Presencia-OpiniónVolver ó índice / Outros
“Gangsterismo” no IRA e nas FARC?
Por Roberto Mansilla Blanco (Xornal, 22/03/2005)
 
 

  Clic para aumentar
O principal prexudicado é Gerry Adams (no centro da foto), o líder do Sinn Fein, brazo político do IRA, que agora se atopa nunha situación extremadamente delicada, defenestrado pola comunidade política en EEUU que apoia as actividades do Sinn Fein e aparentemente afastado na recepción da comunidade católica norirlandesa.
 
A noticia do asasinato dun obreiro católico en Belfast e da filla dun ex presidente paraguaio, ambos crimes aparentemente vencellados ás actividades do IRA irlandés e as FARC colombianas, coloca a estas organizacións nunha situación delicada. Diversas fontes de intelixencia consideran que ambos sucesos derivan dunha potencial realidade, a criminalización de ambos movementos, con capacidade de expansión internacional no caso colombiano, complicando o panorama en dous escenarios tan conflictivos como Colombia e Irlanda do Norte.

Polo tanto, non deixa de ser relevante este escenario. As autoridades colombianas, británicas e irlandesas cren que as FARC e o IRA manteñen conexións desde aproximadamente o ano 1998. Algúns acontecementos semellan darlles a razón. En agosto de 2000, tres técnicos irlandeses do IRA foron arrestados en Bogotá. Daquela estaba por implementarse o Plan Colombia de asistencia militar estadounidense, polo que a capacidade ofensiva das FARC aumentou dun xeito contundente, especialmente nos atentados con morteiros e explosivos e a posibilidade de convertirse nunha “guerrilla urbana”. Estas mesmas fontes de intelixencia consideran que o grupo irlandés obtivo ganancias de 20 millóns de dólares entre 1998 e 2001, por actividades de adestramento das FARC en manipulación de morteiros e bombas sofisticadas.

Hoxe, nun escenario internacional básicamente dominado pola estratexia antiterrorista de Washington, ambos casos repercuten dun xeito considerábel na evolución dos conflitos colombiano e norirlandés. O secuestro e posterior asasinato de Cecilia Cubas, filla do ex presidente paraguaio Raúl Cubas, a principios de febreiro, revelou unha inédita aproximación das FARC a este país, a través das súas aparentes conexións cun movemento insurxente local, o partido Patria e Liberdade, autores do crime.

Autoridades policiais locais, colombianas e estadounidenses consideran que as FARC manteñen unha importante presenza en Paraguai, Ecuador, Venezuela e Brasil. En poucas palabras, o que reflicte este caso semella ser que o principal movemento insurxente de América Latina, cunha militancia estimada en 20.000 efectivos, estaría en capacidade de expandir as súas actividades e conexións alén das fronteiras colombianas. E que a súa situación financieira anda por bo camiño: fontes do goberno colombiano afirman que a guerrilla obtivo ganancias de mais de 780 millóns de dólares en tráfico de drogas no 2003.

A situación para o IRA e as FARC evidencia o posíbel debilitamento e illamento do primeiro e o inesperado reforzamento do segundo. O paralelismo é que ambas organizacións poderían estar expandindo as súas actividades e os seus vencellos con outras organizacións e métodos criminais.

O roubo nun banco en Belfast de 50 millóns de dólares en decembro pasado e o degollamento do obreiro irlandés Robert McCartney nun bar local, supostamente en presenza de líderes do IRA, provocaron unha conmoción social con graves consecuencias políticas para o movemento, nunha conxuntura de paz complicada para Irlanda do Norte.

O principal prexudicado é Gerry Adams, o líder do Sinn Fein, brazo político do IRA, que agora se atopa nunha situación extremadamente delicada, defenestrado pola comunidade política en EEUU que apoia as actividades do Sinn Fein e aparentemente afastado na recepción da comunidade católica norirlandesa. En vésperas da festividade de San Patricio, a familia de McCartney foi recibida polo presidente George W. Bush na Casa Branca e os seus chamamentos á xustiza están provocando unha profunda crise no seo do Sinn Fein.

Mentres, nunha increíble proposición, os líderes do IRA ofreceron aos familiares de McCartney o “axustizamento”, vía asasinato, dos perpetradores da morte do obreiro. O rexeite da familia de McCartney a esta solución non só sorprendeu á dirixencia do grupo senón que evidenciou a clase de métodos que estes estarían en capacidade de implementar.

Dun xeito contradictorio, un caso similar, aínda que tamén diametralmente oposto, se observa na situación das FARC colombianas. A principios de febreiro, unha espectacular ofensiva guerrillera contra un posto de control militar, provocou a morte de dúas decenas de soldados. Esta repentina e exitosa aparición da guerrilla se completou co escándalo diplomático provocado pola detención en Caracas, do seu “chanceler” Rodrigo Granda, nunha operación perpetrada por membros dos servizos de intelixencia colombianos coa colaboración de efectivos venezuelanos, e o asasinato de Cecilia Cubas.

O presidente paraguaio Nicanor Duarte declarou nunha visita a Bogotá que o seu goberno libraría unha “guerra frontal” contra as FARC. Aparte da presidencia colombiana, esta é a primeira declaración formal de belicosidade dun xefe de Estado estranxeiro contra a principal guerrilla colombiana. Fontes policiais e de intelixencia suramericanas consideran que as FARC evolucionaron cara unha “empresa multinacional vencellada a grupos do crime organizado e organizacións armadas internacionais”.

Aínda que estas afirmacións teñen certo sentido de conxetura, estas mesmas fontes establecen que as FARC, para financiar as súas actividades, poderían manter contactos con grupos narcotraficantes, a “camorra” napolitana, a “Cosa Nostra”, mafias rusas e ucrainianas, grupos respaldados por Siria e Irán (fálase dunha conexión de Hezbollah e outros grupos islámicos no triángulo Brasil-Arxentina-Paraguai), o IRA, ETA, a Fronte de Liberación para Palestina, o Exército Popular Revolucionario do sureste mexicano, elementos de Sendeiro Luminoso en Perú e da Fronte Sandinista Nacional de Liberación de Nicaragua, ademáis dunha benevolente actitude por parte do goberno de Hugo Chávez en Venezuela. Tamén se lle acusa ás FARC de provocar a inestabilidade rexional en escenarios delicados, como a actual crise socio-política boliviana. Un espectro demasiado amplo e contradictorio. Un escenario abondoso en complexidade.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 23/03/2005
Fernando Pol