Presenza-OpiniónVolver ó índice / Europa
Dubidoso multilateralismo
Por Xosé Luis Franco Grande (A Nosa Terra, 10/03/2005)
 
 

  Clic para aumentar
Que Europa non se faga a máis mínima ilusión, que xa está sendo ben ilusa coas súas flores a Rice ou ao propio Bush: unha cousa é que lles conveña recompoñer as relacións con Europa, que iso é evidente, e outra que se estean convertendo ao multilateralismo, pois seguirán torpedeando a política europea con Irán e con Siria, a política sobre venda de armas a China, as medidas medioambientais, o Tribunal Penal Internacional... (Foto: George W. Bush e Javier Solana no cumio da OTAN en Bruselas o 22/02/2005).
 
Pensan algúns que algo está cambiando no unilateralismo dos EEUU. E dan como exemplo aquela parvaxolada de Condi Rice: perdoar a Rusia, ignorar a Alemaña e castigar a Francia. Porque, din, agora vese que Rice veu a Europa a falar de multilateralismo, preparando así o camiño a Bush para endereitar as tortas relacións coa vella Europa, creadas xustamente por eles dous e outros que seguen pensando hoxe o mesmo que pensaban onte.

Claro que tanto Rice coma Bush, e aínda Rumsfeld –que tamén veu a Europa a facerse o simpático– aprenderon unha boa lección no Iraq: que invadir o país e desfacelo foi moi doado, pero saír del e reconstruílo xa é un pouco máis difícil. E que, xusto aí, é onde o seu unilateralismo se esnafra contra a realidade. Non esquezamos que este unilateralismo ten unha raíz filosófíca que os “neocons” beberon nas ideas simples e primitivas de Richard Perle.

Agora ven que o problema do Iraq vai máis alá das súas posibilidades –incluídas as económicas, non o esquezamos– e chegan a Europa (á vella Europa, non á nova) pedindo axuda, ben para a formación de policías, xuíces, avogados e axentes penitenciarios, ben, en xeral, para “asistencia política, económica e de seguridade á democracia máis recente” –que así se refiren ao Iraq saído das eleccións do 30 de xaneiro, e ninguén o sente como un aldraxe.

Pero Bush non cambia. Porque é un crente. E, ademais, un crente que recibiu directamente de Deus unha misión que cumprir no mundo, como Hitler dicía de si mesmo, ou como o Caudillo nos dicía non hai tanto tempo. Non vai cambiar: tódolos nomeamentos, sen excepción, que fixo despois de ter gañado as eleccións foron de “duros” e “neocons”, dende Rice ou Gonzáles ao sinistro Negroponte, pasando pola teimosa confirmación de Rumsfeld.

Que Europa non se faga a máis mínima ilusión, que xa está sendo ben ilusa coas súas flores a Rice ou ao propio Bush: unha cousa é que lles conveña recompoñer as relacións con Europa, que iso é evidente, e outra que se estean convertendo ao multilateralismo, pois seguirán torpedeando a política europea con Irán e con Siria, a política sobre venda de armas a China, as medidas medioambientais, o Tribunal Penal Internacional... E nunca cambiarán máis ca o necesario para que nada cambie, que dicía Lampedusa.

 
 

Xosé Luis Franco Grande é escritor.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/03/2005
Fernando Pol