Presenza-OpiniónVolver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Marines, terra dentro
Por Lino Pellitero (Vieiros, 17/09/2005)
 
 

  Pintada anti marines en Asunción (Paraguai), clic para aumentar
A decisión do Parlamento paraguaio de conceder inmunidade a 400 marines para que se instalen no país ata o 2006 e poidan realizar trece manobras militares no seu territorio, ten aberto unha crise xeopolítica zonal de envergadura. Os países veciños temen a perpetuación “sine die” dunha base militar norteamericana incrustada no Cono Sur. (Foto: Pintada contra a presenza de tropas americanas nunha rúa de Asunción, a capital de Paraguai).
 
Na Axenda oculta dos EEUU figuran, dende finais da década pasada, diversas áreas xeográficas definidas como de atención prioritaria. Baixo o termo “Zonas de Baixa gobernabilidade”, constrúese, nos documentos sobre seguridade nacional do Pentágono, unha retórica literatura ameazante que da luz verde a posíbeis intervencións estranxeiras en zonas concretas como, por exemplo, a coñecida como Tripla Fronteira entre Paraguai, Arxentina e o Brasil.

A decisión do Parlamento paraguaio de conceder inmunidade a 400 marines para que se instalen no país ata o 2006 e poidan realizar trece manobras militares no seu territorio, ten aberto unha crise xeopolítica zonal de envergadura. Os países veciños temen a perpetuación “sine die” dunha base militar norteamericana incrustada no Cono Sur.

De pouco serviu o rotundo desmentido do presidente paraguaio, Nicanor Duarte: “Non temos a intención de instalar unha base militar estadounidense en Paraguai, e se alguén a tivese, rexeitariámola terminantemente, porque iso significaría a mutilación da nosa autonomía, da nosa independencia política e económica”. Entre as potencias zonais déuselle pouca credibilidade a Duarte cando declarou publicamente que a operación inscríbese nos acordos de cooperación militar que o país ten asinado cos Estados Unidos dende os anos 60 anos.

A ninguén se lle escapa que no mes de agosto, o secretario de Defensa Estadounidense, Donald Rumsfeld, realizou unha importante visita a Paraguai e Perú, países de segunda liña como potencias zonais, que segundo os medios de comunicación norteamericanos, pretendía “marcar territorio” en Latinoamérica, tradicionalmente considerada como unha prolongación natural de política exterior norteamericana, agora en horas baixas, xa que dende o comezos do novo milenio non deixa de medrar o número de países con relacións exteriores cada vez máis autónomas dos fíos cos que sempre se moveu a prolongación da longa man estadounidense: Venezuela, Brasil, Arxentina, Uruguai...

A Instalación dunha EOA (Emprazamento Operativo Adiantado) de marines norteamericanos, na provincia de Boquerón a 250 km da fronteira boliviana, proeu nos Ministerios de Relacións Exteriores de Brasil e Arxentina, amais de alporizar inmediatamente no Palacio de Miraflores venezolano.

Para expertos politólogos brasileiros, como Eurico Lima de Figueiredo do Núcleo de Estudios Estratéxicos da Universidade Federal Fluminense, os marines da EOA converten a Paraguai, nun inmenso portaavións no corazón do Mercosur e liquida as posibilidades de defensa.

Nun documento de 2002, elaborado polo coronel José Alberto Costa Abreu, no Comando do Estado Maior do Exército Brasileiro xa se advertía da intención dos EEUU, de establecer un cinto de instalacións militares ao redor da principal potencia sudamericana para minguar a súa capacidade de asumir un liderado rexional.

Mais existe outra aresta engadida nas relacións internas do Mercosur, xa que o presidente paraguaio, Nicanor Duarte, pretende aproveitar a necesidade estadounidense de estar presente no Cono Sur, asinando un tratado de libre comercio a semellanza dos que ven de asinar cos países de Centroamérica.

O panorama económico que herdou Duarte en agosto de 2003 era desolador. Paraguai é o país máis pobre do continente se exceptuamos o caso boliviano: contracción do PIB, desvalorización do guaraní, inflación crecente, reservas internacionais baixo mínimos, pobreza en máis do 60% da poboación, caída da renda per cápita dende os 1.647 dólares ata os 934 na data da toma de posesión...

Os leves síntomas de recuperación que o país está a evidenciar, poderían consolidarse coa sinatura dun pacto de libre comercio con EEUU por conta propia e bilateral. Tampouco gustou da idea o titular de Itamaraty, o Chanceler Celso Amorín quen foi tan duro como claro: “Cando se fan acordos económicos, sempre hai unha elección entre os socios, neste caso Paraguai debe comprender que ten que optar entre hipotéticos aliados comerciais. Un acordo por si só, bilateral, é incompatíbel con outro colectivo cos demais socios do bloque Mercosur”.

Pode que teñan toda a razón os informes do Pentágono, e que a Triple Fronteira sexa, tal como se afirma desde Washington, un santuario de terroristas islámicos, un refuxio do crime organizado, un búnker do tráfico e lavado de diñeiro, un paraíso dos falsificadores... e, por tanto, unha Zona de Baixa Gobernabilidade, máis todo apunta a que estamos diante dunha operación deseñada para retomar o protagonismo, ou alomenos para restrinxir o protagonismo doutras potencias zonais.
Pode tamén que, en parte, exista un desexo de controlar recursos naturais, sobre todo, o acuífero guaraní, unha das fontes de auga doce máis importantes do mundo. Ou que sexan certos os augurios de politólogos como o australiano Coral Bell, que prognostican o solpor do mundo unipolar... mais todo apunta a que, en América Latina, estamos a visualizar unha nova escenificación da hiperpotencia que contraataca.

 
 

Lino Pellitero,
analista do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 20/09/2005
Fernando Pol


Subir