Presenza-Opinión / Oriente Medio
|
Palestina segundo os palestinos Por Moncho Iglesias Míguez (Xornal, 01/10/2005) |
A hostilidade entre os dous pobos é un problema interno en ambos lados. Do lado palestino alegan que é un interese dos outros que creza o odio entre os seus propios habitantes. É por iso que intentan desestabilizar as súas estruturas básicas e dividir aos seus veciños. Entre as corporacións maioritarias en Palestina hai diferenzas non só de tipo político, senón tamén belixerante e relixioso. Al-Fatah recoñece que a xente está en pleno dereito de separar relixión e política. Eles mesmos se consideran parte dunha tendencia política de centro e sosteñen que Al-Quds (Xerusalén) é o principal problema para chegar a unha solución pacífica. Admiten a creación de dous estados independentes con fronteiras comúns, aínda que con Xerusalén, indivisible, para os musulmáns. Os seus membros están en contra dos suicidas que se inmolan aínda que recoñecen que algúns deles perderon amigos por ese motivo. Din que é imposible parar a alguén que ten tanto odio gardado, alguén que xa o perdeu todo na vida. Amais, esa xente que decide inmolarse non propaga as súas intencións, faino caladamente sen que ninguén o saiba. Un dos membros de Al-Fatah entrevistados recoñece que «respectan aos humanos e esperan que non se fagan dano entre eles». Con todo, outros aceptan a belixerante interpretación do dito «ollo por ollo, dente por dente». É máis, algúns dos membros máis radicais deste grupo afirman que no Corán está escrito que se a guerra termina cos israelís, comezará outra ata que Deus acabe con eles. Neste sentido, os simpatizantes de Hamas son máis contundentes. Para eles, o libro sagrado revela que Israel non existirá no ano 2022. Esta é a conclusión á que chegou un estudoso islamista que, segundo outras interpretacións, quixo dicir que non se irán do lugar, senón que non haberá máis. Para os membros de Hamas, a loita armada é un deber de todo musulmán. Aínda que chegaron a un acordo de cese de violencia, a pasada fin de semana volveuse a prender lume en Terra Santa. En Hamas teñen claro que foi unha provocación israelí para poder escusar unha nova entrada nos territorios e apresar ao maior número de membros do colectivo. Segundo eles, o goberno de Sharon ten medo de que Hamas gañe poder nas eleccións de decembro e fará o posible por quitarlles poder. Hamas ou Jihad Islámica recoñecen que non deixarán a loita armada ata que consigan a devolución de toda a súa terra e todos os refuxiados espallados polo mundo podan regresar. Para eles non existen os suicidas ou persoas que se inmolan pola causa, senón mártires. As persoas que fan isto entregan a súa alma para salvar a doutros moitos. Palestina –defenden-, dende o Mediterráneo ata o Xordán, é a terra dos palestinos e non dos xudeus, e haberá que conseguila como sexa. As discrepancias entre eles non son grandes. Para os de Jihad o importante é a loita armada, algo que critican os outros, xa que, comentan: «A Jihad deixa que a súa xente nova ataque sen aprender os principios do Islam, só baixo ideais políticos». Outro grupo con ampla representación e algo máis afastado dos máis arriba citados é o Fronte Popular que, promovendo unha loita pacífica e de entendemento, acha noutros grupos palestinos o berce de moitos dos problemas. Pero, amais destes grupos, moita da xente se nega a falar de política. O tema, repetido por todos os medios en todos momentos, cansou a moita xente que xa non entende qué é a política. Moita parte da poboación non se sente representada por ningún destes grupos e nin sequera sabe dos seus ideais. Queren vivir onde está a súa familia, en paz e liberdade. A este respecto, algúns dos entrevistados recoñecen que pasaron ata máis dun ano en cárceres israelís por pertencer a Hamas. Agora non teñen medo en volver á prisión xa que se senten dentro dunha grande que en vez de celas ten cemento que apenas deixa buratos para pasar os reflexos do sol sobre a cúpula de Al-Aqsa. |
Moncho Iglesias Míguez é profesor visitante na Bethlehem University. |
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 02/10/2005 |