Presenza-Opinión / Europa
|
Europa e a “química” de Bush Por Xosé Manuel Figueiras (Xornal, 08/03/2005) |
Afírmase, que o partenariado, debe durar e “se é posible” anovarse. Pero esa renovación require “máis que esperanza, require acción”. Polo tanto, o que en realidade se pretendía coas viaxes de Bush e Condoleezza Rice, a finais do mes de febreiro pasado, non era desbloquear unha relación transatlántica que non funcionaba, senón, máis ben, arrancar un compromiso dos europeos para ligalos a un problema que creou a administración Bush. En definitiva, quere que os europeos constrúan o que os americanos destruíron, non tanto en termos materiais, senón en aras da “estabilidade” da rexión. Bush, nunca creu que a UE fose un actor internacional, e non creo que agora cambiase de idea. Proba diso é que se reúne cos “opositores” orixinarios ó ataque de Iraq, por separado, como nos reinos de Taifas. Nestes momentos, é inviable consagrar recursos a unha posible invasión de Siria ou Iran sen retiralos das zonas “quentes”, ou reimplantar o servizo militar obrigatorio nos USA. Os límites orzamentarios e humanos que representa a invasión de Iraq, Afganistán, e os non menos importantes esforzos de asentamentos militares ó redor de Rusia, en lugares como Xeorxia, por exemplo. E tamén, os compromisos con Taiwan, e a preocupación de Corea de Norte, non posibilitan atender a todo. É necesario logo que os socios europeos, se fagan cargo con algo máis que palabras de “estabilizar”, alí onde a administración Bush usou as bombas. O mundo unilateral, que lle serviu para atacar e entrar nestes países, non lle supón ningún beneficio á hora de abandonalos, logo de proclamar que eles estableceron a democracia no berce do islamismo. Pero é unha democracia máis virtual, que real. En liñas xerais o, Compact establece as prioridades do mundo occidental, en Irán, onde se reafirma a intención de acabar coa proliferación das armas nucleares utilizando ós europeos como intermediarios, en uso do seu “soft power”, para deter a proliferación das armas nucleares, se é necesario, impedindo os usos enerxéticos e civís dos iranianos. En Iraq, onde se involucra ós estados europeos na hecatombe diaria, a través dun grupo de contacto que establecerá un diálogo estratéxico sobre o futuro do país. Contribuír á formación das forzas da orde iraquís, ó igual que participar financeiramente da reconstrución, supón lexitimar a invasión americana, a través da aceptación da democracia títere nacida dunhas eleccións sen campaña electoral, e sen o compromiso de tódalas etnias. Internacionalmente, legalizarase a situación de ruptura que deixou a invasión aliada, cunha autorización de Nacións Unidas, onde unha nova forza multinacional estabilizaría o país baixo os auspicios da OTAN. Co que, ademais, quedarían maiormente controladas as operacións, pero sen personalizar nas forzas americanas que se poderían tomar un respiro, evitar o elevado número de baixas e ocuparse doutros posibles “rogue States”, como acostuman a denominalos os norteamericanos. En Oriente Medio, parece que a estabilización que supuxo a morte de Arafat, xuntouse coa sequidade de Condoleezza Rice, a secretaria de Estado, con Israel. Isto agrada, tanto á opinión pública europea como ós seus dirixentes, e contribúe a crear un clima de confianza, interesado, pois son moitos os intereses creados para que non se chegue a un acordo a corto prazo entre israelís e palestinos. China, seguirá petando na porta polo momento, pero é probable que sexa a moeda de pago en favor da colaboración europea, que ó mesmo tempo recibirían as importantes remesas das vendas de Airbus en China, e doutras operacións comerciais polo estilo cos chineses. En calquera caso, os americanos gardaranse as costas, impoñendo un estrito código de conduta na venda de armamento, ou ben, encoraxando a reunificación de chineses e taiwaneses, co que desaparecería o compromiso coa illa. E para Corea, non lle queda máis que o tempo e o diálogo. Finalmente, a Convención de Xenebra, queda como estaba. Aplicable ós combatentes capturados no campo de batalla da guerra contra o terrorismo -o que non quere dicir que no futuro, algúns dos prisioneiros non sexa cualificados noutra categoría, ó igual que os presos de Guantánamo. En fin, como afirma o presidente da Comisión Europea,Durao Barroso: “a química do presidente Bush gaña máis en persoa, que na televisión”. |
Xosé Manuel Figueiras é licenciado en Ciencias Políticas e da Administración, máster en Estudios Europeos na Universidade Católica de Lovaina, e máster en Administración de Negocios na Solvay Business School. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 13/03/2005 |