran voluntarios, membros de barrios marxinais de Beogrado, ultras de fútbol, soldados non profesionais... pero pagados por un Ministerio dun país aínda hoxe en crise, no que o soldo medio é de 250 Euros ao mes e a inflación do 33%. Acusen pois a Milóxevich diso...

3. Que foi desa xente? Hai unha semana o semanario de máis prestixio de Serbia, Nin, publicaba un artigo onde se dicía que os membros das Boinas Vermellas estaban ou ben mortos, desaparecidos, ou ben traballando na seguridade pública de Serbia, Montenegro e a Entidade Serbia de Bosnia-Hercegovina. Cónstame que membros desa unidade forman os corpos da policía militar e das unidades especiais da policía serbia. E tamén que esas unidades, as boinas vermellas, estiveron activas ate 2001. Que é necesario para ser policía ou soldado nun goberno democrático? (Por certo, o exercito de Serbia e Montenegro pronto irá participar, coma outro exercito de dubidoso pasado, o croata, en operacións da OTAN...).

4. Dimisións? Ne, hvala! Porque se agora hai un escándalo sobre unha unidade paramilitar, e alguén do goberno pedise dimisións –mellor en futuro de subxuntivo pedir dimisións– non estaría demais que o ministro de asuntos exteriores dimitise... porque el tamén armou un grupo paramilitar. O primeiro inocente que tire a pedra... Ah! E de paso, que gobernos coma o español ou o húngaro e a súa venda de armas a estes grupos que asuman tamén as súas responsabilidades.

Esta é a parte na que preciso mudar de lado, e ver as cousas dende a óptica serbia, porque é tamén o país no que vivo e ao que lle adebedo o meu sustento...

1. De querer mudar a situación tensa, na que o futuro de Serbia pende dun fío, habería que ter máis man dereita. E dígoo porque non pode ser que a Unión Europea e as Nacións Unidades mostren xestos de atención cara este pobo –e non cara os lamentables políticos- e o Tribunal de La Haya filtre estes vídeos. É dicir, como pretender que se desenvolva unha política democrática tirando gasolina a un lume quente de mais? Era necesario filtrar eses vídeos que só lle poñen face a unha traxedia pola que xa dimitira en pleno o goberno neerlandés?

2. Se Serbia é culpable exclusiva haberá que aceptar unha vergoña moral exclusiva, coma pasou con Alemaña. Pero no modelo Alemán existe Austria.... na que a perspectiva histórica está enfocada dun xeito moi diferente. Desgraciadamente houbo limpezas étnicas en todas as ex-Repúblicas Iugoslavas, todas, incluída a que xa é membro da Unión Europea... e incluso admitindo que os procesos de independencia foron lexítimos atendendo á constitución federal do 1974... e incluso podemos aceptar que o JNA era un exército que tomou parte por só un lado... pero que quen perdeu foi o propio pobo, e ademais as posguerras mal feitas son o preludio dunha nova guerra. Se Serbia é culpable ao 100% que pague... pero se só ten culpa ao 99,99% xa hai unha diferenza grande abondo como para falar dos demais. A Unión Europea non admitiu a Croacia na rolda de negociacións por un só criminal de guerra, Ante Gotovina –que por certo ten pasaporte francés- deixando a Serbia e Montenegro no mesmo chanzo que Croacia uns meses despois ao admitir o seu informe de viabilidade. De novo, o fracaso de Carla del Ponte.

3. Que futuro ten Serbia? É un ermo. Non hai, non existe un líder político, non hai unha alternativa... non hai posibilidade de facer nada con ninguén... entón, para que cargar mais o ambiente? De novo, o exemplo de Austria é válido... alí chegou a ser Bundespresident un ex membro das SS (por certo, acusado dunha matanza en Bosnia durante a Segunda Guerra Mundial), desgraciadamente aceptar que persoas cun pasado escuro pero que aceptan modelos democráticos é a mellor alternativa para a rexión. Todo o demais é o abismo...

4. Onde están Kárajich e Mládich? Se están en Bosnia-Hercegovina a responsabilidade única e exclusiva é da comunidade internacional, con tropas por todo o territorio. Se están en Serbia e Montenegro, e o goberno non os entregou aparecerán baixo terra.... e nese caso Milóxevich volverá a Beogrado, e todo o custo en diñeiro, vítimas e sobre todo, a imaxe de democracia made in EU será excesivo. Carla del Ponte debería dimitir.

Hai unha cuestión máis que o público discute en Serbia dende hai unhas semanas. A muller de Legija, o imputado principal polo asasinato de Zoran Díndich, ex membro das boinas vermellas abriu unha empresa de seguridade particular con ex compañeiros de división... empresa pechada polo goberno e cunha causa xudicial en contra da empresa...

Pola outra o feble e inadmisible papel da Igrexa Ortodoxa Serbia que aparece representada no vídeo por un pope a bendicir as tropas.... Nunha época na que o Islam é visto coma o inimigo da civilización occidental, o papa Ratzinger e o patriarca Pavel non se quedan atrás. O peor de todo é a campaña que a Igrexa ortodoxa fai para protexer os mosteiros e basílicas queimadas polos extremistas (chamémoslles polo nome: fascistas) albaneses en Kósovo. Dura posición para os popes e para igrexa... cativo favor lle fai á imaxe do seu país, nunha rexión na que a relixión é o todo. Por certo, os católicos non deberíamos sentirnos á marxe: vaian a Croacia, entren nunha igrexa, e as bandeiras nacionais abundan máis cós santos...

Non nos vale nin a expresións que Deus nos axude! Mellor que deus estea á marxe... e que Carla del Ponte tamén.

 
 

Jairo Dorado Cadilla é colaborador do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 09/06/2005
Fernando Pol