Presenza-OpiniónVolver ó índice / Latinoamérica
Lamento boliviano
Por Roberto Mansilla Blanco (A Nosa Terra, 02/06/2005)
 
 

  Manifestantes na Paz, Bolivia, Clic para aumentar
As manifestacións, principalmente dos indíxenas e cocaleiros, crean o caos na capital, La Paz, e nas principais rutas viais. Dous militares rebeláronse a semana pasada esixindo a renuncia de Mesa, aínda que este conta, aparentemente, co respaldo das Forzas Armadas. Pero a retirada do apoio de congresistas, empresarios e movementos populares, perfila un escenario de eleccións anticipadas. Aquí, as opcións políticas comezan a facer acto de presenza.
 
Petróleo, gas natural, inestabilidade política, dereitos indíxenas e cocaleiros e ameaza de secesión territorial. Unha explosiva mestura que fai da crise boliviana a confirmación dunha dinámica convulsa, con carácter expansivo na rexión andina, sumida tralo fracaso do Estado en garantir unha xusta democracia social e un modelo económico equitativo.

Neste escenario, ¿poderá o presidente Carlos Mesa culminar o seu provisional mandato presidencial ata 2007? Probablemente, non. A crise política e social está, dende hai tempo, en fase constante de ebullición. As manifestacións, principalmente dos indíxenas e cocaleiros, crean o caos na capital, La Paz, e nas principais rutas viais. Dous militares rebeláronse a semana pasada esixindo a renuncia de Mesa, aínda que este conta, aparentemente, co respaldo das Forzas Armadas. Pero a retirada do apoio de congresistas, empresarios e movementos populares, perfila un escenario de eleccións anticipadas. Aquí, as opcións políticas comezan a facer acto de presenza.

Outra saída probable é a promulgación dunha Asemblea Constituínte que refunde un novo pacto social e político. Isto situaría a Bolivia na perspectiva da crise andina, similar á perenne convulsión ecuatoriana: como en Quito, os presidentes semellan non durar demasiado. Incluso cando teñen, como neste caso, o apoio do principal líder da oposición, o indíxena e cocaleiro Evo Morales, quen cre nestes momentos que o mellor escenario é que Mesa culmine o seu mandato.

A Bolivia de hoxe experimenta un espertar dos movementos sociais, especialmente de carácter indixenista, nun país segmentado pola disolución social, a pobreza e o atraso económico. O aproveitamento dos recursos nacionais, especialmente o gas natural, e a polémica Lei de Hidrocarburos, camiñan da man e son as claves dunha crise que se completa coa inédita aspiración secesionista da rica provincia de Santa Cruz, que aporta o 40% do PIB e o 60% das exportacións nacionais. Pero en Santa Cruz non avogan pola autonomía os indixenistas nin os movementos sociais, senón os empresarios e as elites. E, para ocultar eles mesmos que non son os que pretenden a secesión, crean corporacións para revestir de lexitimidade social as súas demandas de solicitar un referendo con intencións secesionistas.

Outro escenario sitúase nas multinacionais petroleiras, coa brasileira Petrobras á cabeza, e as negociacións co goberno central pola polémica Lei de Hidrocarburos. Petrobras anunciou que recurrirá ás instancias internacionais para garantir a validez dos seus contratos. O líder cocaleiro Evo Morales preme pola nacionalización dos recursos gasíferos. O presidente Mesa non acepta a aprobación da Lei e negouse a asinala, polo que foi o Congreso quen a aprobou a semana pasada. E nas rúas, a poboación amosa a súa frustración, con cortes de carreteras e o bloqueo nos accesos á capital.

Pero tamén existen claves externas, dende a pretensión da diplomacia brasileira de atopar unha solución e constituirse na principal potencia xeopolítica suramericana, ou os intereses estadounidenses e europeos polos recursos gasíferos e de auga natural, ata o presunto apoio do presidente venezuelano Hugo Chávez a Evo Morales, nun xadrez xeopolítico revestido de varias forzas, intereses e consecuencias. Un cóctel explosivo nun país en estado de ebullición.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/06/2005
Fernando Pol