Volver a TitularesVolver a Presenza/Oriente MedioPresenza-Opinión / Oriente Medio
Sharon e Gaza
Por Roberto Mansilla Blanco (Vieiros, 24/08/2005)
 
 

  Resistencia xudea, clic para aumentar
Nenos palestinos celebran evacuación, clic para aumentar
No plano histórico, o plan de desconexión de Gaza ten similitude coa cesión da península de Sinaí a favor de Exipto en 1978 (para potenciar os acordos de Camp David) e a retirada militar israelí do sur de Líbano en 2000, baixo as ordes do entón primeiro ministro, Ehud Barak. Neste último aspecto, o grupo libanés Hezbollah atribuíuse coma unha victoria a retirada militar israelí tras 18 anos de presenza. Hoxe, o grupo islamista palestiniano Hamas contempla un cálculo similar en Gaza, aínda que a súa dirixencia amosa unha posición mais prudente. (Fotos: 1. Tropas israelíes asaltan un dos últimos bastións da resistencia xudea na Franxa de Gaza. 2. Nenos palestinos celebran a evacuanción do asentamento de Netzarim).
 
A “realpolitk” de Ariel Sharon obriga a tomar en consideración perspectivas ata agora impensables no conflito entre palestinianos e israelís. Que o principal instigador e protector do movemento dos colonos xudeus na franxa de Gaza sexa agora o encargado de rematar coa presenza israelí neses asentamentos, non amosa un sinxelo cambio de actitude senón de tácticas e estratexias, propias da natureza militar.

A histórica retirada dos colonos israelís de Gaza e partes de Cisxordania constitúe unha cuestión clave para determinar o futuro das relacións entre palestinianos e israelís e dos mecanismos políticos para a consecución da paz. Cómpre ter en conta que a decisión de Sharon (tan unilateral que se fixo sen consultar coa Autoridade Nacional Palestiniana), contou cun maioritario consenso dentro da sociedade israelí e, paradoxalmente, da comunidade xudea de EEUU, a principal fomentadora do sionismo e dos colonos xudeus.

Isto significou unha traumática derrota para o movemento político dos colonos, cun apoio político que provén dos sectores máis relixiosos e da ultradereita israelí. A modo preliminar, a decisión de Sharon evidenciou a necesidade de impoñer os referentes laicos sobre os imperativos relixiosos dun movemento dominado polo rabinato. Neste sentido, os prognósticos catastrofistas dunha posíbel “guerra civil” interna mostraron a súa debilidade.

Pero tamén é certo que esta realidade non asegura a solución do problema dentro da sociedade e na política israelí. Aínda queda por saber se esta medida pasará ou non factura política a Sharon, de cara ás eleccións do próximo ano. Polo de agora, a renuncia ministerial de Binyamin Netanyahu, en expresión de apoio á causa dos colonos, define un novo escenario político e electoral.

Pola súa banda, os palestinianos (que coñecían a decisión de Sharon a pesar de non ser consultados), observan cunha mestura de esperanza e escepticismo a retirada israelí, entre escenas de xúbilo polo retorno a Gaza. Recuperan un territorio do que foran desaloxados hai 38 anos, durante a Guerra dos Seis Días, pero a realidade política amosa un escenario distinto: os obxectivos israelís concentranse agora no reforzamento das súas posicións en Cisxordania (onde habitan 240.000 colonos) e Xerusalén, reubicando nestes territorios aos colonos desaloxados de Gaza.

Con esta táctica, Sharon asegura a obstrución da viabilidade futura dun Estado palestiniano e provoca un novo reacomodo demográfico que lle permita iniciar negociacións en termos mais asequíbeis aos intereses israelís. Pola súa banda, os colonos xudeus recibiron entre 200.000 e 300.000 dólares de compensación dun plan de desconexión cun custe de 2.000 millóns de dólares para o Estado israelí.

No plano histórico, o plan de desconexión de Gaza ten similitude coa cesión da península de Sinaí a favor de Exipto en 1978 (para potenciar os acordos de Camp David) e a retirada militar israelí do sur de Líbano en 2000, baixo as ordes do entón primeiro ministro, Ehud Barak. Neste último aspecto, o grupo libanés Hezbollah atribuíuse coma unha victoria a retirada militar israelí tras 18 anos de presenza. Hoxe, o grupo islamista palestiniano Hamas contempla un cálculo similar en Gaza, aínda que a súa dirixencia amosa unha posición mais prudente.

A razón débese ás posíbeis ganancias políticas para Hamas unha vez se completara a retirada militar e dos colonos israelís de Gaza. Este territorio é o berce do grupo islamista e onde manifesta maior fortaleza e popularidade. A desigual distribución demográfica e socioeconómica dun territorio de 362 km2, ata agora dominado polos privilexiados colonos xudeus, e onde habitaban 1,3 millóns de palestinianos, roldando o limiar da pobreza, pode verse agora afectada pola chegada de milleiros de refuxiados palestinianos dende Xordania e Exipto. Estes gobernos tamén observaron con agrado a retirada israelí de Gaza porque, coa saída dos refuxiados palestinianos, minoran un agudo problema social.

O “factor Hamas” revela tamén outra clave do plan de desconexión de Gaza: os líderes do movemento islamista aceptaron participar nas eleccións lexislativas palestinianas, en principio previstas para xullo pasado pero postergadas para xaneiro de 2006, ante o plan de retirada dos colonos xudeus. Esta decisión non equivale a unha vontade do movemento de finalizar os atentados contra obxectivos israelís. Velaí o seu baixo perfil durante a retirada israelí de Gaza, mantendo unha actitude de espera vixilante.

Para o presidente palestiniano Mahmud Abbas, o plan de desconexión en Gaza permitiulle gañar tempo ante o que sería unha case segura derrota do seu partido, Al Fatah, nos comicios lexislativos de xullo. Ao aplacar a Hamas e atraelo ao circuíto político interno, a posición de Abbas tamén se reforza de cara á comunidade internacional. Pero o descontento e a frustración da poboación palestiniana vai en ascenso e xa hai quen avisa da aparición dunha “terceira intifada” pero, nesta oportunidade, non contra Israel senón contra os dirixentes da Autoridade Nacional Palestiniana.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Oriente Medio

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/08/2005
Fernando Pol