Presenza-OpiniónVolver a TitularesVolver a Presenza/Rusia / Rusia
Xeorxia e a hipoteca rusa
Por Naír Millos Álvarez (Xornal, 02/08/2005)
 
 

  Soldados rusos en Akhalkalaki (Xeorxia), clic para aumentar
A labiríntica e escura política da área post-soviética alimenta mil hipóteses: tanto as que retoman anteriores denuncias sobre a implicación dos servizos secretos rusos en manobras que beneficiaron amplamente ao Kremlin, como o beneficio político que as actuais denuncias xeorxianas proporcionan aos defenestradores de Shevarnadze, preocupados por apurar a saída das tropas rusas do seu solo e deixar expedito o camiño para a presenza estadounidense. (Foto: Soldados rusos na base próxima á cidade de Akhalkalaki, en Xeorxia).
 
Xeorxia é un pequeno país da rexión transcaucásica con conflitos territoriais nas rexións pro-rusas de Abxasia e Osetia do Sur. A semana pasada, o presidente xeorxiano sorprendía a propios e estraños cunhas declaracións nas que inculpaba ós servizos secretos rusos de participación directa nos últimos atentados terroristas acontecidos neste país, anunciando a detención dun presunto espía que estaría implicado na instalación dun coche bomba que chegou a estoupar nas proximidades dunha comisaría, matando a dous policías. Nesa acción, que tivo lugar en febreiro pasado na cidade de Gori, próxima a Osetia do Sur, unha vintena de persoas resultaron feridas.

As autoridades rusas non dubidaron en rexeitar de plano a posibilidade dunha conexión rusa con este tipo de terrorismo ou de instigar calquera tipo de estratexia de terror contra a poboación xeorxiana. A labiríntica e escura política da área post-soviética alimenta mil hipóteses: tanto as que retoman anteriores denuncias sobre a implicación dos servizos secretos rusos en manobras que beneficiaron amplamente ao Kremlin, como o beneficio político que as actuais denuncias xeorxianas proporcionan aos defenestradores de Shevarnadze, preocupados por apurar a saída das tropas rusas do seu solo e deixar expedito o camiño para a presenza estadounidense.

As rexións secesionistas de Abxasia e Osetia do Sur independizáronse de facto de Xeorxia nos primeiros anos noventa, reivindicando a súa integración en Rusia. A poboación local, con forte presenza rusa, puidera secundar esa alternativa, pero sen máis sustento que o seguidismo duns líderes que ben poderían mudar de criterio a curto prazo. O goberno ruso é consciente das implicacións do éxito dunha estratexia semellante que non pode aplaudir abertamente, pois de facelo, a súa estratexia de defensa da integridade territorial fronte ás reivindicacións chechenas, por exemplo, quedaría en entredito. A protección dos dereitos das minorías rusas na que fora patria de Stalin é un argumento sólido que lle permite influenciar a capricho na evolución dos acontecementos, premendo ou aliviando en función da actitude das autoridades de Tiblisi en relación á presenza das súas tropas ou a apostas enerxéticas rexionais. Rusia pode prestar apoio ao statu quo, pero non secundará as reivindicacións secesionistas.

Xeorxia depende enerxicamente de Rusia, e dispón por iso dun fácil recurso adicional para condicionar as actitudes de Tiblisi. Os cortes de subministro eléctrico ou de gas en pleno inverno, poden alentar a protesta cidadá e virala contra un goberno que desaira ao poderoso veciño do norte, non para afirmar a súa soberanía, senón para satisfacer as ambicións estratéxicas do hexemón estadounidense.

Unha última medida de presión ao alcance do goberno ruso consiste en proporcionar visados e dobre nacionalidade ós habitantes das rexións en conflito, mentres incrementa as trabas para a libre circulación dos cidadáns xeorxianos de nacionalidade non rusa.

Cabe salientar que o ministro de Interior de Xeorxia eximiu de toda responsabilidade ás autoridades e ó goberno ruso, argumentando, un tanto sorprendentemente, que non tiñan por que dispor de información sobre as operacións dos servizos de espionaxe. Por outra banda, o ministro de Defensa ruso e a embaixada rusa rexeitaron calquera conexión de cidadáns rusos nestes atentados.

As consecuencias destes cruces de declaracións poden influír negativamente nas delicadas relacións entre os dous países, cada vez máis distanciadas, e engadir mais problemas e incerteza ás negociacións en curso sobre o futuro destes territorios.

O único sinal positivo recente é o inicio da retirada das tropas rusas estacionadas nunha base militar próxima á fronteira con Turquía, que levará aínda varios anos antes de completarse totalmente, a pesar de acordarse mutuamente en 1999.

Se non cabe pensar nunha solución parcial a cada un dos problemas que enfrontan a Rusia e Xeorxia, esa saída, aínda sendo lenta, pode contribuír á busca de solucións para os contenciosos territoriais que eviten a xeralización da violencia como recurso extremo. Non obstante, o medo a perder influenza nunha zona estratexicamente tan importante para os intereses rusos é unha hipoteca o suficientemente seria como para pensar que o camiño do acordo estará repleto de minas.

 
 

Naír Millos Álvarez,
estudiante da USC en prácticas no Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Rusia

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 03/08/2005
Fernando Pol