Presencia-Opinión / Outros
|
||
Emigración business Por Lino Pellitero (Xornal, 23/12/2005) |
||
O binomio remesas-volume de inmigrantes, non escapa aos pescudadores de business que ven nesas 3.690.000 persoas residentes en España (2005), un nicho de negocio, que ata o de agora só se centraba nos emigrantes galegos ou españois, en xeral. Se no período 2001-2004, a chegada de remesas só se incrementou nun 2,02%, o fluxo de remesas en dirección contraria experimentou unha subida do 72%. Un espectacular incremento, avalado polo feito de que no 2001, só eran 1.333.594 os residentes estranxeiros, pero nos últimos catro anos pasaron de representar o 2,4% da poboación total española, ao 8,4 do 2005. As proxeccións estiman que no 2008 van chegar ao 11%. O forte incremento demográfico rexistrado en España no período 2004-2005, do 2,11%, moi superior ao da zona euro, 0,63%, está directamente relacionado co incremento de inmigrantes. Neste período, mesmo a envellecida Galicia tivo un tímido avance a respecto de 2004, dun 0,41%, superando só a veciña Asturias que rexistrou un 0,27%. O pastel do 4.100 millóns de euros enviados desde España aos seus países de orixe no 2004, non deixa de atraer empresas financeiras ao sector. No ano 2003 naceu a sociedade BEM (Benvido Emigrante), que agarda facturar no 2005, uns 50 millóns de euros. Agrupa a oito grandes caixas de aforros de España, entre as que está a CaixaGalicia, que posúe o 51% das sociedade. O 49% restante está en mans da portuguesa Peiró&Amorim. O negocio non só se circunscribe ao envío de diñeiro a traveso da MoneyGran que se encarga das transferencias no tempo récord de 3,4 segundos aos seus 85.000 puntos de recollida en América Latina, senón que teñen convenios preferenciais con axencias de viaxes, móbiles, formación profesional... produtos demandados frecuentemente por este nutrido colectivo. O BBVA, xa chegara antes a este mercado con 40 locais multiservizo especializados en emigrantes. O efecto positivo da competencia foi a rebaixa considerable das taxas do envío que chegaron a estar na orde do 20%; hoxe as máis competitivas se sitúan entre o 5 e o 7%. No seu informe anual: “Perspectivas para a economía mundial 2006”, o BM dedica un capítulo ás “consecuencias económicas das remesas e a emigración”. Sinalan que en cinco anos se duplicaron as remesas mundiais. Neste ano, que agora acaba, o movemento total mundial estaría polos 196.000 millóns de euros. No sistema financeiro formal, ao que adoitan fuxirlle un 50% das transaccións, estiman que durante o 2005 se terían transferido polas súas canles, uns 142.000 millóns de euros aos países en desenvolvemento, unha cantidade que duplica, demais, os montos das axudas internacionais que reciben. Por iso, tanto no BM como no BID, gustan de cualificar ao fenómeno coma “o rostro humano da globalización”, ou como “instrumento de democracia financeira”. Á cabeza do ranking, con máis de 15.000 millóns figuran, por esta orde, India, China e México. Con certeza, as remesas destas auténticas “trasnationals families”, teñen efectos multiplicadores nos países de orixe, non flutúan nin acompañan os ciclos recesivos económicos nos países en desenvolvemento, reducen a pobreza, aumentan o benestar dos traballadores e das familias que permanecen nos países de orixe.... Segundo os cálculos do BM, os 38.000 millóns de euros transferidos durante 2004 a América Latina, terían sacado da pobreza a dous millóns e medio de persoas. É verdade que e emigración tamén comporta graves efectos negativos, tanto persoais coma colectivos, que non figuran suficientemente analizados polo BM ou polo BID: o desarraigo, a fuga de cerebros, a partida de man de obra cualificada con cargo aos orzamentos nacionais, gretas familiares, perdas das identidades, fracturas emocionais.... Pero habería que valorizar socialmente tamén todo o que o fenómeno migratorio aporta a receptores e emisores. Todo un capital relacional, humano, cultural, político, de desenvolvemento e, por qué non, tamén, financeiro. Galicia viviu e vive a dobre faceta emisora-receptora, e está en condicións óptimas para rendabilizar esta nova oportunidade histórica, para observar todas as arestas deste complexo mundo migratorio coa súa experiencia, para estar na vangarda dos servizos prestados a emigrantes e inmigrantes, e para integralos como recurso prioritario na construción da Galicia do século XXI. |
||
|
||
|
||
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 30/12/2005 |